Primeira Carta de Pedro 5:1-14

  • “Pastoreade o rabaño de Deus” (1-4)

  • Ser humildes e estar alerta (5-11)

    • Botar sobre Deus tódalas nosas inquietudes (7)

    • O Demo é coma un león que ruxe (8)

  • Palabras de despedida (12-14)

5  Eu, que tamén son ancián e testemuña dos sufrimentos do Cristo, e que tamén recibirei a gloria que será revelada, suplícolles* ós anciáns que hai entre vós: 2  pastoreade o rabaño de Deus que tedes ó voso coidado, servindo como superintendentes*, pero non o fagades por obrigación, senón de boa gana diante de Deus. Ademais, non o fagades porque queredes conseguir ganancias deshonestas, senón de todo corazón. 3  Tampouco o fagades actuando coma se fósedes amos dos que son a herdanza de Deus, senón chegando a ser exemplos para o rabaño. 4  E cando o pastor principal apareza, vós recibiredes a gloriosa recompensa* que non se bota a perder. 5  Da mesma maneira, vós, os homes máis novos, respectade a autoridade dos* homes máis vellos*. Pero todos vós vestídevos de humildade ó tratar uns cos outros, porque Deus ponse en contra dos arrogantes pero móstralles bondade inmerecida ós humildes. 6  Polo tanto, humilládevos baixo a poderosa man de Deus, para que el vos engrandeza cando sexa o momento, 7  mentres botades sobre el tódalas vosas inquietudes*, porque el preocúpase por vós. 8  Mantede o bo xuízo e estade alerta*! O voso inimigo, o Demo*, anda arredor de vós coma un león que está ruxindo e que intenta devorar a alguén*. 9  Pero poñédevos en contra do Demo, firmes na fe, sabendo que tódolos irmáns* arredor do mundo están pasando polos mesmos sufrimentos ca vós. 10  Agora ben, despois de que sufrades durante un pouco de tempo, o Deus de toda bondade inmerecida, que vos chamou á súa gloria eterna porque estades unidos a Cristo, terminará a vosa preparación*. El faravos firmes, el faravos fortes, el poñeravos sobre un fundamento sólido. 11  Que del sexa o poder para sempre. Amén. 12  Por medio de Silvano*, a quen considero un irmán fiel, escribinvos esta pequena carta para animarvos e para asegurarvos que esta é a verdadeira bondade inmerecida de Deus. Mantédevos firmes nela. 13  Mándavos saúdos a que está en Babilonia (que foi escollida coma vós) e tamén Marcos, o meu fillo. 14  Saudádevos uns ós outros con cariño*. Que todos vós, que sodes discípulos de Cristo, teñades paz.

Notas ó pé

Ou “exhorto”.
Ou “coidando ben del”. Ver glosario superintendente.
Lit. “coroa”.
Ou “estade suxeitos ós”.
Ou “anciáns”.
Ou “preocupacións”.
Ou “vixiantes”.
A palabra grega orixinal é diábolos (calumniador). Ver glosario Demo.
Ou “que busca a quen devorar”.
Ou “toda a irmandade”.
Ou “o voso adestramento”.
Tamén chamado Silas.
Lit. “cun bico de amor”.