Primeira Carta de Pedro 3:1-22

  • Mulleres e maridos (1-7)

  • Demostrar empatía e buscar a paz (8-12)

  • Sufrir por ser xustos (13-22)

    • Estar sempre listos para facer unha defensa da nosa esperanza (15)

    • O bautismo e a boa conciencia (21)

3  Da mesma maneira, mulleres, aceptade a autoridade dos* vosos maridos para que, se algúns non son obedientes á palabra de Deus, poidan chegar a selo* sen unha soa palabra grazas á vosa conduta, 2  ó ser eles testemuñas da vosa boa conduta* e profundo respecto. 3  Que o voso adorno non sexan cousas externas (cabelos trenzados*, xoias de ouro e roupa cara), 4  senón que sexa a persoa interior* co adorno incorruptible* dun espírito tranquilo e apracible, que ten moito valor ós ollos de Deus. 5  Porque así se adornaban as mulleres santas do pasado que poñían a súa esperanza en Deus. Elas respectaban a autoridade dos* seus maridos, 6  tal como Sara obedecía a Abrahán e lle chamaba señor. Vós sodes as súas fillas se seguides facendo o que está ben e non vos deixades vencer polo medo. 7  Da mesma maneira, homes, seguide tratando as* vosas mulleres con consideración*. Dádelles honra coma a un recipiente máis fráxil, porque elas tamén van herdar o regalo inmerecido da vida igual ca vós. Se non o facedes, as vosas oracións non serán escoitadas. 8  Por último, estade todos unidos na mesma forma de pensar e demostrade empatía, cariño fraternal, tenra compaixón e humildade. 9  Non devolvades mal por mal nin insulto por insulto. En vez diso, facede cousas boas por eles*, porque Deus chamouvos para iso, e así el fará cousas boas por vós*. 10  Porque “quen queira desfrutar da vida e ver días felices debe refrear a súa lingua do que é malo e os seus labios de falar con enganos. 11  Que se aparte do que está mal e que faga o que está ben. Que busque a paz e se esforce por mantela. 12  Porque os ollos de Xehová fíxanse* nos xustos e os seus oídos escoitan as súas súplicas, pero Xehová* está en contra dos que fan cousas malas”. 13  De feito, quen vos fará dano se estades desexando facer o que está ben? 14  Pero, incluso se sufrides por ser xustos, seredes felices. Non lle teñades medo ó que eles lle teñen medo* nin vos preocupedes. 15  Máis ben, recoñecede nos vosos corazóns que Cristo é o Señor e que é santo*. Estade sempre listos para facer unha defensa diante de calquera que vos pregunte sobre a* vosa esperanza, pero facédeo con apracibilidade e profundo respecto. 16  Mantede unha boa conciencia, para que os que digan calquera cousa en contra de vós queden avergonzados debido á vosa boa conduta como seguidores de Cristo. 17  Porque é mellor sufrir por facer o que está ben (se é a vontade de Deus permitilo) que por facer o que está mal. 18  Porque Cristo morreu unha vez e para sempre polos pecados, unha persoa xusta por persoas inxustas, para axudarvos a encontrar a Deus. A Xesús matárono como humano*, pero recibiu vida como espírito. 19  E tendo un corpo espiritual foi a anunciarlles unha mensaxe ós espíritos* que estaban en prisión, 20  que foran desobedientes no pasado cando, nos días de Noé, Deus estaba esperando pacientemente* mentres se construía a arca. Esa arca levou a través da auga a unhas poucas persoas, é dicir, a oito almas*, e así foron salvadas. 21  Podemos comparar o que pasou naqueles días co bautismo*, que vos está salvando a vós agora (non por quitar o que está sucio no corpo, senón por pedirlle a Deus unha boa conciencia) mediante a resurrección de Xesucristo. 22  El está á dereita de Deus, porque foi ó ceo, e anxos, autoridades e poderes foron postos baixo a autoridade del.

Notas ó pé

^ Ou “estade suxeitas ós”.
^ Ou “sexan gañados”.
^ Lit. “conduta limpa”.
^ É dicir, estilos esaxerados de peiteados.
^ Ou “a persoa secreta do corazón”.
^ Ver glosario incorrupción.
^ Ou “estaban suxeitas ós”.
^ Ou “vivindo coas”.
^ Ou “de acordo con coñecemento”, “entendéndoas”.
^ Ou “vós herdaredes unha bendición”.
^ Ou “devolvede unha bendición”.
^ Ou “o rostro de Xehová está posto”. Ver apén. A5.
^ Ou quizais “non lles teñades medo ás súas ameazas”.
^ Ou “santificade a Cristo como Señor nos vosos corazóns”.
^ Ou “que vos esixa que lle deades un motivo da”.
^ Lit. “na carne”.
^ É dicir, ós demos.
^ Lit. “a paciencia de Deus estaba esperando”.