Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 17

Como orarlle a Deus?

Como orarlle a Deus?

O Creador, “que fixo o ceo e maila terra”, quere escoitar as nosas oracións (Salmo 115:15)

1, 2. a) Por que pensas que a oración é un agasallo moi especial? b) Por que é importante saber o que ensina a Biblia sobre a oración?

COMPARADA co Universo, a Terra é moi pequena. Cando Xehová mira o noso planeta, tódalas persoas que hai nel son coma gotiñas de auga nun caldeiro (Salmo 115:15; Isaías 40:15). Pero, malia sermos tan pequeniños, a Biblia di: “O Señor está cerca dos que o chaman, dos que sinceramente o invocan. El cumpre a vontade dos que o temen, escoita o seu pranto e socórreos” (Salmo 145:18, 19). Non che parece impresionante? Xehová, o Creador todopoderoso, quere ser o noso amigo e escoitar as nosas oracións. Sen dúbida, a oración é un agasallo moi especial que Xehová nos deu a cada un de nós.

2 Pero Xehová só escoitará as nosas oracións se lle oramos como a el lle agrada. Neste capítulo imos ver o que explica a Biblia sobre a oración.

POR QUE É IMPORTANTE ORARLLE A XEHOVÁ

3. Por que deberías orarlle a Xehová?

3 Xehová quere que lle ores, é dicir, que fales con el. Como o sabemos? Por favor, le Filipenses 4:6, 7. Pensa nisto. O Creador de todo o Universo interésase moito por ti, e quere que lle contes o que che preocupa e como te sentes.

4. Por que orarlle con frecuencia a Xehová fortalece a túa amizade con el?

4 A oración axúdanos a ter unha amizade estreita con Xehová. Cando dous amigos falan a miúdo do que pensan, do que lles preocupa e dos seus sentimentos, a súa amizade faise máis forte. O mesmo pasa con Xehová. Na Biblia el cóntache o que pensa e o que sente, e diche o que vai facer no futuro. E mediante a oración ti tamén podes falar con el, e mesmo contarlle os teus sentimentos máis profundos. Se oras con frecuencia, a túa amizade con Xehová farase máis forte (Santiago 4:8).

QUE DEBEMOS FACER PARA QUE DEUS ESCOITE AS NOSAS ORACIÓNS?

5. Por que sabemos que Xehová non escoita tódalas oracións?

5 Escoita Xehová tódalas oracións? Non. No tempo do profeta Isaías, Xehová díxolles ós israelitas: “Cando, a forza de berros, aumentáde-la vosa oración, non son eu quen vos escoita. As vosas mans están cheas de sangue” (Isaías 1:15). Se non temos coidado, poderiamos facer cousas que nos afasten de Xehová. Nese caso, el non escoitaría as nosas oracións.

6. a) Por que é tan importante a fe? b) Como demostramos que temos fe?

6 Se queremos que Xehová escoite as nosas oracións, precisamos ter fe nel (Marcos 11:24). O apóstolo Paulo dixo: “Sen fe é imposible que un lle agrade a Deus, pois quen quere achegarse a Deus precisa crer que El existe e que recompensa os que o buscan” (Hebreos 11:6). Pero non chega con dicir que temos fe. Temos que demostralo obedecendo a Xehová tódolos días (le Santiago 2:26).

7. a) Por que debemos orarlle a Xehová con humildade e respecto? b) Como demostramos que as nosas oracións son sinceras?

7 Cando lle oramos a Xehová, temos que facelo con humildade e respecto. Por que? Se estivésemos a falar cun rei ou cun presidente, ben seguro que o fariamos con moito respecto. Pois Xehová é o Deus todopoderoso, así que cando falamos con el deberiamos amosar inda máis respecto e humildade (Xénese 35:11; Salmo 138:6). Ademais, as nosas oracións teñen que ser sinceras. Temos que orarlle dende o corazón e dicirlle o que sentimos, en vez de repetir unha e outra vez as mesmas palabras (Mateo 6:7, 8).

8. Que debemos facer despois de pedirlle algo a Xehová?

8 Por último, cando lle pedimos algo a Xehová, temos que esforzarnos por actuar en consecuencia co que pedimos. Por exemplo, se lle pedimos que nos axude a ter o necesario para vivir, non podemos ser lacazáns e esperar que Xehová nolo dea todo feito. Máis ben, debemos ser traballadores e estar dispostos a aceptar calquera traballo que poidamos facer (Mateo 6:11; 2 Tesalonicenses 3:10). Ou se lle pedimos axuda para deixar de facer algo que está mal, debemos poñer da nosa parte. Temos que evitar calquera situación que poida ser unha tentación para nós (Colosenses 3:5). A continuación imos contestar algunhas preguntas que a xente se fai sobre a oración.

PREGUNTAS FRECUENTES SOBRE A ORACIÓN

9. a) A quen lle debemos orar? b) Que nos ensina Xoán 16:23 sobre a oración?

9 A quen debemos orarlle? Cando Xesús lles ensinou a orar ós seus discípulos, empezou a oración dicindo: “Noso Pai que estás no ceo” (Mateo 6:9). Xesús tamén dixo: “Con toda verdade volo aseguro: o que lle pidades ó Pai no meu nome, El hávolo dar” (Xoán 16:23). Así que debemos orarlle só a Xehová. E debemos facelo no nome de Xesús. Que implica isto? Que debemos amosar respecto polo papel especial que Xehová lle deu a Xesús para que Deus acepte as nosas oracións. Como xa aprendemos, Xesús veu á Terra para liberarnos do pecado e da morte (Xoán 3:16; Romanos 5:12). Ademais, Xehová nomeouno Sumo Sacerdote e Xuíz (Xoán 5:22; Hebreos 6:20).

Podes orarlle a Xehová en calquera momento

10. Debemos orar nalgunha posición en concreto? Explica a túa resposta.

10 Debemos orar nalgunha posición en concreto? Non. Xehová non nos di que teñamos que estar de xeonllos, sentados ou de pé cando lle oramos. A Biblia ensina que podemos orar en calquera posición respectuosa (Nehemías 8:6; Daniel 6:11 [6:10, NM]; Marcos 11:25). Para Xehová o máis importante non é a postura que teñamos, senón que lle oremos coa actitude correcta. Podemos orarlle en voz alta ou en voz baixa, a calquera hora e en calquera lugar. Podemos estar seguros de que Xehová nos escoita, mesmo cando lle oramos en silencio (Nehemías 2:1-6).

11. Sobre que cousas podemos orar?

11 Sobre que podemos orar? Sobre calquera cousa que lle agrade a Xehová. A Biblia di: “Cando acudimos a el, estamos certos de que nos escoita, se o que lle pedimos está conforme coa súa vontade” (1 Xoán 5:14). Podemos orar sobre asuntos persoais? Claro que si. Orarlle a Xehová é como falar cun bo amigo. Podemos contarlle o que pensamos e sentimos (Salmo 62:9 [62:8, NM]). Podemos pedirlle o seu poderoso espírito santo para que nos axude a facer o que está ben (Lucas 11:13). Tamén podemos pedirlle que nos dea sabedoría para tomar boas decisións e forzas para afrontar os problemas (Santiago 1:5). Ademais, debemos pedirlle a Xehová que perdoe os nosos pecados (Efesios 1:3, 7). E tamén deberiamos orar por outros, como a nosa familia e os irmáns da congregación (Feitos 12:5; Colosenses 4:12).

12. Que debe ser o máis importante nas nosas oracións?

12 Que debe ser o máis importante nas nosas oracións? Xehová e a súa vontade. Deberiamos darlle as grazas por todo o que fixo por nós (1 Crónicas 29:10-13). Cando estivo na Terra, Xesús ensinoulles ós seus discípulos como debían orar (le Mateo 6:9-13). Dixo que en primeiro lugar deberiamos pedir que o nome de Deus sexa santificado, é dicir, que sexa tratado como santo ou sagrado. Despois, Xesús dixo que deberiamos pedir que veña o Reino de Deus e que se faga a vontade de Xehová en toda a Terra. Só despois de pedir por estas cousas tan importantes, Xesús mencionou que poderiamos orar polas nosas necesidades persoais. Ó mencionar primeiro a Xehová e a súa vontade, demostramos que é o máis importante para nós.

13. Canto deben durar as nosas oracións?

13 Canto deben durar as nosas oracións? A Biblia non o di. Dependendo da situación poden ser máis curtas ou máis longas. Por exemplo, antes de comer podemos facer unha oración breve. Pero cando lle damos as grazas ou lle falamos do que nos preocupa, podemos facer oracións máis longas (1 Samuel 1:12, 15). Mais non queremos facer oracións longas só para impresionar, como facían algúns no tempo de Xesús (Lucas 20:46, 47). A Xehová esas oracións non o impresionan. El quere que lle oremos dende o corazón.

14. a) Con que frecuencia debemos orar? b) Que nos ensina isto sobre Xehová?

14 Con que frecuencia debemos orar? Xehová invítanos a falar con el acotío. A Biblia di que debemos estar “afincados na oración”, “orando decote”, ou “constantemente” (Romanos 12:12; Efesios 6:18; 1 Tesalonicenses 5:17). Xehová sempre está dispoñible. Tódolos días podemos agradecerlle o seu amor e xenerosidade. Tamén podemos pedirlle que nos guíe e nos dea forzas e acougo. Se de verdade valoramos o privilexio que temos de orarlle a Xehová, aproveitaremos calquera oportunidade para falar con el.

15. Por que debemos dicir “amén” ó final de cada oración?

15 Por que debemos dicir “amén” ó final de cada oración? A palabra amén significa “así sexa”. É unha forma de expresar que somos sinceros, que estamos convencidos do que dixemos (Salmo 41:14 [41:13, NM]). A Biblia ensina que tamén está ben dicir “amén” ó final dunha oración pública para demostrar que estamos de acordo co que se dixo. Podemos facelo en silencio ou en voz alta (1 Crónicas 16:36; 1 Corintios 14:16).

COMO RESPONDE DEUS AS NOSAS ORACIÓNS

16. Contesta Xehová as nosas oracións? Explica a túa resposta.

16 De verdade contesta Deus as nosas oracións? Si. A Biblia di que Xehová escoita e responde as oracións (Salmo 65:3 [65:2, NM]; Isaías 30:19). El escoita as oracións sinceras de millóns de humanos e contéstaas de moitos xeitos diferentes.

17. De que xeito se vale Xehová dos anxos e dos seus servos na Terra para responder as nosas oracións?

17 Xehová válese dos anxos e dos seus servos na Terra para responder as nosas oracións (Hebreos 1:13, 14). Hai moitos casos de persoas que recibiron a visita dunha testemuña de Xehová pouco despois de lle pediren axuda a Deus para entender a Biblia. Isto demostra que os anxos están dirixindo a predicación da “boa nova” por toda a Terra (le Apocalipse 14:6). Ademais, moitos de nós recibimos a axuda dalgún irmán da congregación xusto despois de orarlle a Xehová sobre un problema ou sobre algo que necesitabamos (Proverbios 12:25; Santiago 2:16).

Xehová pode valerse doutros cristiáns para responder as nosas oracións

18. De que xeito utiliza Xehová o seu espírito santo e a Biblia para responder as nosas oracións?

18 Xehová tamén se vale do seu espírito santo para contestar as nosas oracións. Cando lle pedimos axuda para afrontar un problema, el pode usalo para guiarnos e darnos forzas (2 Corintios 4:7). Xehová tamén utiliza a Biblia para responder as nosas oracións. Ó lermos a Biblia, podemos atopar textos que nos axuden a tomar boas decisións. Xehová tamén pode motivar a alguén para que comente nunha reunión xusto o que precisamos escoitar, ou valerse dun ancián para que comparta con nós un pensamento da Biblia (Gálatas 6:1).

19. Por que pode parecer que Xehová non contesta as nosas oracións?

19 Poida que nalgúns momentos te preguntes: “Por que Xehová inda non contestou a miña oración?”. Lembra que el sabe cal é o mellor momento e a mellor forma de contestar as nosas oracións. Xehová ben sabe o que precisamos. Ademais, poida que teñamos que seguir orando sobre un asunto durante un tempo para demostrarlle que nos importa o que lle pedimos e que temos fe nel (Lucas 11:5-10). Ás veces, Xehová respóndenos dun xeito que non esperabamos. Por exemplo, poida que lle oremos porque temos un problema grave e que Xehová, en vez de quitarnos o problema, nos dea as forzas para soportalo (le Filipenses 4:13).

20. Por que debemos orarlle a Xehová con frecuencia?

20 Está claro que a oración é un agasallo moi especial. Podemos estar seguros de que Xehová nos escoitará (Salmo 145:18). E, canto máis lle oremos dende o corazón, máis forte será a nosa amizade con el.