Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 11

Por que hai tanto sufrimento?

Por que hai tanto sufrimento?

1, 2. Que pregunta se fan moitas persoas?

HOXE hai moito sufrimento no mundo. A miúdo escoitamos noticias coma estas: “Un tsunami destrúe unha cidade”, “Un home armado entra nun lugar cheo de xente e mata moitas persoas”, “O cancro acaba coa vida dunha nai e deixa cinco fillos orfos”.

2 Cando ocorren traxedias coma estas, moitas persoas pregúntanse: “Por que hai tanto sufrimento e odio no mundo?”. Fixécheste algunha vez esta pregunta?

3, 4. a) Que lle preguntou Habacuc a Xehová? b) Que lle respondeu Xehová?

3 A Biblia fala dalgúns servos de Deus que tamén se fixeron esa pregunta. Por exemplo, o profeta Habacuc preguntoulle a Xehová: “¿Por que me fas ve-la iniquidade e me fas contempla-lo crime? Rapina e violencia diante de min: hai rifas e suscítase a disputa” (Habacuc 1:3).

4 Como lle respondeu Xehová? Prometeulle que ía corrixir aquela situación (Habacuc 2:2, 3). Xehová ama moito as persoas. A Biblia di que se preocupa moito por nós (Lucas 12:6, 7). De feito, cando ve que as persoas sofren dóelle moito, inda máis cá nós (Isaías 55:8, 9). Entón, por que hai tanto sufrimento no mundo?

POR QUE HAI TANTO SUFRIMENTO

5. a) Que ensinan moitos líderes relixiosos sobre o sufrimento? b) Pero, que ensina a Biblia?

5 Moitos sacerdotes, curas e outros líderes relixiosos adoitan dicir que é a vontade de Deus que a xente sufra. Din que Deus decide todo o que nos pasa, incluso as cousas malas, e que nunca poderemos entender o porqué. Outros tamén afirman que cando unha persoa morre, mesmo un neno, é porque Deus quería que estivese con el no ceo. Pero iso é mentira! Xehová nunca fai que pasen cousas malas. A Biblia explica: “Lonxe de Deus o ser culpable, lonxe do Omnipotente o obrar inxusto” (Xob 34:10).

6. Por que moita xente lle bota a culpa a Deus de todo o sufrimento que hai no mundo?

6 Moita xente bótalle a culpa a Deus de todo o sufrimento que hai. Fano porque pensan que é Deus quen goberna o mundo. Pero como vimos no capítulo 3, quen goberna o mundo é o Demo.

7, 8. Por que hai tanto sufrimento no mundo?

7 A Biblia di que “o mundo enteiro está nas mans do Maligno” (1 Xoán 5:19). O gobernante deste mundo, Satán, é violento e cruel. A Biblia di que “fai extraviar a tódolos homes” (Apocalipse 12:9). Moita xente imítao, e ese é un dos motivos polo que o mundo está tan cheo de mentiras, odio e crueldade.

8 Outra razón é que, despois de se rebelaren, Adam e Eva transmitíronlles o pecado ós seus fillos, é dicir, os seus fillos herdaron a tendencia a facer o que está mal. Por iso moitas veces os humanos facemos sufrir a outros. O desexo de ser superiores ós demais provoca loitas, guerras e maltratos (Eclesiastés 4:1; 8:9). Outro motivo polo que as persoas sofren é porque algo malo “lles vén enriba de improviso” (Eclesiastés 9:12). Moitos accidentes suceden simplemente porque estamos no momento e no lugar equivocados.

9. Por que podemos estar seguros de que Deus ten unha razón moi boa para permitir o sufrimento?

9 Xehová nunca causa o sufrimento. El non é o culpable das guerras, dos crimes nin das inxustizas. Tampouco é o causante dos desastres, coma os terremotos, os furacáns ou as inundacións. Pero poida que te preguntes: “Se Deus é o ser máis poderoso do Universo, por que non impide que pasen cousas malas?”. Sabemos que Deus se preocupa moito por nós, así que ten que ter unha razón moi boa para permitir o sufrimento (1 Xoán 4:8).

POR QUE PERMITE DEUS O SUFRIMENTO

10. De que acusou Satanás a Xehová?

10 No xardín de Edén, o Demo conseguiu que Adam e Eva desobedecesen a Deus. Acusou a Xehová de ser un mal gobernante e deu a entender que lles estaba a privar de algo bo. Satán quería que cresen que non precisaban a Deus e que el sería mellor gobernante (Xénese 3:2-5; ver a nota 27).

11. Que pregunta precisamos responder?

11 Adam e Eva desobedeceron a Xehová e rebeláronse contra el. Pensaron que tiñan dereito a decidir por si mesmos o que está ben e o que está mal. Como podería probar Xehová que Adam e Eva estaban equivocados e que el sabe o que é mellor para nós?

12, 13. a) Por que non destruíu Xehová a Adam e Eva de inmediato? b) Por que permitiu Xehová que Satán controle o mundo e que os humanos se gobernen a si mesmos?

12 O propósito de Xehová era que a Terra fose un paraíso e se enchese cos descendentes de Adam e Eva. E Xehová vai cumprir co seu propósito inda que Satán intente impedilo (Xénese 1:28; Isaías 55:10, 11). Ese é o motivo polo que Xehová non os destruíu nese momento e lles permitiu ter fillos. Dese xeito, os fillos de Adam e Eva poderían decidir a quen querían como gobernante.

13 Satán acusou a Xehová diante de millóns de anxos (Xob 38:7; Daniel 7:10). Por iso Xehová lle deu tempo para probar a súa acusación. Tamén lles deu tempo ós humanos para gobernárense a si mesmos nun mundo controlado polo Demo. Deste xeito, poderían demostrar se eran quen de gobernarse sen a axuda de Deus.

14. Que se demostrou co tempo?

14 Durante miles de anos, os humanos intentaron gobernarse a si mesmos, pero non puideron. Así demostrouse que Satán é un mentireiro. Os humanos precisamos a axuda de Deus. O profeta Xeremías tiña razón ó dicir: “Xa sei, Señor, que o home non é dono do seu camiñar, e que ninguén é capaz de marchar e asegura-los seus pasos” (Xeremías 10:23).

POR QUE ESPEROU XEHOVÁ TANTO TEMPO

15, 16. a) Por que permitiu Xehová o sufrimento por tanto tempo? b) Por que non solucionou Xehová tódolos problemas causados por Satán?

15 Por que permitiu Xehová o sufrimento por tanto tempo? Por que non impide que pasen cousas malas? Leva tempo saber se un goberno é bo ou non. E o tempo demostrou que o goberno de Satán é un fracaso. Os humanos probaron todo tipo de gobernos pero ningún deles funcionou. Malia tódolos avances en ciencia e tecnoloxía, hoxe hai máis inxustizas, guerras, pobreza e crime ca nunca. Os humanos non somos quen de gobernarnos con éxito sen a axuda de Deus.

16 Xehová tampouco non solucionou os problemas que Satanás causou. Se o fixese, estaría apoiando o goberno de Satán e Deus nunca faría tal cousa. Ademais, os humanos pensarían que son capaces de gobernarse ben eles sós. Pero iso é mentira, e Xehová nunca faría que as persoas cresen unha mentira. Xehová nunca mente (Hebreos 6:18).

17, 18. Que fará Xehová para reparar todo o dano que causou Satán?

17 Será Xehová capaz de reparar todo o dano que causou a rebelión de Satán e dos humanos? Dende logo que si. Para Deus todo é posible. El sabe canto tempo fai falta para que se respondan por completo tódalas acusacións de Satán. Entón, fará da Terra un paraíso, tal como sempre quixo. Ademais, “tódolos que están nos sepulcros” resucitarán (Xoán 5:28, 29). A xente non enfermará nin morrerá nunca máis. Xehová valerase de Xesús “para acabar coas obras do demo” (1 Xoán 3:8). Canto lle agradecemos a Xehová a paciencia que tivo con nós! Grazas a iso, puidemos coñecelo e escollelo como o noso gobernante (le 2 Pedro 3:9, 10). Mesmo cando estamos a sufrir, Xehová axúdanos a aguantar (le 1 Corintios 10:13).

18 Xehová non nos obriga a escollelo como gobernante. Deunos un agasallo moi especial: a liberdade de decidir. Imos ver que significa iso para nós.

COMO USARÁS A TÚA LIBERDADE DE DECISIÓN

19. a) Que agasallo especial nos deu Xehová? b) Por que deberiamos agradecerlle a Xehová este agasallo?

19 Xehová deunos a liberdade de tomar as nosas decisións. Podemos escoller como vivir a nosa vida e decidir se queremos agradarlle a Xehová. Non somos coma os animais, que polo xeral actúan por instinto (Proverbios 30:24-28). Tampouco non somos coma máquinas que só fan as cousas para as que foron deseñadas. Podemos decidir que clase de persoas queremos ser, quen serán os nosos amigos e que faremos coa nosa vida. Xehová quere que sexamos felices.

20, 21. Cal é a mellor decisión que podes tomar?

20 Xehová quere que o amemos (Mateo 22:37, 38). É coma un pai que se alegra moito cando o seu fillo lle di: “Quérote”, e non o fai por obrigación, senón porque de verdade o sente. Xehová deunos a liberdade de escoller se queremos servilo ou non. Satán, Adam e Eva decidiron rexeitar a Xehová. Que escollerás ti? Como usarás a túa liberdade de decisión?

21 O mellor que podes facer é servir a Xehová. Millóns de persoas xa decidiron agradarlle a Deus e rexeitar a Satán (Proverbios 27:11). Deus acabará con todo o sufrimento. Que podes facer agora para vivires no novo mundo? Veremos a resposta no seguinte capítulo.