Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 12

Como podes ser amigo de Deus?

Como podes ser amigo de Deus?

1, 2. Quen foron algúns dos amigos de Xehová?

QUEN queres que sexa o teu amigo? Seguro que alguén con quen te leves ben, que sexa amable e que teña calidades que che gustan.

2 Xehová escolleu algúns humanos como amigos. Un deles foi Abraham (Santiago 2:23). David tamén foi amigo de Deus. Para Xehová era alguén moi agradable. De feito, dixo del que era un “home conforme o meu corazón” (Feitos 13:22). E do profeta Daniel dixo que era “un predilecto”, alguén a quen estimaba moito (Daniel 9:23).

3. Por que Abraham, David e Daniel foron amigos de Xehová?

3 Por que Abraham, David e Daniel foron amigos de Xehová? Xehová díxolle a Abraham: “Por me teres ti obedecido” (Xénese 22:18). Xehová é amigo dos que son humildes e o obedecen. Mesmo pode ser amigo dunha nación enteira. El explicoulle á nación de Israel: “Escoitade a miña voz: Eu serei o voso Deus, e vós seréde-lo meu pobo” (Xeremías 7:23). Así que, se ti tamén queres ser amigo de Xehová, tes que obedecelo.

XEHOVÁ AXUDA OS SEUS AMIGOS

4, 5. Que fai Xehová para axudar os seus amigos?

4 A Biblia di que Xehová “repasa a terra enteira cos seus ollos para fortalecer ós que lle son leais de corazón” (2 Crónicas 16:9). Ademais, en Salmo 32:8 promételles ós seus amigos: “Eu instruireite e ensinareiche o camiño que has de seguir; aconsellareite, pousarei os meus ollos sobre ti”.

5 Xehová quere axudarnos e protexernos (le Salmo 55:23 [55:22, NM]). Como somos amigos seus, servímolo de todo corazón e sómoslle leais mesmo nos momentos difíciles. Temos a mesma confianza en Xehová que tivo o salmista, que escribiu: “Con El á dereita non caerei” (Salmo 16:8; 63:9 [63:8, NM]). Pero o Demo é o noso inimigo e quere impedir que sexamos amigos de Deus. Como intenta conseguilo?

A ACUSACIÓN DE SATÁN

6. Que dixo Satanás dos humanos?

6 No capítulo 11 aprendemos que Satán desafiou a Xehová e que o acusou de ser un mentireiro. Tamén o acusou de ser inxusto porque non deixaba que Adam e Eva decidisen por si mesmos o que estaba ben e o que estaba mal. Ademais, no libro de Xob aprendemos que Satán acusa a tódolos que queren ser amigos de Deus. Di que as persoas só serven a Deus por interese, non porque o amen. Mesmo chegou a dicir que pode conseguir que calquera se poña en contra de Deus. Imos ver o que aprendemos de Xob e como o axudou Xehová.

7, 8. a) Que pensaba Xehová de Xob? b) Que dixo Satán sobre Xob?

7 Quen foi Xob? Foi un home que viviu hai uns tres mil seiscentos anos. Xehová dixo del que daquela non había un home tan bo en toda a Terra. Xob respectaba moito a Xehová, e odiaba o que estaba mal (Xob 1:8). Xob era un bo amigo de Xehová.

8 Satán afirmou que Xob servía a Deus por egoísmo. Díxolle a Xehová. “¿Non será que o tes ti ben cinguido cun valado, el, o seu lar, e canto posúe, e que bendiciches canto fai, e que o seu gando se espalla por toda a campía? ¡Pero ponlle a man enriba e tócalle no que posúe, e has ver se non te maldí na cara!” (Xob 1:10, 11).

9. Que lle permitiu facer Xehová a Satán?

9 Satán acusou a Xob de servir a Xehová só por comenencia, polo que podía sacar del. Tamén dixo que podía conseguir que Xob deixase de servir a Xehová. Xehová non estaba de acordo con Satán, pero deulle permiso para que puxese a proba a Xob. Deste xeito, quedaría clara a verdadeira razón pola que Xob servía a Xehová.

SATÁN ATACA A XOB

10. a) Como atacou Satán a Xob? b) Como reaccionou Xob?

10 Primeiro, Satán fixo que lle roubasen parte do gando a Xob e que lle matasen o resto. Despois fixo que lle matasen a maioría dos seus servos. Por último, Satanás fixo que os dez fillos de Xob morresen nun furacán. Xob perdeuno todo. Pero aínda así, foi leal a Xehová. A Biblia explica: “Con todo, non pecou Xob botando renegos contra Deus” (Xob 1:12-19, 22).

Xehová recompensou a Xob por ser un amigo leal

11. a) Que máis lle fixo Satán a Xob? b) Como reaccionou Xob?

11 Satán non se deu por vencido. Todo o contrario, volveu desafiar a Deus e díxolle: “Mais ponlle a man enriba e máncao nos ósos e na carne, e xa habías ver se non te maldí na cara!”. Entón Satán fixo que Xob tivese una enfermidade horrible (Xob 2:5, 7). Pero Xob seguiu sendo leal a Xehová. Dixo: “¡Deica expirar non cederei na miña integridade!” (Xob 27:5).

12. Como demostrou Xob que Satán é un mentireiro?

12 Xob non sabía nada das acusacións que fixera Satanás nin por que estaba a sufrir tanto. De feito, pensaba que era Xehová o causante dos seus problemas (Xob 6:4; 16:11-14). Pero aínda así, Xob foi leal. Quedou claro que non era egoísta. Todo o que Satanás dixera era mentira. Xob era amigo de Deus e servíao porque o amaba.

13. Cal foi o resultado da lealdade de Xob?

13 Inda que Xob non sabía o que estaba a pasar no ceo, mantívose fiel e demostrou que Satanás é un ser malvado. Despois, Xehová recompensou a Xob por ser un amigo leal (Xob 42:12-17).

SATÁN TAMÉN TE ACUSA A TI

14, 15. De que acusou Satán a tódolos humanos?

14 Podes aprender leccións moi importantes do que lle pasou a Xob. A Biblia explica en Xob 2:4 que Satán dixo: “¡A pel pola pel! Por salva-la vida dá o home todo canto ten”. Así que Satán non só acusou a Xob, tamén nos acusa a todos nós, homes e mulleres, de sermos egoístas e servir a Deus polo que poidamos sacar del. Centos de anos despois da morte de Xob, Satanás seguía desafiando a Xehová e acusando os seus servos. Por exemplo, en Proverbios 27:11 Xehová di: “Meu fillo, faime feliz sendo sabio, e terei resposta que dar a quen me aldraxe [ou insulte]”.

15 Se escolles obedecer a Xehová e ser o seu amigo leal, demostrarás que Satán é un mentireiro. Esa é a mellor decisión que podes tomar, inda que teñas que facer grandes cambios na túa vida. É algo moi serio. Satanás afirma que ti non serás leal a Deus cando teñas problemas. El fai todo o posible para que desobedezamos a Deus. Que métodos utiliza?

16. a) Que métodos utiliza Satán para intentar que a xente deixe de servir a Xehová? b) Que métodos podería utilizar o Demo contigo?

16 Satanás utiliza distintos métodos para que deixemos de ser amigos de Deus. A Biblia explica que “o demo, bruando coma un león, anda ó arredor á procura de quen engulir” (1 Pedro 5:8). Non deberías sorprenderte se os teus amigos, a túa familia ou outras persoas intentan que deixes de estudar a Biblia e de facer o que está ben. Poida que mesmo sintas que te están atacando (Xoán 15:19, 20). * Ás veces, Satán tamén intenta enganarnos para que desobedezamos a Xehová. A Biblia di que “se disfraza de anxo da luz” (2 Corintios 11:14). Outro método que utiliza Satán para que deixemos de servir a Xehová é facernos crer que non somos bos dabondo para agradarlle a Deus (Proverbios 24:10).

OBEDECE A XEHOVÁ

17. Por que obedecemos a Xehová?

17 Cando obedecemos a Xehová, demostramos que Satán é un mentireiro. Que che axudará a seres obediente? A Biblia explica: “Amara-lo Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con tódalas túas aspiracións e con toda a túa forza” (Deuteronomio 6:5). Obedecemos a Xehová porque o amamos, e canto maior sexa ese amor máis quereremos facer o que el nos di. O apóstolo Xoán escribiu: “Porque o amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus non son pesados” (1 Xoán 5:3).

18, 19. a) Cales son algunhas das cousas que Xehová di que están mal? b) Por que sabemos que Xehová nunca nos pide nada que non poidamos facer?

18 Xehová di que hai cousas que están mal. Podes consultar algunhas delas no recadro: “ Odiemos o que Xehová odia”. Ó principio poida que penses que algunhas destas cousas non son tan malas, pero cando leas os textos bíblicos e penses neles, entenderás que o máis sabio é obedecer as leis de Xehová. Ás veces non será fácil. Pero se o fas, desfrutarás da paz e da felicidade que teñen os amigos leais de Deus (Isaías 48:17, 18). Por que sabemos que é posible facer estes cambios?

19 Xehová nunca nos pide nada que non poidamos facer (Deuteronomio 30:11-14). El é un amigo de verdade e coñécenos mellor ca nós mesmos. Sabe cales son os nosos puntos fortes e os débiles (Salmo 103:14). O apóstolo Paulo dixo: “Fiel é Deus, que non consentirá que teñades tentacións superiores ás vosas forzas: coa tentación havos dar tamén os medios para poder saír dela” (1 Corintios 10:13). Podemos estar seguros de que Xehová sempre nos vai dar “esa forza tan extraordinaria” para facer o que está ben e afrontar os problemas (2 Corintios 4:7). Despois de ver como Xehová o axudara, Paulo puido dicir: “Teño forzas para todo gracias a quen me fai forte” (Filipenses 4:13).

APRENDE A AMAR O QUE DEUS AMA

20. Que calidades deberías imitar, e por que?

20 Se queremos ser amigos de Xehová non só debemos deixar de facer as cousas que el di que están mal. Precisamos facer algo máis (Romanos 12:9). Temos que amar as cousas que el ama. Os amigos de Xehová tamén imitan as súas calidades e amosan “amor, felicidade, paz, paciencia, amabilidade, bondade, fe, apracibilidade, autocontrol” (Gálatas 5:22, 23NM). Para saberes como son os amigos de Xehová le Salmo 15:1-5.

21. Que che axudará a amosar as calidades que lle gustan a Deus?

21 Que che axudará a amosar estas fermosas calidades? Se les a Biblia con regularidade aprenderás que cousas lle gustan a Xehová (Isaías 30:20, 21). Segundo o vaias facendo, o teu amor por el irá aumentando, e iso motivarate a obedecelo.

22. Cal será o resultado se obedeces a Xehová?

22 Facer estes cambios é como cambiarse de roupa. A Biblia di que tes que espirte “do home vello” e vestirte “do home novo” (Colosenses 3:9, 10). Inda que non é fácil, cando facemos estes cambios e obedecemos os mandatos de Xehová, el promete que atoparemos “gozos e proveito con cumprilos” (Salmo 19:12, SBG [19:11, NM]). Escolle obedecer a Xehová porque o amas, non só pola recompensa futura. Se o fas, demostrarás que Satán é un mentireiro e chegarás a ser un verdadeiro amigo de Deus.

^ par.16 A Biblia di que Satán é “o deus deste mundo” e que “o mundo enteiro está nas mans do Maligno” (2 Corintios 4:4; 1 Xoán 5:19). Por iso é normal que haxa persoas que queiran impedir que sirvamos a Xehová. Pero isto non quere dicir que, se alguén intenta que deixes de estudar a Biblia, sexa porque Satán o está controlando.