Carta de Santiago 2:1-26

  • O favoritismo é un pecado (1-13)

    • O amor é a lei real (8)

  • A fe que non se demostra con obras está morta (14-26)

    • Os demos cren e tremen co medo (19)

    • A Abrahán chamóuselle amigo de Xehová (23)

2  Meus irmáns, non estaredes demostrando fe no noso glorioso Señor Xesucristo e ó mesmo tempo tratando a outros con favoritismo, verdade? 2  Se dous homes entran nunha das vosas reunións, e un leva aneis de ouro nos dedos e roupa cara pero o outro é pobre e leva roupa sucia, 3  mirades con bos ollos ó que leva roupa cara e dicídeslle “Séntate aquí, que é un bo sitio”, pero ó pobre dicídeslle “Queda de pé” ou “Séntate alí onda o banco para os meus pés”? 4  E logo se facedes isto, non estades facendo diferenza de clases entre vós e converténdovos en xuíces que toman decisións inxustas*? 5  Escoitade, meus queridos irmáns. Acaso non escolleu Deus os que son pobres desde o punto de vista do mundo para que fosen ricos en fe e herdeiros do Reino que el lles prometeu ós que o aman? 6  Pero vós desprezastes ós pobres. E non son os ricos os que vos oprimen e vos levan á forza ante os tribunais? 7  Non son eles os que blasfeman* contra o bo nome que levades? 8  Por iso, se cumprides a lei real* de acordo coa parte das Escrituras que di “Ama os demais* como te amas a ti mesmo”, facedes moi ben. 9  Pero se seguides mostrando favoritismo, estades cometendo un pecado e a lei deixa claro que sodes culpables*. 10  Porque se alguén cumpre toda a Lei pero falla nun só mandamento, é culpable de desobedecer toda a Lei. 11  Porque o que dixo “Non cometas adulterio” tamén dixo “Non asasines”. Así que se non cometes adulterio pero asasinas, es culpable de desobedecer a lei. 12  Seguide falando e portándovos coma os que van ser xulgados pola lei dun pobo libre*. 13  Porque quen non mostra misericordia será xulgado sen misericordia. A misericordia triunfa sobre o xuízo. 14  Meus irmáns, de que serve que alguén diga que ten fe se non a demostra coas súas obras? Esa fe non pode salvalo, non? 15  Se un irmán ou unha irmá necesita roupa* e non ten comida suficiente para o día, 16  de que serve que algún de vós lle diga “Vaite en paz, abrígate e come ben” se non lle dá o que necesita para vivir? 17  Pois pasa o mesmo coa fe: se non se demostra con obras, está morta. 18  Pero alguén podería dicir: “Ti tes fe e eu teño obras. Ensíname a túa fe sen obras e eu ensinareiche a miña fe por medio das miñas obras”. 19  Ti cres que só hai un Deus, verdade? Pois fas moi ben. Pero incluso os demos* cren e tremen co medo. 20  Insensato, non te das conta de que a fe sen obras non serve para nada? 21  E logo non foi o noso pai Abrahán declarado xusto polas súas obras despois de ofrecer o seu fillo Isaac no altar? 22  Polo tanto, podes ver que a súa fe actuou xunto coas súas obras e que a súa fe foi perfeccionada por medio das súas obras. 23  Así cumpriuse a parte das Escrituras que di: “Abrahán tivo fe en Xehová* e foi considerado xusto*”. E a el chamóuselle amigo de Xehová*. 24  Como podedes ver, unha persoa é declarada xusta polas súas obras e non só por medio da súa fe. 25  Da mesma maneira, Rahab a prostituta foi declarada xusta polas súas obras despois de recibir hospitalariamente os mensaxeiros e de envialos por outro camiño, non? 26  Polo tanto, igual que o corpo sen espírito* está morto, a fe sen obras está morta.

Notas ó pé

^ Ou “decisións con maldade”.
^ Ou “do rei”.
^ Ou “o teu próximo”. Ver glosario próximo.
^ Ou “condénavos como transgresores”.
^ Lit. “lei da liberdade”.
^ Lit. “está espido”.
^ Ou “contóuselle como xustiza”.
^ Ou “alento”.