Carta ós Romanos 13:1-14
13 Que todos obedezan as* autoridades superiores, porque non hai ningunha autoridade que non veña de Deus. As autoridades que existen foron colocadas por Deus nas súas posicións relativas*.
2 Así que o que se opón á autoridade ponse en contra da orde que estableceu Deus, e os que se poñen en contra desa orde recibirán a súa condena.
3 Os que fan cousas boas non lles teñen medo ós que gobernan, pero os que fan cousas malas si. Queres vivir sen terlle medo á autoridade? Entón, sigue facendo o ben e recibirás as súas louvanzas,
4 porque as autoridades están ó servizo* de Deus para o teu ben. Pero se estás facendo cousas malas, ten medo, porque a autoridade non leva a espada sen motivo. Está ó servizo* de Deus para executar vinganza e castigar a* quen fai cousas malas.
5 Así que hai boas razóns para que obedezades, non só para evitar o castigo*, senón tamén para que manteñades unha boa conciencia.
6 Por iso vós tamén pagades impostos, porque os que gobernan son servos públicos de Deus que cumpren constantemente coas súas funcións.
7 Dádelles a todos o que lles corresponde: ó que pide imposto, o imposto, ó que pide tributo, o tributo, ó que pide temor, ese temor, e ó que pide honra, esa honra.
8 Non lle debades nada a ninguén excepto amarvos uns ós outros, porque quen ama os demais cumpriu a lei.
9 Porque os mandamentos “non cometas adulterio, non asasines, non roubes, non cobices*”, e calquera outro mandamento que haxa, resúmense nestas palabras: “Ama os demais* como te amas a ti mesmo”.
10 O amor non lles fai nada malo ós demais. Polo tanto, o amor é o cumprimento da lei.
11 Facede isto, porque sabedes en que tempo estamos vivindo. Sabedes que xa é hora de que despertedes, porque agora a nosa salvación está máis cerca que cando nos fixemos crentes.
12 A noite xa case acabou*, o día está cerca. Así que deixemos de facer as cousas que pertencen á escuridade e vistámonos coas armas da luz.
13 Portémonos* de forma decente, coma se fose de día, sen festas descontroladas nin borracheiras, sen relacións sexuais inmorais nin conduta descarada*, sen pelexas nin celos.
14 En vez diso, seguide con coidado o exemplo* do Señor Xesucristo e non esteades facendo plans para satisfacer os desexos da carne*.
Notas ó pé
^ Ou “se sometan ás”.
^ É dicir, algunhas teñen posicións superiores ou inferiores ás outras, pero sempre inferiores á de Deus.
^ Lit. “son ministros”.
^ Lit. “É ministro”.
^ Ou “expresar ira contra”.
^ Ou “esa ira”.
^ É dicir, sentir un desexo excesivo de ter algo.
^ Ou “está moi avanzada”.
^ Lit. “Andemos”.
^ Ou “actos de conduta desvergonzada”. Aquí a palabra grega asélgueia aparece en plural. Ver glosario conduta descarada.
^ Ou “vestídevos”.
^ Ou “pecaminosos”.

