Galego
David contra Goliat. Historia ou mito?
https://cms-imgp.jw-cdn.org/img/p/2016328/univ/art/2016328_univ_sqr_xl.jpg
wp16 núm. 5

Val de Elah

David contra Goliat. Historia ou mito?

David contra Goliat. Historia ou mito?

Algunhas persoas pregúntanse se o relato sobre David e Goliat é unha historia de verdade ou tan só un conto. Preguntácheste o mesmo ó ler o artigo anterior? Nese caso, estaría ben que analizases as seguintes tres preguntas.

1 | Puido un home medir 2,9 metros de altura?

A Biblia di que Goliat medía “seis cóbados e unha coarta” (1 Samuel 17:4, Sagra Biblia en Galego, Manuel Casado Nieto). O cóbado medía 44,5 cm e a coarta 22,2 cm. Isto dá unha suma total de case 2,9 metros. Algúns empéñanse en que non é posible que Goliat fose tan alto. Pero a realidade é que o home máis alto do que se ten rexistro en tempos recentes medía uns 2,7 metros. É tan difícil de crer que Goliat medise case 20 cm máis? Era da tribo dos refaítas, homes coñecidos pola súa gran altura. Un documento exipcio do século XIII a. n. e. menciona que algúns temidos guerreiros da rexión de Canaán medían arredor duns 2,4 metros. Así que a altura de Goliat non era tan disparatada.

2 | Foi David unha persoa real?

Houbo unha época na que os expertos afirmaban que o rei David era tan só unha lenda, pero fóronse descubrindo máis probas que xogaron na súa contra. Os arqueólogos encontraron unha inscrición antiga que menciona a “casa de David”. E o que é máis, Xesucristo falou de David como unha persoa real (Mateo 12:3; 22:43-45). Sábese que Xesús foi o Mesías grazas a dúas xenealoxías detalladas que mostran que descende do rei David (Mateo 1:6-16; Lucas 3:23-31). Está claro que David foi unha persoa real.

3 | Existiron os lugares que se mencionan no relato?

A Biblia di que a loita tivo lugar no val de Elah, ou da Aciñeira. Tamén especifica que o campamento dos filisteos se atopaba na ladeira dalgún lugar entre as vilas de Socoh e Azecah. Os israelitas estaban na ladeira oposta, xusto ó outro lado do val. Existiron realmente estes lugares?

Fíxate no que dixo recentemente unha persoa que visitou esta zona: “O guía, que non era unha persoa relixiosa, levounos ó val de Elah. Subimos por un carreiro ata a cima dunha montaña. Mentres botabamos unha ollada ó val, leunos 1 Samuel 17:1-3. Entón, sinalounos un punto do val dicindo: ‘Alí, á vosa esquerda, están as ruínas de Socoh’. Deuse a volta e dixo: ‘Por aló, á vosa dereita, están as ruínas de Azecah. Os filisteos acamparon entre estas dúas vilas, nalgún punto das ladeiras que están en fronte a vós. Así que é posible que nos atopemos onde acamparon os israelitas’. Pensei en Saúl e David de pé xusto onde eu estaba. Despois empezamos a baixar e, ó fondo do val, atravesamos o leito dun río que estaba practicamente seco e cheo de pedras. Nese momento imaxineime a David escollendo cinco pedras lisas. Con unha delas finalmente mataría a Goliat”. Esta persoa, ó igual que moitas outras, quedou abraiada coa autenticidade dos detalles que aparecen no relato bíblico.

Non hai ningunha base tanxible para dubidar da veracidade deste relato histórico. Nel aparecen persoas e lugares reais. E sobre todo, é parte da Palabra inspirada de Deus. Vén do Deus da verdade, aquel que “non pode mentir” (Tito 1:2; 2 Timoteo 3:16).