Progresa espiritualmente seguindo o exemplo de Paulo
“Loitei a batalla excelente, acabei a carreira, mantívenme na fe” (2 TIM. 4:7).
1, 2. Que cambios fixo Saulo de Tarso na súa vida, e que importante traballo asumiu?
ERA un home intelixente e decidido. A pesar diso, vivía segundo “os desexos da nosa carne” (Ef. 2:3). Máis adiante describiuse a si mesmo coma alguén que “blasfemaba, perseguía o seu pobo e era arrogante” (1 Tim. 1:13). De quen estamos falando? De Saulo de Tarso.
2 Co paso do tempo, Saulo deu un xiro radical á súa vida. Desfíxose dos seus antigos hábitos e esforzouse por non buscar o seu “propio beneficio, senón o de moitos” (1 Cor. 10:33). Converteuse nun home amable e mostrou profundo cariño a quen sufrira por culpa do seu odio (le 1 Tesalonicenses 2:7, 8). El mesmo escribiu: “Cheguei a ser un servo [...]. Eu, que son inferior ó menos importante de tódolos santos, recibín esta bondade inmerecida para anunciarlles ás nacións as boas noticias das incontables bendicións do Cristo” (Ef. 3:7, 8).
3. De que xeitos nos pode axudar estudar as cartas de Paulo e o relato do seu ministerio?
3 Saulo, tamén coñecido como Paulo, fixo un progreso espiritual realmente impresionante (Feit. 13:9). Se estudamos con atención as súas cartas, o relato do seu ministerio e seguimos o seu exemplo de fe, poderemos darlle un impulso ó noso propio progreso na verdade (le 1 Corintios 11:1; Hebreos 13:7). Vexamos como esta análise pode axudarnos a establecer unha boa rutina de estudo persoal, a cultivar amor polos demais e a ter o punto de vista correcto sobre nós mesmos.
Os seus hábitos de estudo
4, 5. Como lle axudou a Paulo o estudo persoal?
4 Paulo xa tiña algún coñecemento sobre as Escrituras porque era un fariseo que fora educado polo “propio Gamaliel” e aprendera “a obedecer estritamente a Lei dos nosos antepasados” (Feit. 22:1-3; Filip. 3:4-6). Xusto despois do seu bautismo marchou meditar “a Arabia”, quizais ó deserto de Siria ou a algún lugar tranquilo da península arábiga (Gál. 1:17). Todo indica que Paulo quería reflexionar con calma nos relatos que demostraban que Xesús era o Mesías prometido. Ademais, necesitaba prepararse para todo o traballiño que tiña por diante (le Feitos 9:15, 16, 20, 22). Paulo dedicou tempo a meditar en asuntos espirituais.
5 O coñecemento e a comprensión que Paulo adquiriu grazas ó seu estudo persoal das Escrituras permitíronlle ensinar a verdade de forma clara e eficaz. Por exemplo, cando estivo na sinagoga de Antioquía de Pisidia, usou polo menos cinco citas directas das Escrituras Hebreas para demostrar que Xesús era o Mesías e referiuse varias veces ós santos escritos. Os seus razoamentos foron tan convincentes que “moitos xudeus e prosélitos que adoraban a Deus seguiron a Paulo e a Bernabé” porque querían aprender máis (Feit. 13:14-44). Anos máis tarde, cando un grupo de xudeus romanos foi visitalo á súa casa, Paulo explicoulles diferentes temas “dándolles un testemuño completo do Reino de Deus. E usou a Lei de Moisés e as palabras dos Profetas para intentar convencelos de que cresen en Xesús” (Feit. 28:17, 22, 23).
6. Que lle axudou a Paulo a manterse espiritualmente forte cando se enfrontou a probas?
6 Cando se enfrontaba a probas, Paulo seguía acudindo ás Escrituras para obter forzas da súa mensaxe inspirada (Heb. 4:12). Incluso mentres estivo preso en Roma, pouco antes da súa execución, pediulle a Timoteo que lle trouxese “os rolos” e “os pergamiños” (2 Tim. 4:13). É probable que estes documentos fosen porcións das Escrituras Hebreas que utilizaba no seu exhaustivo estudo. Ter unha boa rutina de estudo permitiulle adquirir un coñecemento das Escrituras que foi esencial para manterse firme.
7. Cales son os beneficios dun estudo regular da Biblia?
7 Ter o costume de estudar a Biblia e meditar detidamente no que lemos axúdanos a progresar espiritualmente (Heb. 5:12-14). Pensando no valiosa que é a Palabra de Deus, un salmista cantou: “A túa vontade é para min mellor ca milleiros de ouro e prata. Os teus preceptos fanme máis cordo cós inimigos, pois están sempre comigo. De todo mal camiño arredo os pés, observando a túa palabra” (Sal. 119:72, 98, 101). Tes un programa para estudar a Biblia regularmente? Estaste a preparar para futuras responsabilidades na organización de Deus lendo a Biblia tódolos días e meditando no que les?
Aprendeu a amar os demais
8. Como trataba Saulo a xente que non era xudía?
8 Antes de facerse cristián, Saulo era un firme defensor da súa relixión e apenas lle importaba a xente que non era xudía (Feit. 26:4, 5). Estivo presente cando apedraron a Esteban e mesmo chegou a aprobar o seu asasinato. Como foi testemuña daquel episodio, que seguramente consideraba un castigo merecido, Saulo debeu sentirse aínda máis ousado (Feit. 6:8-14; 7:54–8:1). O relato inspirado di: “Saulo empezou a perseguir a congregación con moita crueldade. Entraba nunha casa tras outra, arrastraba homes e mulleres para fóra e mandábaos á prisión” (Feit. 8:3). Chegou “ó punto de perseguilos incluso en cidades apartadas” (Feit. 26:11).
9. Que experiencia levou a Saulo a reconsiderar o xeito no que trataba as persoas?
9 Cando ía de camiño a Damasco para perseguir os discípulos de Cristo, Xesús aparecéuselle. O intenso brillo da luz do Fillo de Deus deixouno cego e necesitou a axuda doutros. Cando Xehová usou a Ananías para devolverlle a vista, a actitude de Paulo cara ós demais cambiou para sempre (Feit. 9:1-30). Despois de facerse cristián, esforzouse por relacionarse con persoas de toda clase, igual que fixera Xesús. Isto implicou deixar de lado a violencia e procurar vivir “en paz con todos” (le Romanos 12:17-21).
10, 11. Como lles mostrou Paulo un amor auténtico ós demais?
10 Paulo non se conformou con estar en paz cos demais, quería mostrarlles un amor auténtico, e a predicación deulle esa oportunidade. Na súa primeira viaxe misional falou das boas noticias en Asia Menor. A pesar da forte oposición, Paulo e os seus compañeiros centráronse en axudar ás persoas humildes a facerse cristiás. Incluso despois de que os opositores de Listra e Iconio intentaran matar a Paulo, volveron visitar estas cidades (Feit. 13:1-3; 14:1-7, 19-23).
11 Máis adiante, Paulo e os que ían con el buscaron persoas de bo corazón na cidade de Filipos, en Macedonia. Alí, unha prosélita xudía chamada Lidia escoitou as boas noticias e fíxose cristiá. Os maxistrados civís mandaron mallar en Paulo e Silas con varas e arreboláronos no cárcere. Con todo, Paulo aproveitou a situación para predicarlle ó garda e tanto el como a súa familia bautizáronse e chegaron a ser adoradores de Xehová (Feit. 16:11-34).
12. Que motivou a Saulo a converterse nun cariñoso apóstolo de Xesucristo?
12 Que levou a este antigo perseguidor a ter a mesma fe que as súas vítimas? Que fixo que este home tan arrogante chegase a converterse nun apóstolo amable e cheo de amor? Como chegou ó punto de arriscar a súa vida para que outros puidesen aprender a verdade sobre Deus e Cristo? El mesmo deu a resposta: “Deus [...] [chamoume] por medio da súa bondade inmerecida, [...] e que así eles puidesen coñecer o seu Fillo” (Gál. 1:15, 16). Ademais, escribiulle a Timoteo: “Mostróuseme misericordia para que Cristo Xesús demostrase toda a súa paciencia por medio de min, que son o peor dos pecadores. Fixo isto ó poñerme de exemplo para os que van demostrar fe nel e que así poidan conseguir vida eterna” (1 Tim. 1:16). Xehová perdoou a Paulo, e esa bondade inmerecida e misericordia motivárono a mostrar amor ós demais predicándolles as boas noticias.
13. Que nos debería motivar a mostrar amor, e como podemos facelo?
13 No noso caso, Xehová tamén perdoa os nosos erros e pecados (Sal. 103:8-14). O salmista preguntou: “Se ti levas conta dos pecados, ¿quen, Señor, se terá en pé?” (Sal. 130:3). Se non recibísemos a misericordia de Xehová, ningún de nós podería servilo nin ter a esperanza da vida eterna. Pero o certo é que contamos coa marabillosa bondade inmerecida de Deus. Por iso, igual ca Paulo, debemos mostrar amor predicándolles ás persoas e ensinándolles a verdade, e tamén fortalecendo os nosos irmáns (le Feitos 14:21-23).
14. Que podemos facer para aumentar o noso ministerio?
14 Paulo quería seguir progresando como ministro das boas noticias e o exemplo de Xesús chegoulle ó corazón. Un dos xeitos máis evidentes nos que o Fillo de Deus demostrou amor de forma sobresaínte foi precisamente no seu ministerio. Xesús dixo: “Realmente queda moita colleita por apañar, pero hai poucos traballadores. Así que rogádelle ó Dono da colleita que mande traballadores” (Mat. 9:35-38). Se Paulo pediu nalgún momento máis traballadores, está claro que actuou conforme a esa petición sendo un predicador entusiasta. E ti? Podes mellorar a calidade da túa predicación? Podes dedicar máis tempo á obra de predicar, ou incluso reorganizar a túa vida para ser pioneiro? Amemos de verdade os demais axudándolles a agarrarse “con forza á palabra de Deus, que dá vida” (Filip. 2:16).
Como se vía a si mesmo
15. Como se vía Paulo a si mesmo e a outros cristiáns?
15 Como cristián, Paulo púxonos un exemplo extraordinario noutro aspecto. Aínda que recibira moitas responsabilidades na congregación, sempre tivo moi claro que non as obtivera polas súas capacidades. Sabía ben que tódalas bendicións das que desfrutaba se debían á bondade inmerecida de Deus. Ademais, recoñecía que había outros cristiáns que tamén eran excelentes ministros das boas noticias. A pesar de ser unha persoa relevante dentro do pobo de Deus, Paulo mantívose sempre humilde (le 1 Corintios 15:9-11).
16. Como mostrou Paulo humildade e modestia ó tratar o asunto da circuncisión?
16 Vexamos como manexou Paulo un problema que xurdiu na cidade siria de Antioquía. A congregación estaba dividida polo tema da circuncisión (Feit. 14:26–15:2). Como Paulo fora escollido para encabezar a predicación ós xentís incircuncisos, puido pensar que el era o máis indicado para resolver a situación, xa que tiña moita experiencia tratando con persoas non xudías (le Gálatas 2:8, 9). Pero, ó ver que os seus esforzos non aclaraban o asunto, apoiou con humildade e modestia a decisión de ir onda o consello reitor en Xerusalén para tratar o tema. Alí escoitaron o problema, tomaron unha decisión e escolleron a Paulo para que fose un dos seus mensaxeiros (Feit. 15:22-31). Paulo cooperou estreitamente con eles e dese xeito tomou a iniciativa de honrar os seus irmáns (Rom. 12:10b).
17, 18. a) Que sentía Paulo polos irmáns? b) Que nos mostra sobre Paulo a reacción dos anciáns de Éfeso?
17 Paulo foi humilde e non se afastou dos irmáns das congregacións; ó contrario, aferrouse a eles. Ó final da súa carta ós Romanos, saudou por nome a unhas vinte persoas, moitas das cales non se mencionan en ningunha outra parte das Escrituras. Aínda que poucos tiñan privilexios especiais, todos eran servos fieis de Xehová e Paulo queríaos moitísimo (Rom. 16:1-16).
18 A actitude humilde e amigable de Paulo fortaleceu as congregacións. Despois de que se reunise cos anciáns de Éfeso por última vez, “empezaron a darlle abrazos e bicos con cariño porque estaban moi tristes, sobre todo polo que dixera de que non volverían a velo”. Se Paulo fose orgulloso e tivese unha actitude fría, os irmáns non reaccionarían desta maneira (Feit. 20:37, 38).
19. Como podemos mostrar “humildade mental” no noso trato cos irmáns?
19 Tódolos que queren progresar espiritualmente deben demostrar unha actitude humilde coma a de Paulo. El mesmo díxolles ós cristiáns: “Non fagades nada motivados por un espírito conflitivo ou egocéntrico. En vez diso, pensade con humildade que os demais son superiores a vós” (Filip. 2:3). Como podemos aplicar este consello? Un xeito é cooperando cos anciáns, seguindo a súa dirección e apoiando as decisións que tomen con relación a pecados graves (le Hebreos 13:17). Outro modo de facelo é valorar sinceramente a tódolos nosos irmáns. Nas congregacións das Testemuñas de Xehová hai persoas de diferentes nacionalidades, culturas, razas e etnias. Deberiamos aprender a tratar a todos por igual, tal como fixo Paulo (Feit. 17:26; Rom. 12:10a). A Biblia anímanos: “Recibídevos con cariño uns ós outros, tal como Cristo tamén vos recibiu con cariño a vós, para que isto lle dea gloria a Deus” (Rom. 15:7).
“Corramos con aguante” a carreira pola vida
20, 21. Que nos axudará a correr con éxito a carreira que leva á vida eterna?
20 A vida dun cristián pódese comparar a unha carreira de longa distancia. Paulo escribiu: “Acabei a carreira, mantívenme na fe. A partir de agora, está reservada para min a coroa da xustiza que me vai dar o Señor, o xuíz xusto, como recompensa no día de xuízo. Pero non só ma vai dar a min, senón tamén a tódolos que esperaron con moitas ganas que el aparecese” (2 Tim. 4:7, 8).
21 Seguir o exemplo de Paulo axudaranos a correr con éxito a carreira que leva á vida eterna (Heb. 12:1). Fagamos todo o posible por continuar progresando espiritualmente tendo unha boa rutina de estudo persoal, cultivando amor xenuíno polos demais e sendo humildes.
Que responderías?
• Como se beneficiou Paulo de ter un estudo regular das Escrituras?
• Por que é importante que os verdadeiros cristiáns teñan un profundo cariño polos demais?
• Que cualidades che axudarán a tratar a todos por igual?
• Como pode axudarche o exemplo de Paulo a cooperar cos anciáns?
[Preguntas de estudo]
[Imaxe]
Ó igual que Paulo, colle forzas das Escrituras.
[Imaxe]
Demostra amor polos demais predicando as boas noticias.
[Imaxe]
Por que se gañou Paulo o cariño dos irmáns?

