Fixeron a vontade de Xehová
María escolle “a mellor parte”
NOS días de Xesús, as mulleres xudías sufrían discriminación por culpa das tradicións rabínicas. Por iso non se vía ben que estudiasen a Lei mosaica. De feito, na Mishná aparece a seguinte opinión: “Todo el que instruye a su hija en la Torá es como el que la instruyera en cosas frívolas” (Sotá 3:4).
Por culpa disto, no primeiro século moitas mulleres de Xudea non tiñan estudos. A obra The Anchor Bible Dictionary explica: “Non hai ningunha proba de que, antes do ministerio de Xesús, as mulleres xudías puidesen ser discípulas dun gran mestre, e moito menos que viaxasen con el ou que ensinasen a outros, salvo que fosen nenos”. E para denigrar aínda máis as mulleres, algúns líderes relixiosos incluso estableceron unha regra para que ningún home falase cunha muller en público!
Xesús rexeitou seguir esas actitudes tan inxustas. El ensinou tanto a mulleres como a homes por igual, e entre os seus discípulos había persoas de ambos sexos (Lucas 8:1-3). Nunha ocasión, Marta e María invitaron a Xesús ó seu fogar (Lucas 10:38). Estas dúas mulleres eran as irmás de Lázaro, e os tres eran discípulos e bos amigos de Xesús (Xoán 11:5). Considerando a cantidade de xente que foi ó enterro de Lázaro, esta familia debeu ser de cartos. En calquera caso, o que pasou cando Xesús foi á súa casa ensinoulles unha lección que tamén nos beneficia a nós.
Aprendendo ós pés de Xesús
Seguro que Marta e María querían darlle a Xesús un luxoso festín, algo que probablemente podían permitirse (compara con Xoán 12:1-3). Aínda así, cando chegou o invitado, María “sentou ós pés do Señor e quedou escoitando o que el dicía” (Lucas 10:39). Ningunha tradición humana ía impedir que Xesús lle ensinase a unha muller de bo corazón que estaba desexando aprender! Imaxina a María sentada fronte a Xesús absorta no que el dicía, igual que unha alumna está totalmente concentrada en escoitar o seu Mestre (compara con Deuteronomio 33:3; Feitos 22:3).
A diferenza de María, “Marta estaba distraída encargándose de moitas cousas”. Como estaba a preparar unha comida moi elaborada, non tiña tempo para outras cousas. Claro, ó ver que María non a axudaba con todo o traballo que tiña, enfadouse! Entón, Marta interrompeu a Xesús, quizais dunha forma brusca, dicindo: “Señor, e logo non che importa que miña irmá me deixase a min soa preparando todo? Dille que veña e que me axude” (Lucas 10:40).
A petición de Marta non tiña nada de malo. Despois de todo, preparar a comida para un grupo dá traballo e non se debería encargar unha soa persoa. Pero Xesús viu nas súas palabras unha oportunidade para ensinar unha valiosa lección. Xesús respondeulle: “Marta, Marta, estás inquieta e preocupada por moitas cousas, pero necesítanse poucas cousas, ou só unha. María escolleu a mellor parte e non se lle vai quitar” (Lucas 10:41, 42).
Xesús non estaba a dicir que Marta non tiña interese nos asuntos espirituais. El sabía que ela era unha muller que tiña unha gran devoción por Deus. a Seguro que foi por iso que invitara a Xesús á súa casa. Non obstante, o que o seu Mestre quería destacar é que, como Marta estaba tan absorta preparando a comida, estábase perdendo unha oportunidade única de ser ensinada persoalmente polo Fillo de Deus.
Está claro que a cultura daquela época fomentaba o punto de vista de que as mulleres demostraban o seu valer nas cousas da casa. Pero a resposta de Xesús mostrou que as mulleres, ó igual cós homes, podíanse sentar ós pés do Fillo de Deus a escoitar palabras que levan á vida eterna (Xoán 4:7-15; Feitos 5:14). Sabendo isto, para Marta sería moitísimo mellor preparar uns poucos pratos, ou mellor só un, con tal de aproveitar a oportunidade de sentar ós pés do Mestre e aprender del (compara con Mateo 6:25).
A lección para nós
Na actualidade, tanto homes coma mulleres responden a invitación de Xesús de coller “gratis da auga da vida” (Apocalipse 22:17). Ó igual que Marta, hai quen quere tanto os irmáns que fai todo o posible por axudarlles. Son resolutivos e ofrécense rapidamente, e Xehová promete recompensalos por todo o amor que están demostrando (Hebreos 6:10; 13:16). Outros quizais se parecen máis a María, son máis tranquilos e observadores. As súas ganas de meditar na Palabra de Deus axúdalles a ter unha fe ben arraigada (Efesios 3:17-19).
Estas dúas clases de irmáns son imprescindibles na congregación. Pero cando veña o fin, todos debemos escoller “a mellor parte” dándolle prioridade ós asuntos espirituais. Asegurándonos de cales son as cousas máis importantes, teremos o favor e a bendición de Xehová (Filipenses 1:9-11).
[Nota]
a Sabemos que Marta era unha muller espiritual pola conversa que tivo con Xesús despois da morte do seu irmán Lázaro. Esta vez foi Marta quen tiña ansia por estar con Xesús (Xoán 11:19-29).

