Ir ó contido

Que é o bautismo?

Que é o bautismo?

O que di a Biblia

 O bautismo é unha inmersión completa en auga. a Na Biblia fálase de moitos bautismos (Feitos 2:41). Entre eles o de Xesús, que foi mergullado no río Xordán (Mateo 3:13, 16). Anos despois, un etíope foi bautizado nunha “masa de auga” que estaba cerca do camiño polo que viaxaba (Feitos 8:36-40, TNM).

 Xesús ensinou que o bautismo é un requisito para os seus seguidores (Mateo 28:19, 20). E o apóstolo Pedro confirmou esta ensinanza (1 Pedro 3:21).

Neste artigo veremos o seguinte:

 O significado do bautismo

 O bautismo é unha demostración pública de que unha persoa se arrepentiu dos seus pecados e lle prometeu a Deus facer sempre a súa vontade. Isto significa obedecer a Xehová e a Xesús en tódolos aspectos da súa vida. O bautismo é o primeiro paso que deben dar as persoas para vivir para sempre.

 A inmersión en auga é un símbolo axeitado para o cambio que fai a persoa na súa vida. Como é isto? A Biblia compara o bautismo a un enterro (Romanos 6:4; Colosenses 2:12). Cando unha persoa se afunde na auga, simboliza que morre con respecto ó seu estilo de vida anterior. E cando sae da auga, comeza unha nova vida como cristián dedicado.

 Que di a Biblia sobre bautizar os bebés?

 A Biblia non ensina que se teña que bautizar os bebés. b Máis ben, nela explícase que a persoa que se queira bautizar debe cumprir certos requisitos. Polo menos debería entender as ensinanzas básicas da Palabra de Deus e vivir de acordo con elas. Tamén debería terse arrepentido dos seus pecados e dedicado a súa vida a Deus en oración (Feitos 2:38, 41; 8:12). Os bebés non poden facer estas cousas.

 Que significa ser bautizado no nome do Pai, do Fillo e do espírito santo?

 Xesús mandoulles ós seus seguidores: “Facede discípulos [. . . ] bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos mandei” (Mateo 28:19, 20). A expresión no nome de significa que a persoa que se bautiza recoñece a autoridade e a posición do Pai, do Fillo e tamén o papel do espírito santo de Deus. Para entendelo mellor: o apóstolo Pedro díxolle a un home que era coxo de nacemento: “En nome de Xesús Cristo de Nazaret, érguete e anda” (Feitos 3:6). O significado está claro. Pedro recoñecía a autoridade de Xesús e deulle o mérito dese milagre.

  •   O “Pai” refírese a Xehová c Deus. Como Creador, Fonte da vida e Deus Todopoderoso, Xehová ten a autoridade suprema (Éxodo 6:3; Apocalipse 4:11).

  •   O “Fillo” é Xesús, quen deu a vida por todos nós (Romanos 6:23). Se non recoñecemos e aceptamos o papel de Xesús no propósito de Deus para a humanidade, non poderemos alcanzar a salvación (Xoán 14:6; 20:31; Feitos 4:8-12).

  •   O “Espírito Santo” é a forza activa de Deus, é dicir, o seu poder en acción. d Deus usou o seu espírito santo para crear, dar vida, transmitir mensaxes ós profetas e a outras persoas, e para capacitalos para facer a súa vontade (Xénese 1:2, nota; Xob 33:4; Romanos 15:18, 19). Deus tamén usou o seu espírito santo para inspirar os escritores da Biblia e que estes escribisen os seus pensamentos (2 Pedro 1:21).

 É un pecado volver a bautizarse?

 Moitas persoas deciden cambiar de relixión. Pero se xa estaban bautizadas, estarían pecando se se volven bautizar nunha relixión diferente? Algunhas persoas poden pensar que si, segundo o que menciona Efesios 4:5, que di: “Hai un só Señor, unha soa fe, un só bautismo”. En cambio, este versículo non quere dicir que unha persoa non se poida volver bautizar. Como o sabemos?

 Contexto. O contexto de Efesios 4:5 mostra que o apóstolo Paulo estaba destacando a necesidade que tiñan os cristiáns de estar unidos nas súas crenzas (Efesios 4:1-3, 16). Esta unidade só podería existir se adoraban o mesmo Señor, Xesucristo, entendían o que a Biblia ensinaba e seguían os mesmos requisitos baseados na Biblia para o bautismo.

 O apóstolo Paulo animou a algúns que xa se bautizaran a facelo de novo. Por que razón? Porque se bautizaran sen entender por completo as ensinanzas cristiás (Feitos 19:1-5).

 A verdadeira base para o bautismo. O bautismo, para que Deus o acepte, debe estar baseado nun coñecemento exacto das verdades da Biblia (1 Timoteo 2:3, 4). En cambio, se unha persoa se bautiza baseando a súa fe en ensinanzas que van en contra do que di a Biblia, Deus non vai aceptar ese bautismo (Xoán 4:23, 24). Pode que a persoa teña boas intencións e pense que está a facer o que está ben, pero “non é un fervor ben entendido” ou non se basea en coñecemento exacto (Romanos 10:2). Para ter a aprobación de Deus, esa persoa debería aprender o que di a Biblia, poñer en práctica o que aprenda, dedicarlle a súa vida a Deus e bautizarse de novo. Nunha situación así, bautizarse de novo non é un pecado. De feito, sería a maneira correcta de actuar.

 Outros bautismos que atopamos na Biblia

 Ademais da inmersión completa en auga que fan os seguidores de Xesús, a Biblia fala doutros tipos de bautismos que teñen un significado diferente. Vexamos algúns exemplos.

 Os bautismos que fixo Xoán o Bautista. e Xoán bautizou os xudeus e a aquelas persoas que se converteran ó xudaísmo como símbolo do seu arrepentimento polos pecados que cometeran contra a Lei mosaica, é dicir, a lei que Deus lles dera ós israelitas a través de Moisés. Os bautismos que fixo Xoán foron de axuda para que as persoas recoñecesen e aceptasen a Xesús de Nazaret coma o Mesías (Lucas 1:13-17; 3:2, 3; Feitos 19:4).

 O bautismo de Xesús. Xesús foi bautizado por Xoán o Bautista e pódese dicir que foi un bautismo único, diferente a calquera outro. Xesús era perfecto e non cometera pecado ningún (1 Pedro 2:21, 22). Así que o seu bautismo non estaba relacionado co arrepentimento nin con “pedirlle a Deus unha boa conciencia” (1 Pedro 3:21, TNM). Máis ben, ó bautizarse, Xesús demostrou que se estaba presentando diante de Deus para facer a súa vontade coma o Mesías predito. Isto incluía morrer e dar a súa vida pola humanidade (Hebreos 10:7-10).

 O bautismo con espírito santo. Tanto Xoán o Bautista coma Xesús falaron do bautismo con espírito santo (Mateo 3:11; Lucas 3:16; Feitos 1:1-5). Este bautismo non é o mesmo que bautizarse no nome do espírito santo (Mateo 28:19). Por que?

 Tan só uns poucos discípulos de Xesús foron bautizados con espírito santo. Estas persoas foron escollidas para servir con Cristo nos ceos en calidade de reis e sacerdotes. Por iso foron unxidas con espírito santo f (1 Pedro 1:3, 4, TNM; Apocalipse 5:9, 10). Eles gobernarán sobre millóns de seguidores de Xesús que teñen a esperanza de vivir para sempre na Terra feita un paraíso (Mateo 5:5; Lucas 23:43, TNM).

 O bautismo en Xesucristo e o bautismo na súa morte. As persoas que son bautizadas con espírito santo, tamén son bautizadas en Cristo Xesús (Romanos 6:3, TNM). Isto aplícalle ós seguidores unxidos de Xesús que gobernarán con el nos ceos. Ó ser bautizados en Xesús chegan a formar parte da súa congregación unxida, onde Xesús é a Cabeza e eles son o corpo (1 Corintios 12:12, 13, 27; Colosenses 1:18).

 Os cristiáns unxidos tamén son bautizados na morte de Xesús (Romanos 6:3, 4, TNM). Imítano ó levar unha vida sacrificada de obediencia a Deus e tamén ó renunciar a calquera esperanza de vivir para sempre na Terra. De forma figurada, os unxidos completan o seu bautismo cando morren e reciben a resurrección celestial coma criaturas espirituais (Romanos 6:5; 1 Corintios 15:42-44).

 Bautismo con lume. Xoán o Bautista díxolles ás persoas que o escoitaban: “[Xesús] havos bautizar co Espírito Santo e con lume. Porque trae a forcada na man, para limpa-la súa eira e na hucha recolle-lo trigo; e ha queima-la palla nun lume que nunca se apaga” (Mateo 3:11, 12). Segundo estas palabras pódese ver que hai diferenzas entre o bautismo con lume e o bautismo con espírito santo. Pero, que quixo dicir Xoán con esta ilustración?

 O trigo representa a aqueles que escoitan a Xesús e o obedecen. Estas persoas teñen a perspectiva de ser bautizados con espírito santo. Por outro lado, a palla simboliza a aqueles que non escoitan a Xesús. Estes terán un bautismo con lume, é dicir, serán destruídos para sempre (Mateo 3:7-12; Lucas 3:16, 17).

a Segundo o Diccionario expositivo de palabras del Antiguo y Nuevo Testamento exhaustivo, de W. E. Vine (traducido por Guillermo Cook y Santiago Escuain), a palabra grega que se traduce “bautismo” refírese a entrar na auga, ser completamente cuberto pola auga e saír da auga.

b O bautismo de bebés é unha cerimonia que se fai nalgunhas igrexas. Consiste en salpicar ou botar un pouco de auga na cabeza do cativo e, a miúdo, tamén en poñerlle nome.

c Xehová é o nome persoal de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé (Isaías 42:8). Mira o artigo “Quen é Xehová?”.

d Mira o artigo “Que é o espírito santo?”.

e Mira o artigo “Quen foi Xoán Bautista?”.

f Mira o artigo “Quen vai ó ceo?”.

g A Biblia tamén usa o termo “bautismos” para falar dalgunhas limpezas cerimoniais, por exemplo, a inmersión dalgúns utensilios (Marcos 7:4, TNM; Hebreos 9:10, TNM). Isto é algo totalmente diferente da inmersión completa en auga de Xesús e os seus discípulos.