Eliseo viu os carros de lume. Velos ti?
O rei de Siria estaba dándolle caza a Eliseo, o profeta de Deus, e descubriu que estaba na cidade amurallada de Dotán. Pola noite enviou cabalos, carros de combate e tropas a Dotán. Para cando estaba amencendo, o seu exército xa rodeaba a cidade (2 Reis 6:13, 14).
O axudante de Eliseo ergueuse, saíu da casa e viu o exército que viña capturar a Eliseo. Entón, preguntoulle ó profeta: “Ai, meu señor, ¿como faremos?”. El respondeulle: “‘Non teñas medo, pois hai máis connosco ca con eles’. Eliseo rezou: —‘Señor, ábrelle os ollos para que vexa’. E o Señor abriu os ollos do criado, e este viu o monte cuberto de cabalos e de carros de lume, que cercaban a Eliseo” (2 Reis 6:15-17). Que aprendemos deste e doutros sucesos da vida de Eliseo?
Eliseo puido manter a calma ante o ataque dos sirios porque confiaba en Xehová e xa vira o seu poder en acción. É certo que na actualidade non esperamos milagres, pero temos claro que Xehová está protexendo o seu pobo en conxunto. En certo sentido, nós tamén estamos rodeados por cabalos e carros de lume. Se temos fe en que Xehová está a protexer o seu pobo e confiamos nel, sentirémonos seguros e teremos a súa axuda (Sal. 4:9 [4:8, TNM]). Agora analicemos que outras leccións podemos aprender da vida de Eliseo.
ELISEO COMEZA A AXUDAR A ELÍAS
Nunha ocasión cando Eliseo estaba arando un campo, o profeta Elías achegouse onda el e botoulle enriba o seu manto. Eliseo non se estrañou, sabía moi ben o que significaba ese xesto. Por iso fixo unha festa, despediuse dos seus pais e marchou da súa casa para axudar a Elías (1 Reis 19:16, 19-21). A boa disposición que tiña Eliseo permitiu que fose un instrumento nas mans de Xehová e co tempo converteuse no seu profeta.
Eliseo axudou a Elías durante uns seis anos. Nese tempo, Eliseo foi o que vertía “auga nas mans de Elías” (2 Reis 3:11). Naquela época o común era comer coas mans, sen usar garfos, coitelos nin ningún outro utensilio. Despois de cada comida, un servo vertía auga nas mans do seu amo para limparllas. Como vemos, algunhas das tarefas que tiña Eliseo eran moi simples. Aínda así, para el ser o axudante de Elías era todo un honor.
Na actualidade, moitos cristiáns tamén participan en diferentes facetas do servizo a tempo completo motivados pola súa fe e o desexo de dar o máximo a Xehová. Moitos deles deixan as súas casas para traballar en Betel ou en proxectos de construción. Aínda que este tipo de labores poidan parecer simples para algúns, ningún cristián debería velos como insignificantes nin de pouco valor. Para Xehová son moi importantes (Heb. 6:10).
ELISEO AFERROUSE Á SÚA RESPONSABILIDADE
Antes de que Deus fixese ascender ós ceos a Elías, díxolle que viaxase dende Guilgal ata Betel. Elías díxolle ó seu axudante que non fose con el, pero Eliseo foi contundente: “Non te deixarei”. No medio desa viaxe, Elías insistiu dúas veces máis en ir só, pero de pouco lle valeu (2 Reis 2:1-6). Ó igual que Rut se apegara a Noemí, Eliseo aferrouse a Elías (Rut 1:8, 16, 17). Por que estaba tan decidido a non deixalo só? Porque estaba agradecido de que Xehová o escollese para axudar a Elías.
Eliseo púxonos un grande exemplo. Se temos presente que a quen servimos é a Xehová, poderemos darlle o valor que se merece a calquera responsabilidade que se nos asigne na organización de Deus. Non existe un honor igual (Sal. 65:5 [65:4, TNM]; 84:11 [84:10, TNM]).
“PIDE O QUE QUEIRAS QUE FAGA POR TI”
Estando de viaxe, Elías díxolle a Eliseo: “Pide o que queiras que faga por ti, antes de que sexa arrebatado do teu lado”. Eliseo seguiu o exemplo de Salomón e pediulle algo que lle axudaría a servir mellor a Xehová: “dúas partes” do seu espírito (1 Reis 3:5, 9; 2 Reis 2:9). No antigo Israel, o primoxénito recibía unha parte dobre da herdanza (Deut. 21:15-17). Eliseo estaba pedindo ser o seu “primoxénito”, é dicir, ser o seu herdeiro espiritual. Ademais, quería ser igual de valente que Elías, quen tiña moito celo por Xehová (1 Reis 19:13, 14).
Cal foi a resposta de Elías? “Pides cousa difícil. Pero terala, se me ves cando eu sexa arrebatado de onda ti; se non, non a terás.” (2 Reis 2:10) Esta resposta indicaba dúas cousas. A primeira, Deus era o único que podía darlle o que pedía. A segunda, se Eliseo quería recibir espírito santo tería que seguir ó lado de Elías.
O QUE PRESENCIOU ELISEO
Daríalle Deus o que estaba pedindo? O relato di: “Mentres ían andando e falando, un carro de lume, con cabalos de lume, separounos, e Elías subiu cara ó ceo nun remuíño”. a Eliseo presenciou todo o que pasou. Esa foi a resposta de Xehová á petición de Eliseo. Viu como Elías foi levado, recibiu a parte dobre do seu espírito e converteuse no seu sucesor (2 Reis 2:11-14).
Eliseo colleu o manto que lle caera a Elías. Cando a xente o vía con esta vestimenta, sabía que era o profeta de Deus. E quedou aínda máis claro cando, máis tarde, dividiu as augas do río Xordán milagrosamente.
Presenciar como Elías ascendeu ó ceo e ver carros e cabalos de lume seguro que deixou unha gran marca en Eliseo. Estes eventos demostraron a resposta positiva de Xehová ante a súa petición. Na actualidade, non podemos ver carros nin cabalos de lume, pero si podemos percibir que Deus usa o seu gran poder para cumprir coa súa vontade. E cando observamos como bendí a parte terrestre da súa organización podemos “ver” o seu carro celestial en movemento (Ezeq. 10:9-13).
Eliseo viviu moitas cousas que o convenceron do gran poder de Xehová. De feito, Deus concedeulle o seu espírito santo para que o profeta puidese facer dezaseis milagres, o dobre que Elías. b A segunda vez que Eliseo viu cabalos e carros de lume foi no ataque sirio en Dotán, do que se falou ó comezo do artigo.
ELISEO CONFIOU EN XEHOVÁ
Aínda que estaba rodeado polos inimigos en Dotán, Eliseo mantivo a calma. Como foi posible? Porque desenvolvera unha fe forte en Xehová. Nós tamén necesitamos ese tipo de fe. Por iso, pidámoslle a Deus o seu espírito santo para demostrar fe e outros aspectos do froito do espírito (Luc. 11:13; Gál. 5:22, 23).
O que pasou en Dotán tamén lle deu a Eliseo unha boa razón para confiar en Xehová e no seu exército invisible. O profeta caeu na conta de que Deus enviara os seus anxos para evitar que atacasen a cidade. Deus cegou a tódolos inimigos e salvou a Eliseo e o seu axudante (2 Reis 6:17-23). Nese momento crítico, Eliseo demostrou fe e confiou en Xehová por completo, como fixera noutras ocasións.
Confiemos en Xehová tal e como fixo Eliseo (Prov. 3:5, 6). Se o facemos, Deus concederanos o seu favor e bendiciranos (Sal. 67:2 [67:1, TNM]). É certo que non estamos rodeados literalmente de carros e cabalos de lume, pero Xehová protexerá o seu pobo durante a “gran tribulación” (Mat. 24:21; Apoc. 7:9, 14). Ata que chegue ese momento, teñamos presente que Deus é un refuxio para nós (Sal. 62:9 [62:8, TNM]).
a Elías non ascendeu ós ceos onde habitan Xehová e os seus anxos. O profeta aínda estaba na Terra anos máis tarde, pois escribiulle unha carta ó rei Xehoram de Xudá (2 Crón. 21:1, 12-15; Xoán 3:13).
b Mira La Atalaya do 1 de agosto de 2005, páxina 10 (dispoñible en español).

