CAPÍTULO 22
Mantívose leal cando se enfrontou a probas
1, 2. Que esperaba Pedro mentres Xesús falaba en Capernaúm, pero que foi o que pasou?
PEDRO buscaba con expectación a reacción da xente que escoitaba a Xesús. Estaban na sinagoga de Capernaúm. Pedro vivía nesta cidade situada na parte norte da costa do mar de Galilea, e tiña alí o seu negocio de pesca. Moitos dos seus amigos, familiares e xente que coñecía polo traballo vivían aquí. Pedro esperaba que as persoas deste lugar recoñecesen a Xesús como o Mesías e que estivesen emocionadas por aprender do Gran Mestre sobre o Reino de Deus. Pero iso non foi o que pasou.
2 Moitos deixaron de escoitalo. Algúns estaban rosmando en alto e incluso mostraron o seu desacordo co que Xesús estaba a dicir. Pero o que máis lle preocupaba a Pedro era a reacción dalgúns discípulos de Xesús. Xa non se lles iluminaba a cara de emoción e non estaban entusiasmados por aprender a verdade. Agora parecían molestos e incluso amargados. Algúns dixeron en alto que o discurso de Xesús era inaceptable. Negándose a escoitar máis, marcharon da sinagoga e tamén deixaron de seguir a Xesús (le Xoán 6:60, 66).
3. Como lle axudou a Pedro a súa fe?
3 Foron tempos difíciles para Pedro e os apóstolos. Pedro non comprendeu por completo o que Xesús dixera ese día. Se el entendese as palabras de Xesús de forma literal, tamén poderían parecerlle ofensivas. Que faría? Esta non sería a primeira nin a última vez que a lealdade ó seu Mestre sería probada. Vexamos como a fe de Pedro lle axudou a manterse leal a pesar das probas.
Foi leal cando outros non o foron
4, 5. Pon exemplos de ocasións nas que Xesús actuou de forma contraria ó que a xente esperaba del.
4 Moitas veces, Pedro quedaba sorprendido por Xesús. Vez tras vez, o seu Mestre falaba e actuaba de forma contraria ó que a xente esperaba del. Tan só un día antes, Xesús alimentara milagrosamente a unha multitude de miles de persoas. Como consecuencia, intentaron facelo rei. Pero sorprendeu a moitos cando marchou de alí, mandándolles ós seus discípulos que collesen un barco e que saísen cara a Capernaúm. Esa mesma noite, mentres os discípulos navegaban durante unha tormenta, Xesús volveunos sorprender camiñando sobre as augas do mar de Galilea, dándolle a Pedro unha importante lección de fe.
5 Cedo pola mañá, decatáronse de que a multitude subira ás barcas e os seguira. Está claro que a xente foi onda el porque quería que Xesús os volvese alimentar milagrosamente e non porque quixesen aprender del. Xesús reprendeunos polos seus desexos materialistas (Xoán 6:25-27). A conversa continuou na sinagoga de Capernaúm, na que ensinou unha verdade vital pero difícil de aceptar que ía en contra do que esperaban.
6. Que comparación usou Xesús, e como reaccionou a xente?
6 Xesús non quería que a xente viñese a el só para que a alimentase. El quería que se desen conta de que Deus lles daría a vida eterna unicamente se tiñan fe no sacrificio de Xesús e seguían o seu exemplo. Para que o entendesen, púxolles un exemplo comparándose a si mesmo co maná, o pan que caía do ceo na época de Moisés. Cando algúns se queixaron, usou unha vívida comparación explicando que era necesario comer a súa carne e beber o seu sangue para obter vida eterna. Cando pronunciou estas palabras, enfadáronse moitísimo. Algúns dixeron: “Isto que está dicindo é inaceptable! Non queremos escoitalo”. Moitos dos seus propios discípulos deixaron de seguilo (Xoán 6:48-60, 66). a
7, 8. a) Que é o que aínda non entendía Pedro sobre Xesús? b) Como respondeu Pedro a pregunta que Xesús lles fixo ós apóstolos?
7 Que faría Pedro? El tamén debeu quedar perplexo polas palabras de Xesús. Aínda non sabía que Xesús debía morrer para levar a cabo a vontade de Deus. Estivo Pedro tentado a deixar a Xesús como aqueles discípulos? Non, había algo importante que diferenciaba a Pedro daqueles homes. Que sería?
8 Xesús dirixiuse ós seus apóstolos dicindo: “Vós non queredes marchar tamén, non?” (Xoán 6:67). Aínda que lles falou ós Doce, foi Pedro quen respondeu. Isto pasaba a miúdo. É posible que Pedro fose o maior. Así e todo, está claro que el era o que máis falaba do grupo e parece que poucas veces dubidaba en dicir o que se lle pasaba pola mente. Nesta ocasión, o que se lle pasou pola cabeza foi esta bonita e memorable frase: “Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras que levan á vida eterna” (Xoán 6:68).
9. Como lle demostrou Pedro lealdade a Xesús?
9 Verdade que estas palabras tocan o teu corazón? A fe que Pedro tiña en Xesús axudoulle a cultivar unha preciosa cualidade: a lealdade. Pedro tiña claro que Xesús era o único Salvador que Xehová enviara e que a súa vida dependía de escoitar as súas palabras, é dicir, as súas ensinanzas sobre o Reino de Deus. Aínda que había cousas que Pedro non entendía, sabía que Xesús era o único medio de achegarse a Deus e conseguir a vida eterna.
Temos que ser leais ás ensinanzas de Xesús, incluso cando nos resultan sorprendentes ou van en contra das nosas preferencias persoais.
10. Como podemos imitar a lealdade de Pedro?
10 Sentes ti o mesmo? Por desgraza, na actualidade hai moitas persoas que afirman amar a Xesús pero non lle son leais. Para serlle leais temos que amar as súas ensinanzas, como fixo Pedro. Necesitamos coñecelas, entender o que significan e vivir á súa altura, incluso cando nos resultan sorprendentes ou van en contra das nosas preferencias persoais. Só se demostramos lealdade poderemos ter a esperanza de conseguir a vida eterna que Xesús quere para nós (le Salmo 97:10).
Foi leal cando o corrixiron
11. Onde levou Xesús os seus seguidores? (Ver tamén a nota).
11 Pouco despois daqueles días, Xesús colleu os seus apóstolos e algúns discípulos e fixeron unha longa viaxe cara ó norte. No límite máis ó norte da Terra Prometida estaba o monte Hermón coa cima nevada que, ás veces, incluso se vía dende as cristalinas augas do mar de Galilea. A medida que avanzaban cara ás aldeas que estaban preto de Cesarea de Filipo, a montaña parecía máis alta. b Nun lugar tan bonito, dende o que se vía gran parte da Terra Prometida, Xesús fíxolles ós seus seguidores unha importante pregunta.
12, 13. a) Por que preguntou Xesús sobre o que as multitudes opinaban del? b) Como demostrou Pedro auténtica fe coas súas palabras?
12 Cando ían de camiño, Xesús preguntoulles: “Quen di a xente que son eu?”. Imaxina a Pedro cruzándose coa mirada atenta de Xesús, percibindo de novo o cariño e a grande intelixencia do seu Mestre. Xesús estaba interesado en saber que opinaba del a xente que o vira e escoitara. Os discípulos de Xesús explicáronlle algúns conceptos erróneos que a xente tiña sobre el. Pero Xesús quería chegar ó fondo do asunto. Terían os seus seguidores máis próximos esas mesmas opinións? Para sabelo preguntoulles: “E vós? Quen dicides que son eu?” (Luc. 9:18-20).
13 Unha vez máis, Pedro respondeu rapidamente e dixo de forma clara e valente o que moitos deles estaban pensando: “Ti es o Cristo, o Fillo do Deus vivo”. Imaxina a Xesús felicitando a Pedro con cariño e cun sorriso na cara. Recordoulle a Pedro que é Xehová, non ningún home, quen fai que esta verdade vital sexa tan clara para aqueles que teñen unha fe auténtica. Xehová permitiulle entender a Pedro unha das verdades máis importantes que xamais se revelaron: a identidade do Mesías prometido, ou Cristo, que tanto tempo levaban agardando! (Le Mateo 16:16, 17).
14. Que importantes privilexios lle concedeu Xesús a Pedro?
14 Este Cristo era a pedra que os construtores rechazaron da que se falaba nunha antiga profecía (Sal. 118:22; Luc. 20:17). Facendo referencia a esta profecía, Xesús revelou que Xehová establecería unha congregación sobre esta pedra, ou roca, que Pedro acababa de identificar. Despois concedeulle a Pedro algúns privilexios moi importantes nesa congregación. Non é que lle dese a Pedro un posto máis prominente cós demais apóstolos, como din algunhas relixións, senón que lle encargou máis responsabilidades. Por exemplo, deulle “as chaves do Reino” (Mat. 16:18, 19). Isto significaba que Pedro tería a oportunidade de abrirlles a tres grupos distintos de persoas a esperanza de entrar no Reino de Deus: primeiro ós xudeus, despois ós samaritanos e finalmente ós xentís, ou non xudeus.
15. Por que reprendeu Pedro a Xesús, e que lle dixo?
15 Máis tarde Xesús dixo que ós que se lles deu moito tamén se lles pediría moito, e estas palabras cumpríronse no caso de Pedro (Luc. 12:48). Xesús continuou revelando verdades importantes sobre o Mesías, como por exemplo que moi pronto tería que sufrir e morrer en Xerusalén. Pedro quedou desconcertado ó escoitar estas cousas. Por iso levouno á parte e reprendeuno dicíndolle: “Señor, non sexas tan duro contigo mesmo! Iso nunca che vai pasar a ti” (Mat. 16:21, 22).
16. Como corrixiu Xesús a Pedro, e que consellos prácticos atopamos nas súas palabras?
16 Seguro que Pedro tiña boas intencións, por iso a resposta de Xesús debeuno sorprender. Deulle as costas a Pedro, mirou os demais discípulos, que seguramente pensaban algo parecido, e dixo: “Ponte detrás de min, Satanás! Es un estorbo no meu camiño, porque non estás pensando igual que Deus, senón igual que os homes” (Mat. 16:23; Mar. 8:32, 33). As palabras de Xesús conteñen consellos prácticos para todos nós. Os humanos temos a tendencia de darlle máis importancia á nosa maneira de pensar que á de Deus. Se o facemos, aínda que sexa con boas intencións, poderiamos estar colaborando sen darnos conta co propósito de Satanás e non co de Xehová. Como respondeu Pedro?
17. Cal era a intención de Xesús cando lle dixo a Pedro que se puxese detrás del?
17 Seguro que Pedro se deu de conta de que Xesús non estaba dicindo que el fose Satanás o Demo nun sentido literal. Despois de todo, Xesús non lle falou a Pedro da mesma maneira que a Satanás. Ó Demo díxolle: “Vaite”; en cambio a Pedro díxolle: “Ponte detrás de min” (Mat. 4:10). A intención de Xesús non era apartar a este apóstolo no que vía moi boas cualidades. Simplemente quería corrixir a forma de pensar equivocada que tiña sobre este asunto. Pedro tiña que deixar de ser un obstáculo diante do seu Mestre e poñerse detrás del para seguilo e apoialo.
Só se aceptamos humildemente a disciplina e aprendemos dela poderemos achegarnos aínda máis a Xesús e ó seu Pai, Xehová.
18. Como demostrou Pedro lealdade, e como podemos imitalo?
18 Poríase Pedro a discutir? Enfadaríase ou enfurruñaríase? Non, todo o contrario. Aceptou humildemente a corrección e dese xeito volveu demostrar a súa lealdade. Tódolos seguidores de Cristo necesitaremos corrección nalgún momento. Só se aceptamos humildemente a disciplina e aprendemos dela poderemos achegarnos aínda máis a Xesús e ó seu Pai, Xehová (le Proverbios 4:13).
Pedro demostrou ser leal incluso cando tivo que ser corrixido.
Foi recompensado pola súa lealdade
19. Que sorprendente afirmación fixo Xesús, e que pode que se preguntase Pedro?
19 Pouco tempo despois, Xesús fixo outra afirmación sorprendente: “Asegúrovos que algúns dos que están aquí non morrerán sen antes ver o Fillo do Home vindo no seu Reino” (Mat. 16:28). Non hai dúbida de que esas palabras despertaron a curiosidade de Pedro. A que se referiría Xesús? Quizais pensou que, despois da forte reprimenda que recibiu, xa non podería desfrutar de privilexios especiais coma ese.
20, 21. a) Describe a visión que presenciou Pedro. b) Como lle axudou a Pedro a conversación que escoitou na visión?
20 Con todo, máis ou menos unha semana despois, Xesús colleu a Santiago, a Xoán e a Pedro e levounos “a unha montaña alta” —quizais o monte Hermón— que estaba a uns 25 quilómetros. É posible que fose de noite, pois aqueles tres homes loitaban por combater o sono. Pero entón, mentres Xesús oraba, pasou algo que os despertou de golpe (Mat. 17:1; Luc. 9:28, 29, 32).
21 Xesús empezou a cambiar de aspecto diante deles. O seu rostro comezou a resplandecer ata que chegou a ser tan luminoso coma o sol. A súa roupa tamén se volveu dun branco moi brillante. Entón, apareceron dúas figuras a carón de Xesús, unha que representaba a Moisés e outra que representaba a Elías. Os tres puxéronse a falar sobre a “partida de Xesús”, é dicir, sobre a súa morte e resurrección en Xerusalén. Despois de presenciar aquilo, a Pedro debeulle quedar moi claro que estaba equivocado cando afirmou que Xesús non sufriría aquela dolorosa experiencia (Luc. 9:30, 31, nota).
22, 23. a) Como demostrou Pedro ter unha personalidade cálida e entusiasta? b) Que outra recompensa recibiron Pedro, Santiago e Xoán esa mesma noite?
22 Pedro sentiuse impulsado a participar dalgún xeito naquela extraordinaria visión, quizais para intentar prolongala. Parecía que Moisés e Elías se ían separando de Xesús, así que Pedro díxolle: “Mestre, que ben que esteamos aquí! Montemos tres tendas: unha para ti, unha para Moisés e outra para Elías”. Por suposto, as representacións daqueles servos de Xehová non precisaban tendas, pois xa levaban moito tempo mortos. A realidade era que Pedro non sabía o que estaba a dicir. Non te sentes atraído pola cálida e entusiasta personalidade deste home? (Luc. 9:33).
Pedro foi recompensado cunha emocionante visión xunto con Santiago e Xoán.
23 Aquela noite, Pedro, Santiago e Xoán recibiron outra recompensa. Estando na montaña, comezouse a formar unha nube que os envolveu. Dela saíu unha voz que dicía: “Este é o meu Fillo, o escollido. Escoitádeo”. Era a voz do propio Xehová! Entón, a visión rematou e quedaron sós con Xesús (Luc. 9:34-36).
24. a) Como beneficiou a visión da transfiguración a Pedro? b) Como pode beneficiarnos hoxe a visión da transfiguración?
24 Aquela visión foi un extraordinario regalo para Pedro. E tamén o é para nós! Décadas despois, el escribiu sobre o privilexio que tivera aquela noite de ser un dos que viu cos seus propios ollos a gloria que Xesús tería como Rei. Aquela visión confirmou moitas das profecías da Palabra de Deus e fortaleceu a fe de Pedro para poder afrontar as probas que estaban por vir (le 2 Pedro 1:16-19). E tamén pode fortalecer a nosa fe. Para iso temos que imitar a Pedro sendo leais ó Mestre que Xehová designou, aprendendo sobre el, aceptando a súa corrección e seguíndoo humildemente día a día.
a Podemos ver que a multitude da sinagoga non foi coherente se comparamos a súa reacción ó discurso de Xesús coa reacción do día anterior, cando proclamaran con entusiasmo que el era o profeta de Deus (Xoán 6:14).
b A viaxe dende o mar de Galilea ata Cesarea de Filipo era duns 50 quilómetros. Implicaba subir dende os 210 metros por debaixo do nivel do mar ata os 350 metros sobre o nivel do mar, atravesando rexións de gran beleza natural.

