“En perigo [...] no mar”
NA ESCURIDADE da noite, un veleiro con 276 persoas achégase a unha illa do Mediterráneo. A tripulación e os pasaxeiros están derreados despois de 14 días sendo zarandeados dun lado para outro polas augas embravecidas. Ó amencer, ven unha baía e intentan encallar alí a embarcación. Pero a proa queda atascada, mentres que as ondas rompen en pedazos a popa. Tódolos que van a bordo téñense que lanzar á auga e intentar chegar á costa de Malta nadando ou aferrándose a táboas e a outros restos. Cansos e tremendo de frío, conseguen saír do mar picado. Entre eles encóntrase o apóstolo Paulo, que está sendo levado a Roma para ser xulgado (Feitos 27:27-44).
Para Paulo esta non foi a primeira vez que estivo a piques de perder a vida no mar. Só uns días antes escribiu: “Naufraguei tres veces e pasei unha noite e un día en mar aberto”. Tamén mencionou que pasara por perigos no mar (2 Corintios 11:25-27). A pesar de todo, as viaxes en barco permitíronlle cumprir co papel que Deus lle dera de ser “apóstolo ás nacións” (Romanos 11:13).
Canta importancia tiña a navegación por mar no primeiro século? Que papel xogou na difusión do cristianismo? Era seguro viaxar? Que tipo de embarcacións había? E, en que condicións viaxaban os pasaxeiros?
Roma depende do comercio marítimo
Os romanos chamábanlle ó mar Mediterráneo Mare Nostrum (Mar Noso). Para Roma era imprescindible dominar as rutas marítimas, non só por motivos militares, senón tamén porque moitas das cidades do Imperio tiñan un porto ou dependían directamente del. Por exemplo, Roma utilizaba o porto de Ostia, Corinto facía uso de Lequeo e Céncreas, e Antioquía de Siria contaba co porto de Seleucia. A boa conexión marítima entre estes portos permitía unha comunicación rápida entre cidades clave e favorecía unha boa administración das provincias romanas.
Roma tamén dependía do sector marítimo para abastecerse de alimento. Cunha poboación dun millón de habitantes, a cidade precisaba cantidades enormes de gran: entre 250.000 e 400.000 toneladas ó ano. De onde viña todo ese gran? Segundo Flavio Xosefo, o rei Herodes Agripa II dixo que o norte de África alimentaba a Roma durante oito meses, mentres que Exipto mandaba o gran necesario para os outros catro meses. Facían falta miles de embarcacións de alta mar para a subministración continua á cidade.
Para satisfacer o gusto dos romanos polo luxo, o próspero comercio marítimo abastecía unha ampla variedade de produtos. Chipre, Grecia e Exipto enviaban minerais, pedra e mármore, mentres que O Líbano enviaba madeira. O viño procedía de Esmirna, os froitos secos de Damasco e os dátiles de Palestina. Desde Cilicia saían os ungüentos e a goma; desde Mileto e Laodicea a la; e desde Siria e O Líbano os artigos téxtiles. As prendas púrpuras chegaban de Tiro e Sidón, as tintas de Tiatira e o vidro de Alexandría e Sidón. E desde A China e A India importábanse seda, algodón, marfil e especias.
En que tipo de embarcación viaxaba Paulo cando naufragou en Malta? Era un cargueiro que levaba gran, “un barco de Alexandría que ía para Italia” (Feitos 27:6). As grandes flotas de transporte de cereais eran propiedade privada dos gregos, fenicios e sirios, que tamén se encargaban de dirixilas e equipalas. Aínda así, era o Estado quen as contrataba. O historiador William M. Ramsay dixo: “Ó igual que a recadación de impostos, para o goberno éralle máis fácil recorrer ós contratistas que organizar por conta propia o enorme número de traballadores e equipos necesarios para este servizo tan imprescindible”.
Paulo completou a súa viaxe a Roma nun barco que levaba na proa o mascarón chamado “Fillos de Zeus”. Esta embarcación tamén procedía de Alexandría. Atracaron en Puteoli, no golfo de Nápoles, o porto onde normalmente chegaban as flotas de gran (Feitos 28:11-13). Desde Puteoli (a actual Pozzuoli) os cargamentos eran transportados por terra ou levados en barcos máis pequenos cara ó norte, ó longo da costa e remontando o río Tíber ata chegar ó corazón de Roma.
Pasaxeiros nun cargueiro?
Por que viaxaron Paulo e os soldados que o levaban a Roma nun cargueiro? Para responder esta pregunta, antes necesitamos saber o que implicaba navegar como pasaxeiro naquela época.
No primeiro século non existía o concepto dunha embarcación para pasaxeiros. Os viaxeiros usaban barcos mercantes para desprazarse. E é posible que navegasen nesta clase de barcos persoas de toda clase, tales como funcionarios estatais, académicos, predicadores, feiticeiros, artistas, atletas, comerciantes, turistas e peregrinos.
Por suposto, tamén había pequenos barcos que transportaban pasaxeiros e mercancías ó longo da costa. De feito, Paulo seguramente utilizou un destes cando foi de Troas a Macedonia. É posible que en varias ocasións fose e viñese de Atenas nunha destas embarcacións pequenas. Tamén pode que usase un destes barcos na súa viaxe posterior desde Troas ata Pátara a través das illas próximas á costa de Asia Menor (Feitos 16:8-11; 17:14, 15; 20:1-6, 13-15; 21:1). Estes barquiños aforraban moito tempo, pero non se podían adentrar moito no mar. Por iso, os navíos que levaron a Paulo a Chipre e despois a Panfilia, e nos que viaxou de Éfeso a Cesarea e de Pátara a Tiro, deberon ser moito máis grandes (Feitos 13:4, 13; 18:21, 22; 21:1-3). Crese que a embarcación coa que Paulo naufragou en Malta foi dun tamaño considerable. Ata que punto podían ser grandes estes barcos?
Baseándose en fontes literarias, un especialista explica: “Os barcos máis pequenos que se consideraban útiles na antigüidade tiñan unha capacidade que andaba entre as 70 e 80 toneladas. Un tamaño moi estendido, polo menos na época helenística, era de 130 toneladas. Pero non era raro atopar embarcacións de 250 toneladas, aínda que xa eran máis grandes do habitual. Na época romana, os barcos destinados ó transporte para o servizo imperial eran aínda máis grandes, pois buscábase que tivesen unha capacidade dunhas 340 toneladas. Os máis grandes podían pesar ata 1300 toneladas, ou pode que incluso máis”. Tamén se conserva unha descrición do século segundo dun barco alexandrino chamado Isis que estaba destinado ó transporte de gran. Segundo esa descrición, esta embarcación tiña máis de 55 metros de longo, uns 14 metros de largo, unha bodega duns 13 metros de fondo e posiblemente podía cargar máis de mil toneladas de gran, ademais de varios centos de pasaxeiros.
En que condicións ían os viaxeiros nun barco dedicado ó transporte de gran? Como estas embarcacións estaban pensadas para as mercadorías, os pasaxeiros quedaban nun segundo plano. Non se lles daba comida nin outros servizos, unicamente auga. Durmían na cuberta, quizais baixo pequenos refuxios en forma de tenda que montaban pola noite e desmontaban cada mañá. É posible que lles permitisen usar a cociña do barco para preparar a súa comida, pero tiñan que levar consigo todo o necesario para cociñar, comer, asearse e durmir, desde tixolas e potas ata a roupa da cama.
Era seguro viaxar por mar?
Os navegantes do primeiro século orientábanse exclusivamente pola vista, non dispoñían de instrumentos de navegación, nin sequera dun compás. Por iso, a época máis segura para navegar ía desde finais de maio ata mediados de setembro, os meses nos que había a mellor visibilidade. Nos dous meses anteriores e posteriores a esta época, os comerciantes podían arriscarse e seguir navegando. Pero no inverno, a brétema e as nubes ocultaban con frecuencia os puntos de referencia, o Sol e as estrelas. A navegación dábase por pechada —mare clausum en latín— desde o 11 de novembro ata o 10 de marzo, salvo en casos de absoluta necesidade ou urxencia. Os que apuraban ata o final da tempada corrían o risco de ter que pasar o inverno nun porto estranxeiro (Feitos 27:12; 28:11).
A pesar dos perigos e das limitacións da tempada, tiña algunha vantaxe viaxar por mar en vez de viaxar por terra? Por suposto! Viaxar por mar cansaba menos e era máis rápido e barato. Cando se tiña o vento a favor, un barco podía avanzar uns 150 quilómetros por día. En cambio, nunha viaxe longa por terra, a xente estaba afeita a percorrer entre 25 e 30 quilómetros diarios.
A velocidade de navegación dependía por completo do vento. A viaxe de Exipto a Italia sempre tiña o inconveniente do vento en contra, incluso na época máis favorable. A ruta máis curta normalmente era por Rodas ou Mira, ou algún outro porto da costa de Licia, en Asia Menor. Nunha ocasión, o barco Isis ancorou no Pireo 70 días despois de saír de Alexandría logo de afrontar tormentas e perder o rumbo. A travesía de regreso desde Italia podía facerse en 20 ou 25 días coa axuda dos ventos dominantes do noroeste. Por terra, esa mesma viaxe —fose na dirección que fose— levaría máis de 150 días con bo tempo.
As boas noticias espállanse alén do mar
Paulo coñecía ben os perigos de navegar fóra de tempada. Por iso, advertiu de que non era seguro navegar a finais de setembro ou a principios de outubro, cando dixo: “Compañeiros, se seguimos a viaxe, estou vendo que imos ter problemas e perdas graves. Porque non só está en perigo o cargamento e o barco, senón tamén as nosas vidas” (Feitos 27:9, 10). Pero o oficial do exército que estaba ó mando non fixo caso e o resultado foi o naufraxio en Malta.
Ó final do seu servizo como misioneiro, Paulo xa sufrira polo menos catro naufraxios (Feitos 27:41-44; 2 Corintios 11:25). Aínda que era lóxico ter medo a este tipo de traxedias, os cristiáns do primeiro século non deixaron de viaxar por mar para predicar as boas noticias. Aproveitaron ó máximo tódolos medios de transporte dispoñibles para espallar a mensaxe do Reino. Obedecendo o mandato de Xesús, deron testemuño ata nos lugares máis distantes (Mateo 28:19, 20; Feitos 1:8). Grazas ó entusiasmo daqueles cristiáns, á fe dos que seguiron o seu exemplo e á guía do espírito santo de Xehová, as boas noticias chegaron ata os recunchos máis inhóspitos da Terra.
[Créditos]
Pictorial Archive (Near Eastern History) Est.

