Ir ó contido

Que é a resurrección?

Que é a resurrección?

O que di a Biblia

 Na Biblia, a palabra que se traduce “resurrección” vén do termo grego anástasis, que significa “erguerse” ou “levantarse de novo”. Cando unha persoa resucita é “levantada” da morte e volve á vida coa personalidade que tiña antes de morrer (1 Corintios 15:12, 13).

 Aínda que a palabra “resurrección” non aparece nas Escrituras Hebreas, tamén coñecidas como Antigo Testamento, si que mencionan esta esperanza. Por exemplo, Deus prometeu mediante o profeta Oseas: “Vou libralos do poder do Xeol, vou rescatalos da Morte” (Oseas 13:14; Xob 14:13-15; Isaías 26:19; Daniel 12:2, 13).

 Onde resucitarán as persoas? Algunhas persoas resucitarán no ceo para gobernar como reis xunto con Xesucristo (2 Corintios 5:1). A Biblia di que esta é a “primeira resurrección”, o que implica que haberá outra (Apocalipse 20:6). Esta última resurrección producirase na Terra, onde vivirá a gran maioría dos que volvan á vida (Salmo 37:29).

 Como resucitarán as persoas? Deus deulle poder a Xesús para devolverlles a vida ós mortos (Xoán 11:25). Xesús utilizará ese poder para resucitar “tódolos que están nos sepulcros”, cada un coa súa propia identidade, personalidade e recordos (Xoán 5:28, 29). Os que resuciten no ceo recibirán un corpo espiritual, e os que resuciten na Terra recibirán un corpo físico completamente san (Isaías 33:24; 35:5, 6; 1 Corintios 15:42-44, 50).

 Quen vai ser resucitado? A Biblia di que “haberá resurrección de xustos e inxustos” (Feitos 24:15). Entre os xustos estarán homes e mulleres fieis como Noé, Sara e Abraham (Xénese 6:9; Hebreos 11:11; Santiago 2:21). Entre os inxustos estarán as persoas que non tiveron a oportunidade de coñecer nin seguir as normas de Deus.

 Aínda así, hai persoas que se volveron tan malas que non van cambiar. Esas persoas nunca serán resucitadas. Cando morren, morren para sempre (Hebreos 10:26, 27).

 Cando terá lugar a resurrección? A Biblia profetizou que a resurrección no ceo tería lugar durante a presenza de Cristo, que comezou no ano 1914 (1 Corintios 15:21-23, TNM). Por outro lado, a resurrección na Terra terá lugar durante o reinado de mil anos de Xesucristo, cando esta se converta nun paraíso (Apocalipse 20:6, 12, 13).

 Por que é razoable crer na resurrección? A Biblia describe con detalle nove resurreccións, todas elas confirmadas por testemuñas oculares (1 Reis 17:17-24; 2 Reis 4:32-37; 13:20, 21; Lucas 7:11-17; 8:40-56; Xoán 11:38-44; Feitos 9:36-42; 20:7-12; 1 Corintios 15:3-6). Unha das resurreccións máis destacadas foi a de Lázaro, porque cando Xesús o resucitou xa levaba catro días morto. Ademais, Xesús fixo este milagre diante de moitas persoas (Xoán 11:39, 42). Nin sequera os inimigos de Xesús puideron negar estes feitos e por iso planearon matar tanto a Xesús como a Lázaro (Xoán 11:47, 53; 12:9-11).

 A Biblia indica que Deus é todopoderoso e polo tanto ten poder para resucitar os mortos. Grazas á súa memoria ilimitada é capaz de recordar tódolos detalles de cada unha das persoas que pensa resucitar (Xob 37:23; Mateo 10:30; Lucas 20:37, 38). Pero Deus non só ten o poder para resucitar as persoas, tamén ten o desexo. Falando da resurrección que terá lugar no futuro, a Biblia di sobre Deus: “Ansiarás volver a ver a obra das túas mans” (Xob 14:15, TNM).

Ideas equivocadas sobre a resurrección

 Idea equivocada: Na resurrección, a alma únese de novo ó corpo.

 Realidade: A Biblia ensina que cando unha persoa morre deixa de existir, polo tanto non hai unha alma inmortal que sobreviva á morte (Eclesiastés 9:5, 10). Por iso, a persoa que resucita non se volve unir coa súa alma, senón que é creada de novo.

 Idea equivocada: Algunhas persoas que resuciten serán destruídas inmediatamente.

 Realidade: A Biblia di que “os que fixeron cousas malas” recibirán “unha resurrección de xuízo” (Xoán 5:29, TNM). Pero esas persoas serán xulgadas en base ás cousas que fixeron despois de resucitar, non antes. Xesús dixo: “Os mortos escoitarán a voz do Fillo de Deus e os que a escoiten, vivirán” (Xoán 5:25). Os que “escoiten” a voz de Xesucristo, é dicir, os que obedezan o que aprendan despois de resucitar, chegarán a ter os seus nomes escritos no “libro da vida” (Apocalipse 20:12, 13).

 Idea equivocada: Cando unha persoa resucita recibe exactamente o mesmo corpo que tiña antes de morrer.

 Realidade: Despois da morte, normalmente o corpo dunha persoa descomponse e acaba desaparecendo (Eclesiastés 3:19, 20).