Ir ó contido

Que di a Biblia sobre dar?

Que di a Biblia sobre dar?

O que di a Biblia

 A Biblia anímanos a dar de maneira voluntaria e polo motivo correcto. Móstranos que así se beneficia non só quen recibe senón tamén quen dá (Proverbios 11:25; Lucas 6:38). Xesús dixo: “É máis felicidade dar que recibir” (Feitos 20:35).

 Cando é bo dar?

 Dar é bo cando se fai de forma voluntaria. A Biblia explica: “Que cadaquén dea segundo o que teña decidido no corazón, non contra gusto nin por compromiso, que Deus ama ó que dá con alegría” (2 Corintios 9:7).

 Dar de corazón forma parte do tipo de adoración que Deus aproba (Santiago 1:27). As persoas que son xenerosas e axudan a quen o necesita en realidade están colaborando con Deus. El ve a nosa xenerosidade como un préstamo que lle facemos (Proverbios 19:17). E a Biblia di que Deus nos vai recompensar (Lucas 14:12-14).

 Cando non é correcto dar?

 Cando se fai por motivos egoístas. Vexamos algúns exemplos.

  •   Para impresionar a outros (Mateo 6:2).

  •   Para recibir algo a cambio (Lucas 14:12-14).

  •   Para intentar comprar a salvación (Proverbios 11:4).

 Cando apoiamos prácticas e hábitos que Deus non aproba. Por exemplo, non é correcto darlle cartos a alguén para apostar, drogarse ou emborracharse (1 Corintios 6:9, 10, TNM; 2 Corintios 7:1).Tampouco estaría ben darlle axuda material a alguén que podería manterse economicamente pero non quere traballar (2 Tesalonicenses 3:10).

 Cando nos impide cumprir coas nosas responsabilidades familiares. A Biblia ensina que os cabezas de familia deben prover o necesario para os seus (1 Timoteo 5:8). Non sería correcto que un cabeza de familia lles dese tanto a outros que descoidase as necesidades da súa familia. Do mesmo xeito, Xesús condenou os que se negaban a cubrir as necesidades dos seus pais maiores afirmando que todo o que tiñan era “para o Templo coma ofrenda” (Marcos 7:9-13).