A ATALAIA (EDICIÓN DE ESTUDO)

Unha palabra chea de significado!

Galego
Unha palabra chea de significado!
https://cms-imgp.jw-cdn.org/img/p/2016841/univ/art/2016841_univ_sqr_xl.jpg
w16 novembro

Unha palabra chea de significado!

Unha palabra chea de significado!

“MULLER”. Xesús utilizaba esta palabra para dirixirse ás persoas do sexo feminino. Por exemplo, cando curou a unha persoa que levaba dezaoito anos andando toda dobrada, dixo: “Muller, quedas libre da túa enfermidade” (Luc. 13:10-13). Xesús ata utilizou esta palabra cando falaba coa súa nai, pois en tempos bíblicos era unha maneira educada e habitual de dirixirse a alguén (Xoán 19:26; 20:13). Pero había outra palabra que tamén transmitía algo máis.

A Biblia usa unha palabra especialmente amable e cariñosa cando se refire a certas mulleres. Por exemplo, Xesús usouna cando falou cunha muller que levaba sufrindo hemorraxias doce anos. Cando se acercou a el, esta muller non cumpriu estritamente co que a Lei de Deus mandaba, pois dicía que unha persoa nesta condición era impura. Polo tanto, podería concluírse que alguén así tiña que estar lonxe dos demais (Lev. 15:19-27). Pero a muller estaba desesperada. O relato di: “Ela fora a moitos médicos, pero só a fixeran sufrir. Gastara todo o que tiña pero non mellorara nada. De feito, estaba aínda peor” (Mar. 5:25, 26).

A muller meteuse ó caladiño entre a xente, acercouse a Xesús por detrás e tocoulle a beira do manto. Entón, as hemorraxias que tiña pararon inmediatamente! A muller contaba con marchar sen que ninguén se dese conta do que pasara, pero Xesús preguntou: “Quen me tocou?” (Luc. 8:45-47). Así que ela, asustada e tremendo co medo, botouse ó chan diante de Xesús “e contoulle toda a verdade” (Mar. 5:33).

Entón, para tranquilizar a muller, Xesús díxolle con cariño: “Ánimo, filliña!” (Mat. 9:22). Segundo algúns expertos bíblicos, as palabras hebreas e gregas para traducir “filliña” pódense usar metaforicamente para expresar “bondade e tenrura”. Finalmente, Xesús consolouna aínda máis cando lle dixo: “A túa fe curoute. Vaite en paz agora que curaches desta enfermidade que te fixo sufrir tanto” (Mar. 5:34).

“Filliña” ou “miña filla”. Esta expresión foi a que usou Boaz, un israelita rico, para dirixirse a Rut a moabita. Ela tamén tiña motivos para sentirse insegura, pois estaba rebuscando espigas de cebada nas leiras dun home que non coñecía. Pero Boaz preguntoulle: “¿Óesme, miña filla?”. E despois díxolle que seguise rebuscando nas súas leiras. Entón ela botouse ó chan, baixou a cabeza e preguntoulle por que era tan amable con ela, se era unha estranxeira. Boaz tranquilizouna moito ó dicirlle: “Quedoume ben claro todo o que fixeches coa túa sogra [Noemí]”. E engadiu: “Que o Señor bendiga o teu proceder” (Rut 2:8-12).

Que exemplos tan bos son Xesús e Boaz para os anciáns de congregación! Ás veces, dous anciáns poden reunirse cunha irmá que necesita que lle axuden e a animen coas Escrituras. Despois de pedir a guía de Xehová en oración e escoitar atentamente o que di a irmanciña, os anciáns estarán máis preparados para consolala coa Biblia (Rom. 15:4).