Os recordos de Xosué
XEHOVÁ dixo: “O meu servo Moisés morreu; así que agora, érguete, e pasa o Xordán con todo este pobo, cara ó país que eu lles dou a eles” (Xosué 1:2). Vaia tarefa máis difícil se lle encargou a Xosué! Despois de ser o axudante de Moisés durante uns corenta anos, agora Xehová pedíalle que ocupase o posto do seu mestre e que dirixise os israelitas, que eran un pobo problemático, na súa entrada á Terra Prometida.
Mentres pensaba no que lle esperaba, quizais viñeron á súa cabeza as probas que xa superara no pasado. Seguro que os seus recordos lle axudaron moito, e tamén poden axudarnos a nós hoxe en día.
De escravo a líder
Seguro que algo que formaba parte dos recordos de Xosué eran os moitos anos que foi escravo en Exipto (Éxodo 1:13, 14; 2:23). A Biblia non dá detalles sobre esa etapa da súa vida, pero quizais o que fixo eses anos axudoulle a converterse nun bo organizador. É posible que iso lle fose moi útil despois, cando houbo que dirixir a fuxida dos hebreos e da “multitude de xente mesturada” (Éxodo 12:38).
Xosué pertencía a unha familia da tribo de Efraím. O seu avó, Elixamá, era o líder da tribo e, segundo parece, dirixiu un exército de 108.100 homes dunha das divisións de tres tribos de Israel (Números 1:4, 10, 16; 2:18-24; 1 Crónicas 7:20, 26, 27). Pero cando os amalecitas atacaron Israel, pouco despois do éxodo, Moisés escolleu a Xosué para que organizase a defensa (Éxodo 17:8, 9a). Por que non escolleu o seu avó ou o seu pai? Un biblista opina que Moisés escolleu a Xosué para organizar e dirixir os soldados porque era un home importante da tribo de Efraím e o pobo confiaba totalmente nel.
Sexa cal fose a razón, o certo é que despois de ser escollido, Xosué seguiu as instrucións de Moisés. Aínda que non tiña experiencia en guerras, estaba convencido de que conseguirían a vitoria grazas á axuda de Deus. Para el foi suficiente con escoitar a Moisés dicir: “De mañá eu estarei no cume do outeiro, coa vara de Deus na man”. Está claro que Xosué recordaba como Xehová acabara coa maior potencia militar da época. Ó día seguinte, Moisés mantivo as mans levantadas ata a posta do sol e os amalecitas foron derrotados. Entón Xehová mandoulle a Moisés escribir nun libro e transmitirlle a Xosué o seguinte decreto: “Borrarei o recordo de Amalec de debaixo do sol” (Éxodo 17:9b-14). E así pasou, Xehová cumpriu a súa sentenza.
Axudante de Moisés
Esta experiencia debeu estreitar aínda máis a relación entre Xosué e Moisés. Xosué tivo o honor de ser “ministro de Moisés”, é dicir, o seu axudante, dende que era novo ata que Moisés morreu, uns corenta anos despois (Números 11:28).
Este posto implicaba privilexios e responsabilidades. Por exemplo, cando Moisés, Aarón, os seus fillos e setenta anciáns de Israel ascenderon ó monte Sinaí, puideron ver unha visión da gloria de Xehová. É probable que Xosué estivese nese grupo. Como axudante de Moisés, seguiu subindo o monte con el e parece que se mantivo a certa distancia cando este entraba na nube que simbolizaba a presenza de Xehová. Ó parecer, quedou nesa montaña corenta días e corenta noites esperando fielmente a que Moisés volvese, pois cando Moisés baixou coas táboas do Testemuño, el aínda estaba esperando (Éxodo 24:1, 2, 9-18; 32:15-17).
Despois de que os israelitas fixeron e adoraron o becerro de ouro, Xosué seguiu a Moisés ata a Tenda do Encontro, fóra do campamento, onde Xehová falaba con el cara a cara. Pero cando Moisés volveu ó campamento, Xosué quedou na Tenda, quizais para impedir que os israelitas entrasen dentro estando nunha condición impura. Canta importancia lle deu Xosué a esta tarefa! (Éxodo 33:7, 11).
Segundo o historiador Xosefo, Moisés tiña 35 anos máis ca Xosué. Seguro que traballar ó seu lado fortaleceu moito a súa fe. Algúns eruditos dixeron que esa “relación da madurez coa xuventude, do mestre co seu alumno” fixo de Xosué un “home decidido e de fiar”. Hoxe en día non temos profetas coma Moisés, pero nas congregacións das testemuñas de Xehová hai persoas maiores que son unha fonte de fortaleza e ánimo grazas á súa experiencia e espiritualidade. Valoras estes irmáns e sacas proveito de pasar tempo con eles?
Un espía na terra de Canaán
Pouco despois de que Israel recibise a Lei pasou algo moi importante na vida de Xosué: foi escollido para espiar a Terra Prometida en representación da súa tribo. Esta historia é moi coñecida. Os doce espías coincidiron en que esa terra era realmente “un país que deita leite e mel”, tal como Xehová prometera. Pero dez espías tiñan pouca fe e temían que os israelitas non puidesen derrotar os habitantes daquel lugar. Só Xosué e Caleb trataron de animar o pobo para que non se rebelasen por medo, pois Xehová estaría con eles. Entón, toda a asemblea protestou e falou de apedralos. E pode que o fixesen se Xehová non interviñese cunha demostración da súa gloria. Pola súa falta de fe, Deus decidiu que ninguén maior de 20 anos que estivese rexistrado en Israel viviría para entrar en Canaán, excepto Xosué, Caleb e os levitas (Números 13:1-16, 25-29; 14:6-10, 26-30).
Por que tivo Xosué fe en que Xehová lles axudaría cando tódolos demais dubidaron? Acaso non vira todo o pobo as obras poderosas que fixera Xehová en Exipto? Seguro que Xosué recordaba e meditaba nas promesas de Xehová e en todo o que fixera. Por iso, anos máis tarde puido dicir: “Non fallou unha soa das promesas que vos fixo o Señor, o voso Deus: todiñas se cumpriron, sen faltar unha” (Xosué 23:14). Xosué estaba convencido de que tódalas promesas que Xehová fixera sobre o futuro tamén se cumprirían sen falta (Hebreos 11:6). Isto debería facer que nos preguntemos: “E que hai de min? Axudoume todo o tempo que lle dediquei a estudar e meditar nas promesas de Xehová a convencerme de que se cumprirán? Creo que Deus pode protexerme xunto ó seu pobo durante a gran tribulación que pronto virá?”.
Xosué non só tivo fe, senón que tamén tivo o valor de facer o correcto. Tanto el como Caleb mantivéronse firmes cando toda a asemblea falou de apedralos. Como te sentirías ti nesa situación? Estarías asustado? Ese non foi o caso de Xosué. El e Caleb dixeron con firmeza o que crían. Pode que algún día nós teñamos que facer o mesmo para manternos leais a Xehová.
Segundo o relato dos espías, o nome orixinal de Xosué era Hoxeas, que significa “Salvación”. Pero Moisés chamoulle Xosué, que significa “Xehová é Salvación”. A Septuaxinta traduce o seu nome como “Xesús” (Números 13:8, 16). Ese foi un nome moi axeitado, pois Xosué declarou con valor que Xehová é salvación. O nome de Xosué cambiouse por unha moi boa razón. Este nome demostraba canto confiaba Moisés en Xosué e describía ben a misión especial que recibira de liderar unha nova xeración de israelitas na conquista da Terra Prometida.
Mentres os seus pais ían morrendo, aqueles israelitas vagaron polo deserto durante corenta anos. Non sabemos nada sobre Xosué nese período de tempo, pero seguro que aprendeu moito. Probablemente presenciou o xuízo de Deus sobre os rebeldes Coré, Datán e Abiram, sobre os seus seguidores e os que participaron na adoración a Baal-Peor. E seguro que tamén se puxo moi triste cando soubo que Moisés tampouco entraría na Terra Prometida por non santificar a Xehová no incidente das augas de Meribah (Números 16:1–17:15 [16:1-50, TNM]; 20:9-13; 25:1-9).
Nomeóuselle sucesor de Moisés
Cando estaba a punto de morrer, Moisés pediulle a Deus que nomease o seu sucesor para que Israel non chegase a ser “coma rabaño sen pastor”. A quen escollería Xehová? A Xosué, “home no cal reside o Espírito”. Díxolle a Moisés que o presentase diante de todo o pobo para que o obedecesen. Está claro que Xehová aprobaba a Xosué! Viu a súa fe e capacidade. O pobo de Deus non podía quedar en mellores mans (Números 27:15-20). Aínda así, Moisés sabía que Xosué se enfrontaría a enormes desafíos. Así que o animou a ser valente e forte, pois Xehová estaría con el (Deuteronomio 31:7, 8).
O propio Deus repetiulle esas palabras de ánimo a Xosué. Díxolle: “Has de ser rexo e coraxudo, para cumprir toda a Lei que dispuxo o meu servo Moisés. Non te desvíes dela nin á dereita nin á esquerda, de xeito que teñas boandanza en todo o que acometas. Endexamais non arredarás da túa boca o libro desta Lei: meditaralo de día e mais de noite, de xeito que cumpras tódalas súas prescricións, pois daquela daráseche ben o teu camiño e terás boandanza. ¿Logo non cho dixen xa?: se rexo e valeroso; non teñas medo nin te empequenezas, pois o Señor, o teu Deus, estará contigo en todo o que acometas” (Xosué 1:7-9).
Con esas palabras resoando na súa memoria e logo de toda a experiencia que acumulara durante a súa vida, como ía dubidar Xosué de que Xehová estaría con el? A conquista da Terra Prometida estaba garantida. É certo que tería que afrontar dificultades, empezando por cruzar o río Xordán en plena época de inundacións. Pero fora Xehová mesmo o que mandara: “Érguete, e pasa o Xordán”. Así que, que problema podería haber? (Xosué 1:2).
Os seguintes acontecementos da vida de Xosué —a conquista de Xericó, a vitoria progresiva sobre tódolos seus inimigos e a distribución da terra— mostran que nunca perdeu de vista as promesas de Deus. Cerca do final da súa vida, cando Xehová xa lle dera a Israel descanso dos seus inimigos, Xosué congregou o pobo para repasar todo o que Xehová fixera por eles e para animalos a servir a Deus de todo corazón. Como resultado, Israel renovou solemnemente o pacto que fixera con Xehová, e inspirados polo exemplo do seu líder “Israel serviu ó Señor durante toda a vida de Xosué” (Xosué 24:16, 31).
Xosué púxonos un excelente exemplo a todos nós. Na actualidade, os cristiáns afrontamos moitas dificultades que poñen a proba a nosa fe. Temos que manternos fieis a Xehová se queremos agradarlle e beneficiarnos do cumprimento das súas promesas. Xosué tivo éxito grazas á súa forte fe. É certo que nós non vimos as obras poderosas que viu Xosué. Pero se alguén ten dúbidas, o libro que leva o seu nome contén testemuños de primeira man que demostran que as promesas de Xehová son de fiar. Igual que Xosué, podemos ter sabedoría para afrontar as dificultades e seguir agradándolle a Xehová se lemos da súa Palabra tódolos días e nos esforzamos por aplicar o que aprendemos nela nas nosas vidas.
Algunha vez te sentiches ferido por algo que fixo outro cristián? Pensa no exemplo de Xosué. Aínda que el obedecera a Xehová, tivo que vagar corenta anos polo deserto, xunto cos israelitas que non tiveron fe. Tes dificultades para defender as túas crenzas? Lembra o que fixeron Xosué e Caleb. Grazas á súa fe e obediencia, recibiron unha magnífica recompensa. Que se poida dicir o mesmo de todos nós (Xosué 23:14).
[Imaxe]
Xosué e Caleb confiaron no poder de Xehová.
[Imaxe]
A amizade con Moisés fortaleceu a fe de Xosué.
[Imaxe]
O liderado de Xosué inspirou o pobo a obedecer a Xehová.

