Ir ó contido

ENTREVISTA | RACQUEL HALL

Unha muller xudía explica por que reconsiderou as súas crenzas

Unha muller xudía explica por que reconsiderou as súas crenzas

Racquel Hall naceu nunha familia xudía. A súa nai é israelí e o seu pai austríaco. Os seus avós maternos foron dos sionistas que emigraron a Israel en 1948, ano no que se converteu en estado soberano. ¡Despertad! preguntoulle que foi o que a levou a examinar máis a fondo as súas crenzas.

Fálanos un pouco de ti.

Nacín en 1979 nos Estados Unidos. Cando tiña 3 aniños, os meus pais divorciáronse. A miña nai crioume na tradición xudía e mandoume a escolas xudías chamadas yeshivás. Cando tiña 7 anos mudámonos a Israel. Ía a unha escola que estaba nun kibbutz, como se coñecen as colonias agrícolas. Ó ano, marchamos para México.

Onde viviamos non había ningunha sinagoga. Pero aínda así seguín cos meus costumes xudeus: prendía candeas polo sabbath, lía a tora e rezaba empregando un sidur, ou libro de oracións. Adoitaba dicirlles ós meus compañeiros de clase que a miña relixión era a orixinal. Nunca lera o Novo Testamento, que trata sobre o ministerio e os ensinos de Xesús. A miña nai advertírame que non o fixese porque tiña medo de que me contaminase.

Por que decidiches ler o Novo Testamento?

Cando fixen os 17, volvín ós Estados Unidos para rematar os meus estudos. Un amigo que era cristián díxome que sen Xesús a miña vida non estaría completa.

—A xente que cre en Xesús vive enganada —contesteille.

—Liches algunha vez o Novo Testamento?

—Non.

—Entón como podes opinar sobre algo que non coñeces? Iso é de ignorantes.

O que me dixo deixoume pensando porque sempre me pareceu que falar do que non se sabe é de ignorantes. Que vergonza! Collín a súa Biblia, leveina para a casa e empecei a ler o Novo Testamento.

Que efecto tivo en ti o que liches?

O primeiro que me sorprendeu foi que os escritores do Novo Testamento eran xudeus. Ademais, canto máis lía, máis vía a Xesús como un home agarimoso e humilde que quería axudar a xente e non aproveitarse dela. Mesmo fun á biblioteca coller algúns libros que falaban sobre el. Pero o que dicían estes libros non me convenceu de que fose o Mesías. De feito, algúns dicían que Xesús era Deus, cousa que me parecía absurda. Pensaba: “Se fose así, a quen lle falaba Xesús cando oraba? Falábase a si mesmo?”. Ademais, Xesús morreu, pero a Biblia di sobre Deus: “¿Non es ti o meu Deus, o meu Santo que non morre?”. *

Que fixeches entón?

A verdade non se contradí, e eu estaba decidida a descubrir a verdade. Así que lle orei a Deus de corazón e con bágoas nos ollos. Era a primeira vez que lle oraba sen o meu sidur. Xusto cando rematei de orar, petaron á porta. Eran dúas testemuñas de Xehová que me deron un folleto. Esta publicación e mailas conversas que tiven despois con elas convencéronme de que as súas crenzas se basean na Biblia. Por exemplo, para as testemuñas de Xehová, Xesús non é parte dunha trindade, senón que é “o Fillo de Deus” * e “o comezo da creación de Deus”. *

Pouco despois volvín a México e seguín estudando as profecías sobre o Mesías coas testemuñas de Xehová. Sorprendeume ver cantas hai! Aínda así, seguía tendo as miñas dúbidas. Preguntábame: “Foi Xesús o único que cumpriu esas profecías? E se simplemente finxiu para enganar a xente?”.

Que foi o que te acabou de convencer?

As testemuñas de Xehová ensináronme profecías que ningún impostor podería cumprir. Por exemplo, máis de 700 anos antes, Miqueas profetizara que o Mesías nacería en Belén de Xudea. * Quen pode escoller onde vai nacer? Ademais, Isaías escribiu que o executarían coma un criminal, pero que o enterrarían entre os ricos. * Todas estas profecías cumpríronse en Xesús.

O que me acabou de convencer foi a liña xenealóxica de Xesús. A Biblia di que o Mesías sería descendente do rei David. * Os xudeus levaban rexistros xenealóxicos moi detallados. Así que, se Xesús non fose da familia de David, os seus inimigos andarían contándollo a todo o mundo. Pero non puideron facelo porque ninguén podía negar o parentesco de Xesús con David. A xente incluso lle chamou “Fillo de David”. *

No ano 70, trinta e sete anos despois da morte de Xesús, o exército romano arrasou Xerusalén e os rexistros perdéronse ou destruíronse. Así que, para que se puidese comprobar a súa xenealoxía, o Mesías tiña que aparecer antes dese ano.

Ó final, a que conclusión chegaches?

En Deuteronomio 18:18, 19, Deus predixo que faría xurdir en Israel un profeta coma Moisés. E tamén dixo: “A aquel que non lles faga caso ás miñas palabras, as que o profeta anuncie no meu Nome, eu pedireille contas”. Despois de estudar a fondo a Biblia enteira, convencinme de que Xesús de Nazaret era ese profeta.

^ par.15 Habacuc 1:12

^ par.17 Xoán 1:34

^ par.17 Apocalipse 3:14

^ par.20 Miqueas 5:1 (5:2, TNM); Mateo 2:1

^ par.20 Isaías 53:3, 7, 9; Marcos 15:43, 46

^ par.21 Isaías 9:5, 6 (9:6, 7, TNM); Lucas 1:30-32. En Mateo capítulo 1 aparece a liña xenealóxica paterna de Xesús, e en Lucas capítulo 3, a materna.