“Coma as estrelas do ceo”
“Farei crece-los teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar” (Xénese 22:17). Esta foi a promesa que Deus lle fixo ó patriarca Abrahán. Pero un artigo da revista Bible Review publicado recentemente di que pode haber un posible problema neste texto.
A Biblia é cientificamente correcta ó comparar a cantidade de estrelas cos miles de millóns de grans de area que hai nunha praia. Pero parece ser que na época na que se escribiu este texto a xente non sabía que existen miles de millóns de estrelas. A revista Bible Review explica: “En realidade non podemos ver moitas estrelas se miramos o ceo a simple vista, sen axuda doutras ferramentas. Os astrónomos din que sen usar ningún tipo de telescopio só podemos ver entre 2000 e 4000, incluso nunha boa noite”. The World Book Encyclopedia tamén di que “hai sobre 6000 estrelas que brillan o suficiente como para poder velas sen telescopio”.
Entón, como podemos explicar a exactitude da Biblia cando fai esta comparación? Unha explicación é que a Biblia está “inspirada por Deus” (2 Timoteo 3:16). En cambio, o artigo de Bible Review fai todo o posible por evitar esta conclusión dicindo que pode que Abrahán fose astrónomo! Despois desta suposición tan sorprendente, o artigo fai esta pregunta: “Podería ser que a xente de tempos antigos tivese telescopios que lles permitisen ver as estrelas que non podían ver a simple vista?”. Para apoiar esta teoría, o artigo di que se descubriron cristais en Nínive e noutros lugares antigos que puideron ser usados como lentes primitivas.
Aínda así, non hai nada que indique que a xente daquela época empregase telescopios. E aínda se así fose, que probas hai de que Abrahán ou o escritor de Xénese tivesen un? En realidade, a promesa que Deus lle fixo a Abrahán é só un dos moitos exemplos da exactitude científica da Biblia. O profeta Xeremías, ó parecer sen usar ningún tipo de telescopio, tamén dixo por inspiración: “Non se contan as estrelas do ceo, nin se dá medido a area do mar” (Xeremías 33:22).
[Créditos da imaxe]
NASA photos

