Ir ó contido

Síntome culpable. Pode a Biblia axudarme a atopar acougo?

Síntome culpable. Pode a Biblia axudarme a atopar acougo?

O que di a Biblia

 Si. A Biblia pode axudarnos a facer o que sexa necesario para deixar de sentirnos culpables (Salmo 32:1-5). Se fixemos algo mal pero estamos realmente arrepentidos, Deus vainos perdoar e axudar a sentirnos mellor (Salmo 86:5). A Biblia ensina que os sentimentos de culpa poden ser bos; poden motivarnos a corrixir unha mala conduta e esforzarnos por evitala no futuro (Salmo 51:19 [51:17, TNM]; Proverbios 14:9). Non obstante, a Biblia di que teñamos coidado de non sentirnos demasiado culpables. Pode que nos vexamos coma un caso perdido e que sintamos que non valemos nada para Deus. Se somos demasiado duros con nós mesmos poderiamos sentirnos amargados “por tanta tristeza” (2 Corintios 2:7).

 Que pode facernos sentir culpables?

 Poderiamos sentirnos culpables por moitas razóns. Talvez sintamos que lle fixemos dano a alguén que queremos ou non fixemos algo que pensamos que deberiamos ter feito. Ás veces podemos sentirnos culpables sen realmente ter culpa. Por exemplo, se nos esiximos demasiado, sentirémonos culpables cada vez que non alcancemos os nosos obxectivos. Por iso, a Biblia anímanos a poñernos expectativas razoables (Eclesiastés 7:16).

 Como podes loitar contra os sentimentos de culpa?

 Non deixes que a culpa te paralice. Fai todo o posible por corrixir a situación. Como podes facelo?

  •   Recoñece os teus erros. Pídelle a Xehová a en oración que te perdoe (Salmo 38:19 [38:18, TNM]; Lucas 11:4). Podes estar seguro de que Xehová te vai escoitar se estás realmente arrepentido e te esforzas por non volver caer no mesmo erro (2 Crónicas 33:13; Salmo 34:19 [34:18, TNM]). El ve o noso interior, algo que ningún humano pode ver. Cando Deus ve que nos esforzamos por deixar de facer o que está mal, demostra que é “fiel e xustificador” e perdoa os nosos pecados (1 Xoán 1:9; Proverbios 28:13).

     Por suposto, se lle fixeches dano a alguén, recoñece o teu erro e pide perdón de corazón. Pode que non sexa fácil! Pero tes que ser valente e humilde. Se pides desculpas de corazón, conseguirás dúas cousas importantes: sacar un peso de enriba e restaurar a paz (Mateo 3:8; 5:23, 24).

  •   Reflexiona no que di a Biblia sobre a misericordia de Deus. Le por exemplo 1 Xoán 3:19, 20. Aquí a Biblia di que poida que “o noso corazón nos acuse”, é dicir, que sexamos demasiado duros con nós mesmos e sintamos que non merecemos o amor de Deus. Pero tamén di, que “Deus é meirande có noso corazón”. Como pode ser? El sabe todo de nós, e coñece moi ben os nosos sentimentos e debilidades. Tamén sabe que somos imperfectos e cometemos erros b (Salmo 51:7 [51:5, TNM]). Por iso el non rexeita os que se arrepinten de corazón (Salmo 32:5).

  •   Non vivas no pasado. A Biblia contén moitos relatos de homes e mulleres que fixeron cousas malas pero que despois cambiaron a súa forma de vida. Un exemplo foi Saulo de Tarso, a quen despois coñecemos como o apóstolo Paulo. Cando era fariseo perseguiu con violencia os seguidores de Xesús (Feitos 8:3; 9:1, 2, 11). Pero cando se deu conta de que en realidade estaba opoñéndose a Deus e o Mesías, ou Cristo, arrepentiuse, cambiou e chegou a ser un cristián exemplar. Por suposto, Paulo arrepentiuse de corazón do seu comportamento do pasado, pero non viviu no pasado. Como Deus lle mostrou gran misericordia, Paulo predicou con entusiasmo e non perdeu nunca de vista a esperanza da vida eterna (Filipenses 3:13, 14).

 Versículos da Biblia sobre a culpa e o perdón

 Salmo 51:19 [51:17, TNM]: “O corazón contrito e humilde ti, Deus, non o desprezas”.

 Significado: Se estás arrepentido de verdade por ofender a Deus, el non te rexeitará. Deus é misericordioso.

 Proverbios 28:13: “Quen esconde as súas faltas, non prosperará; quen as confesa e corrixe, encontrará piedade”.

 Significado: Se recoñecemos os nosos pecados ante Deus e cambiamos, el vainos perdoar.

 Xeremías 31:34: “Eu perdoaréille-la súa iniquidade, e xa non me lembrarei máis dos seus pecados”.

 Significado: Cando Deus nos perdoa, non volve a recordarnos os nosos erros. El perdóanos de verdade.

a Xehová é o nome persoal de Deus (Éxodo 6:3, TNM).

b Como Adam pecou, todos nacemos coa tendencia a facer cousas que están mal. Xunto coa súa muller, Eva, pecaron contra Deus, deixaron de ser perfectos e todos os seus descendentes tamén (Xénese 3:17-19; Romanos 5:12).