Ir ó contido

Quen eran o home rico e Lázaro?

Quen eran o home rico e Lázaro?

O que di a Biblia

 O home rico e Lázaro son personaxes ficticios dun dos discursos de Xesús (Lucas 16:19-31). Estes homes representaron dous grupos de persoas: 1) os orgullosos líderes relixiosos xudeus dos días de Xesús e 2) as persoas humildes e sinceras que respondían ben á mensaxe de Xesús.

Neste artigo veremos o seguinte:

 Que dixo Xesús sobre o home rico e Lázaro?

 No capítulo 16 de Lucas, Xesús fala de dous homes que tiveron un cambio drástico nas súas circunstancias.

 Este é un resumo da historia que contou Xesús. Un home rico tiña unha vida chea de luxos. Un pobre, chamado Lázaro, estaba na porta da casa do home rico esperando a que lle desen os cachiños de comida que caían da mesa do rico. Co tempo, Lázaro morreu e os anxos levárono ó lado de Abraham. O home rico tamén morreu e foi enterrado. Neste relato dise que os dous homes seguen conscientes despois de morrer. O home rico estaba sendo torturado con lume e pediulle a Abraham que Lázaro mollase o dedo en auga para que viñese refrescar a súa lingua. Pero Abraham rechazou esa petición. Dixo que as circunstancias dos dous homes cambiaran por completo e que se formara entre eles un abismo moi grande que non se podía cruzar.

 Pasou de verdade esta historia?

 Non. É unha parábola que Xesús contou para ensinar unha lección. Os expertos recoñecen que non é unha historia real. Por exemplo, nun subtítulo da edición de 1912 da Biblia de Lutero afírmase que isto é unha parábola. E na Biblia de Xerusalén, que é católica, indícase nunha nota ó pé de páxina que esta parábola “é unha historia que non fai referencia a ningún personaxe da vida real”.

 Quería Xesús ensinar algo sobre a vida despois da morte? Referíase a que algúns sofren no inferno cando morren e que Abraham e Lázaro estaban no ceo? Hai varias razóns que demostran que non puido ser así.

 Por exemplo:

  •   Se o home rico estaba sendo torturado con lume nun lugar literal, non se evaporaría a gota de auga no dedo de Lázaro?

  •   Aínda que non se evaporase, podería unha simple gota de auga aliviar de verdade o sufrimento do home rico?

  •   Como podería Abraham estar vivo no ceo se Xesús dixera claramente que daquela aínda ninguén fora ó ceo? (Xoán 3:13).

 Apoia esta historia a ensinanza de que existe o inferno?

 Non. Aínda que non é unha historia literal, algúns razoan que é un símbolo para explicar que as persoas boas van ó ceo e que as malas son atormentadas no inferno. a

 É lóxico pensar isto? Non.

 A ensinanza do inferno non está de acordo co que di a Biblia sobre o que pasa cando morremos. Por exemplo, a Biblia non ensina que tódalas persoas boas que morren vivan felices no ceo nin que as malas sexan torturadas no inferno. Máis ben, di: “Os vivos saben que han morrer, os mortos non saben xa máis nada” (Eclesiastés 9:5).

 Cal é o significado desta historia?

 Esta historia mostra que as circunstancias de dous grupos de persoas estaban a punto de cambiar por completo.

 O home rico simbolizou os líderes relixiosos xudeus que eran moi amigos dos cartos (Lucas 16:14). Eles escoitaron o que Xesús dicía, pero opuxéronse á súa mensaxe. Ademais, desprezaban a xente común (Xoán 7:49).

 Lázaro simbolizou a xente común que aceptou a mensaxe de Xesús e que foi desprezada polos líderes relixiosos xudeus.

 O cambio de circunstancias foi drástico para os dous grupos.

  •   Os líderes relixiosos xudeus pensaban que contaban coa aprobación de Deus. Pero todo o contrario: como non aceptaron a mensaxe de Xesús, Deus rechazounos a eles e a súa adoración. Así que foi como se morresen. E a mensaxe que Xesús e os seus seguidores predicaron foi coma unha tortura para eles (Mateo 23:29, 30; Feitos 5:29-33).

  •   A xente común, que durante moito tempo fora rechazada polos seus líderes relixiosos, agora tiña a oportunidade de contar co favor de Deus para sempre. Moitos aceptaron a mensaxe da Biblia que Xesús predicaba e beneficiáronse dela (Xoán 17:3).

a Algunhas traducións da Biblia utilizan a palabra inferno para describir o lugar onde se atopaba o home rico despois de morrer. Pero, a palabra grega orixinal (Hades) utilizada en Lucas 16:23 simplemente significa o lugar simbólico onde descansan os mortos.