Ir ó contido

Ir ó índice

Aprende da palabra de Deus

Que pasará durante o Día do Xuízo?

Que pasará durante o Día do Xuízo?

Este artigo permitirache encontrar na túa propia Biblia a resposta a algunhas preguntas que quizais te fixeches. Se queres, as testemuñas de Xehová poden analizar estas preguntas contigo.

1. Que é o Día do Xuízo?

A imaxe da dereita representa o que moitos pensan que sucederá durante o que a Biblia chama o Día do Xuízo. Imaxinan miles de millóns de almas reunidas ante o trono de Deus para ser xulgadas polos seus feitos. Pensan que algunhas desas almas serán recompensadas con vida no ceo, mentres que outras serán atormentadas no inferno. Pero a Biblia indica que o obxectivo do Día do Xuízo é quitar a inxustiza do mundo (Salmo 96:13). Xesús é o Xuíz que Deus escolleu para traer xustiza á humanidade (le Isaías 11:1-5 e Feitos 17:31).

2. Como se fará xustiza durante o Día do Xuízo?

O primeiro home, Adam, rebelouse contra Deus. Pola súa culpa, tódolos seus descendentes pecamos, sufrimos e morremos (Romanos 5:12). Para corrixir esa inxustiza, Xesús resucitará os miles de millóns de persoas que morreron. O libro bíblico de Apocalipse di que iso sucederá durante o reinado de mil anos de Xesucristo (le Apocalipse 20:4, 11, 12).

Os que resuciten serán xulgados, pero non en función do que fixeron antes de morrer, senón do que fagan despois de que se coñeza a información dos libros dos que se fala no capítulo 20 de Apocalipse (Romanos 6:7). O apóstolo Paulo falou de “xustos e inxustos” para referirse a aqueles que volverán á vida e que terán a oportunidade de aprender acerca de Deus (le Feitos 24:15).

3. Que máis vai lograr o Día do Xuízo?

As persoas que morreron sen poder coñecer e servir a Xehová terán a oportunidade de cambiar e facer a súa vontade despois de resucitar. Se o fan, a súa resurrección chegará a ser “unha resurrección de vida”. Pero tamén haberá resucitados que non queiran obedecer a Deus. A súa resurrección chegará a ser “unha resurrección de condena” (le Xoán 5:28, 29 e Isaías 26:10; 65:20, TNM).

Para cando acaben os mil anos que durará o Día do Xuízo, Xehová devolveralle á humanidade o estado de perfección no que estaba cando a creou (1 Corintios 15:24-28). Que recompensa tan bonita pola súa obediencia! O Demo, que estará encerrado eses mil anos nun abismo, será soltado por Deus para unha última proba. Satanás fará canto poida por apartar a xente de Xehová, pero quen supere esta proba poderá vivir para sempre na Terra (le Isaías 25:8 e Apocalipse 20:1, 7-9).

4. Que outro día de xuízo traerá bendicións para a humanidade?

A Biblia fala doutro día de xuízo. Trátase do suceso que poñerá fin ó actual sistema mundial. Este día virá de forma repentina, do mesmo xeito que o Diluvio dos días de Noé, que arrasou con toda unha xeración de xente mala. Pronto, a destrución “dos impíos”, ou malvados, deixará vía libre a unha nova sociedade humana “onde exista a xustiza” (le 2 Pedro 3:6, 7, 13).