Preguntas dos lectores
Quen eran os filisteos que menciona a Biblia?
A Biblia menciona a miúdo un pobo ó que chama “filisteos”, que vivía en Canaán cando os israelitas tomaron posesión da Terra Prometida. Foron inimigos do pobo de Deus durante moito tempo. Por exemplo, David loitou contra un xigante filisteo chamado Goliat (1 Samuel 17:1-3, 23-53).
A Biblia indica que os antigos filisteos emigraron dende Kaftor ata a costa suroeste de Canaán (Xeremías 47:4, TNM). Onde estaba Kaftor? Unha enciclopedia bíblica di: “Aínda que non hai probas para dar unha resposta definitiva, os estudos actuais sinalan que o máis probable é que sexa a illa de Creta, ou pode que Creta e mailas illas do Exeo, que pertencen á mesma cultura” (The International Standard Bible Encyclopedia [1979], volume 1, páxina 610).
Na mesma liña, Amós 9:7 di: “¿Non sodes acaso vós para min coma cuxitas, fillos de Israel? —oráculo de Iavé—. ¿Non fixen eu subir a Israel do país de Exipto coma ós filisteos de Kaftor e a Aram de Quir?”.
Non se sabe cando emigrou este antigo pobo mariñeiro dende Creta ata a rexión situada na costa suroccidental de Canaán —entre Iope e Gaza— que chegou a ser coñecida como Filistea. Pero ó parecer xa vivían nesta zona nos días de Abrahán e Isaac (Xénese 20:1, 2; 21:32-34; 26:1-18).
Os filisteos seguiron tendo moito poder nesa zona moito tempo despois de que os israelitas tomasen posesión da terra que Deus lles prometera (Éxodo 13:17; Xosué 13:2; Xuíces 1:18, 19; 3:3, 4; 15:9, 10; 1 Samuel 4:1-11; 7:7-14; 13:19-23; 1 Reis 16:15). Durante o reinado de Ozías, os filisteos aínda permanecían nas cidades de Gat, Iábneh e Axdod (2 Crónicas 26:6). Outras cidades filisteas importantes que aparecen na Biblia son Ecrón, Axquelón e Gaza.
Alexandre Magno conquistou a cidade filistea de Gaza e parece que co tempo os filisteos deixaron de existir como pobo. O profesor Lawrence Stager escribiu: “Os filisteos tamén foron desterrados a Babilonia. [...] Pero non hai ningún rexistro que indique o que lles pasou ós filisteos desterrados. Os que quizais permaneceron en Axquelón despois da conquista de Nabucodonosor, parece que perderon a súa identidade étnica. Simplemente desapareceron da historia” (Biblical Archaeology Review, maio-xuño de 1991).
O nome moderno de Palestina deriva de palabras latinas e gregas que á súa vez veñen da palabra hebrea para “Filistea”. Algunhas traducións árabes da Biblia usan unha palabra para “filisteos” que pode confundirse facilmente coa palabra que se usa actualmente para falar dos palestinos. Aínda así, a Today’s Arabic Version usa palabras diferentes para distinguir os antigos filisteos dos palestinos da actualidade.
[Imaxe]
Ruínas de Axquelón.
[Recoñecementos]
Pictorial Archive (Near Eastern History) Est.

