A ATALAIA (EDICIÓN DE ESTUDO)

“A coroa e o testemuño”

Galego
“A coroa e o testemuño”
/assets/ct/28ada02fb0/images/syn_placeholder_sqr.png
w91 1/2
“A coroa e o testemuño”

“A coroa e o testemuño”

“ENTÓN Iehoiadá amosou ó fillo do rei, púxolle a coroa e o testemuño e unxiuno por rei.” (2 Reis 11:12) Así é como o libro dos Reis describe a coroación do rei Ioax. Explica que cando Ioax se converteu en rei, Iehoiadá púxolle tanto “o testemuño” como a “coroa”. Que era o testemuño? E por que se lle puxo a Ioax cando se converteu en rei?

A palabra hebrea que se traduce aquí como “testemuño” normalmente fai referencia ós Dez Mandamentos ou á Lei de Deus en xeral (Éxodo 31:18; Salmo 78:5). En relación con isto, The Jerusalem Bible (1966) no relato paralelo de 2 Crónicas 23:11 di: “Entón Iehoiadá trouxo o fillo do rei, coroouno, e impúxolle a Lei sobre el”. Esta mesma palabra hebrea tamén aparece en 2 Reis 11:12. Pero nesta ocasión, esta tradución en vez de poñer a palabra “testemuño” substitúea por “brazaletes”. Por que fai esta diferenza?

Un coñecido comentario alemán da Biblia, Herders Bibelkommentar, explica que algúns tradutores non ven posible que o rei puxese a Lei na súa cabeza ou no seu brazo. Dado que en 2 Samuel 1:10 se menciona que o rei Saúl levaba posto un brazalete e unha coroa, cren que o texto orixinal de 2 Reis 11:12 falaba dunha “coroa e os brazaletes”. Non obstante, non hai ningunha evidencia de que isto fose certo. Usar “brazaletes” en vez de “testemuño” implicaría un cambio radical no texto bíblico.

Por iso, The New Jerusalem Bible (1985) volveu introducir a idea da Lei ou do pacto da lei. Esta versión máis recente di: “E deulle unha copia do pacto”. Pero, é certo que Iehoiadá lle deu a Ioax “o testemuño”? A palabra hebrea que se traduce como “puxo” tamén podería traducirse como “deu”. Pero tanto no libro dos Reis como no das Crónicas esta palabra só aparece unha vez e fai referencia á coroa e ó testemuño. Ademais, esta palabra vai inmediatamente seguida do termo hebreo “sobre”. Por iso, “puxo sobre” ten que ser a tradución correcta. Tanto a coroa como o testemuño foron “postos sobre” o pequeno rei Ioax, tal e como aparece na Traducción del Nuevo Mundo.

Entón, como “puxo” o sumo sacerdote o testemuño sobre o rei, e por que o fixo? Analicemos o que dixo o experto alemán Otto Thenius: “A Lei é un libro que ten rexistrados os decretos de Moisés. Despois de poñerlle a coroa ó rei, tamén se lle puña a Lei sobre a súa cabeza para representar algo” (Die Bücher der Könige). O profesor Ernst Bertheau di algo parecido: “Colocar a Lei [sobre o rei] tiña un significado simbólico: o rei tiña a obriga de gobernar en harmonía con ela” (Die Bücher der Chronik).

Cando un rei comezaba a gobernar tiña que facer unha copia da Lei para el, estudala e aplicala durante toda a súa vida (Deuteronomio 17:18-20). Pode ser que poñer “o testemuño” brevemente sobre o novo rei fose unha maneira de mostrar que non estaba por riba da Lei de Xehová. Por desgraza, despois da morte de Iehoiadá, Ioax esqueceuse disto e foi deixando pouco a pouco de servir a Deus. Co tempo, foi asasinado (2 Crónicas 24:17-25).