Ir ó contido

O PUNTO DE VISTA BÍBLICO

Xogo por diñeiro

Xogo por diñeiro

Algunhas persoas pensan que os xogos de azar son un pasatempo inocente, mentres que outras cren que son un vicio perigoso.

Hai algo de malo en xogar por diñeiro?

O QUE DI A XENTE

Moitas persoas cren que os xogos de azar non fan dano a ninguén, sempre que sexan legais. Algúns destes xogos, como as loterías organizadas polo goberno, mesmo destinan parte dos cartos a programas de axuda social.

O QUE DI A BIBLIA

A Biblia non fala do xogo por diñeiro de maneira directa. Pero si dá consellos que nos axudan a entender que pensa Deus deste tipo de xogos.

O principal obxectivo destes xogos é gañar cartos a expensas dos demais. Isto vai en contra do que di a Biblia: “Gardádevos da cobiza” (Lucas 12:15). En realidade, é a cobiza a que está detrás do xogo por diñeiro. De feito, as institucións que promoven estes xogos saben que o desexo de facerse rico fai que os xogadores aposten grandes sumas de diñeiro nos casinos, por iso tentan as persoas con grandes premios, pero non lles advirten de que as posibilidades de gañalos son moi pequenas. En vez de axudar ás persoas a evitar a cobiza, as apostas fomentan o desexo de gañar diñeiro fácil.

O xogo por diñeiro baséase nun obxectivo egoísta: gañar os cartos que outros xogadores perderon. Pero a Biblia recoméndanos: “Que ninguén busque o seu propio interese, senón o dos demais” (1 Corintios 10:24). E un dos dez mandamentos di: “Non cobizara-la casa do teu próximo [...], nin nada de canto é seu” (Éxodo 20:17). En realidade, ó poñer a súa esperanza en gañar, o xogador está desexando que outros perdan os seus cartos para poder quedar el con eles.

A Biblia tamén nos advirte de que non vexamos a sorte como unha forza mística ou poder que nos pode axudar en determinadas situacións. No antigo Israel, algunhas persoas que non tiñan fe en Deus comezaron a confiar na “deusa Fortuna ou Sorte”. Aprobaba Deus isto? Non. El mesmo lles dixo: “Fixéste-lo mal ós meus ollos e escolléste-lo que non me gustaba” (Isaías 65:11, 12, nota).

É certo que nalgúns países se usan parte dos fondos que se recadan do xogo legal para financiar programas de axuda pública, como programas de educación ou de desenvolvemento económico. Pero a maneira como se empregan estes fondos non cambia o xeito no que se obtiveron: actividades que promoven abertamente a cobiza, o egoísmo e a idea de conseguir algo a cambio de nada.

“Non cobizara-la casa do teu próximo [...], nin nada de canto é seu” (Éxodo 20:17).

Que consecuencias ten o xogo por diñeiro?

O QUE DI A BIBLIA

A Biblia advirte: “Os que se queren facer ricos caen en tentacións e trapelas e en moitas cobizas, todas perigosas, que botan os homes a perder e á ruína” (1 Timoteo 6:9). O xogo por diñeiro baséase na cobiza. E a cobiza é tan corrosiva que a Biblia a inclúe nunha lista de cousas que temos que evitar por completo (Efesios 5:3).

Como o xogo promove o diñeiro fácil, en realidade fomenta o amor ós cartos. A Palabra de Deus identifica este amor como: “A raíz de tódolos males”. Este desexo de ter diñeiro pode facerse tan forte, que chegue a provocar moita ansiedade na vida dunha persoa e mesmo a debilitar a súa fe en Deus. Como di a Biblia, os que caeron nesta trampa: “Envulláronse a si mesmos en moitas dores” (1 Timoteo 6:10).

A cobiza produce infelicidade. Fai que as persoas estean insatisfeitas co seu nivel de vida e impídelles ser felices. “‘O que ama o diñeiro non se dá farto del, e a quen ama a riqueza non o sacian ganancias’; e tamén isto é vaciedade” (Eclesiastés 5:9 [5:10, TNM]).

Millóns de persoas que empezaron a xogar por diñeiro acabaron volvéndose adictas e víronse atrapadas nun vicio do que é moi difícil liberarse. É un problema que afecta ó mundo enteiro. Algúns informes indican que tan só nos Estados Unidos hai millóns de adictos ó xogo por diñeiro.

Como di un proverbio: “A facenda feita ás presas no comezo, non medrará ó remate” (Proverbios 20:21). Os adictos ós xogos de azar poden terminar endebedándose ou arruinándose. Ademais, a moitos custoulles o seu traballo, o seu matrimonio e perderon os seus amigos. Pola contra, seguir os consellos que nos dá a Biblia, axudaranos a evitar as malas consecuencias do xogo por diñeiro.

“Os que se queren facer ricos caen en tentacións e trapelas e en moitas cobizas, todas perigosas, que botan os homes a perder e á ruína.” (1 Timoteo 6:9)