Galego
Siria, unha historia que segue viva
/assets/ct/79e1b14fff/images/syn_placeholder_sqr.png
g03 8/2
Siria, unha historia que segue viva

Siria, unha historia que segue viva

NESTA zona atopábase un dos grandes cruces de camiños do mundo antigo, o lugar onde se unían as rutas de caravanas que ían do Mediterráneo ata A China e de Exipto a Anatolia. Ó longo dos séculos, pasaron por alí as tropas de Acad, Babilonia, Exipto, Persia, Grecia e Roma e, máis tarde, tamén os turcos e os soldados das cruzadas. En tempos modernos, os exércitos de Francia e Gran Bretaña pelexaron por controlala.

Parte daquela rexión segue conservando o nome que levou durante milleiros de anos: Siria. Aínda que a zona sufriu bastantes cambios, a súa historia segue viva. É unha terra que esperta moito interese nos que estudan a Biblia, pois Siria xogou un papel importante na historia bíblica.

Damasco, unha cidade antiga

Vexamos o caso de Damasco, a capital de Siria. Dise que é unha das cidades habitadas máis antigas do mundo. Situada ó pé da cordilleira do Antilíbano e atravesada polo río Barada, foi durante séculos un oasis na beira do gran deserto sirio. Probablemente Abrahán pasase por aquí cando se dirixía cara ó sur, rumbo a Canaán. Alí tomou a Eliézer, “o damasceno”, como un servinte para a súa casa (Xénese 15:2).

Case mil anos despois, os reis sirios de Sobah loitaron contra Saúl, o primeiro rei de Israel (1 Samuel 14:47). O seu sucesor, David, tamén pelexou cos reis de Aram —o nome hebreo de Siria—, derrotounos e “instalou postos en Aram de Damasco” (2 Samuel 8:3-8). Así foi como Israel e Siria comezaron unha longa inimizade (1 Reis 11:23-25).

No primeiro século da nosa era, a hostilidade entre os sirios e os xudeus aparentemente foi a menos. De feito, naquela época había varias sinagogas xudías en Damasco. Quizais recordes que Saulo de Tarso (máis tarde coñecido como Paulo) se fixo cristián cando viaxaba de Xerusalén a Damasco (Feitos 9:1-8).

É certo que na actual Damasco non queda ningún indicio do paso de Abrahán ou da conquista de David. Pero aínda hai ruínas da antiga cidade romana, incluída unha vía principal que segue o trazado da antiga rúa Recta. Foi nunha casa desta rúa onde Ananías atopou a Saulo, quen se fixera cristián pouco antes de chegar a Damasco (Feitos 9:10-19). Aínda que esta rúa cambiou moito dende a época romana, foi aquí onde o apóstolo Paulo empezou a súa impresionante traxectoria. A rúa remata na porta de Bab-Sharqi, e as antigas murallas —sobre as que se asentaban as casas— axúdannos a entender como puido fuxir Paulo cando o baixaron nun cesto a través dunha ventá (Feitos 9:23-25; 2 Corintios 11:32, 33).

Palmira, un oasis histórico

A unhas tres horas en coche ó nordés de Damasco encóntrase un emprazamento arqueolóxico excepcional. Trátase de Palmira, coñecida na Biblia como Tamor (2 Crónicas 8:4). O lugar está situado aproximadamente a medio camiño entre o mar Mediterráneo e o río Éufrates, nun oasis alimentado polos mananciais que descenden das montañas do norte. A antiga ruta comercial entre Mesopotamia e as terras occidentais percorría a zona do Crecente Fértil, polo que se atopaba bastante ó norte de Palmira. Aínda así, no primeiro século antes da nosa era, a inestabilidade política nesa zona fixo necesario buscar unha ruta alternativa máis ó sur. Así naceu o período de maior esplendor de Palmira.

Como Palmira resultaba útil para Roma como punto defensivo no extremo oriental do seu imperio, foi incorporada á provincia romana de Siria, aínda que máis tarde chegou a declararse cidade independente. Ó longo dunha extensa rúa con amplas columnatas, había grandes templos, impresionantes arcos, baños e un teatro. Os pórticos que había a cada lado estaban pavimentados para que a xente camiñase, mentres que a parte central da vía permanecía sen pavimentar para permitir o paso de camelos. As caravanas que viaxaban entre A China ou A India no Oriente e o mundo grecorromano no Occidente facían parada en Palmira para descansar. Alí estaban obrigadas a pagar os impostos aplicados ás sedas, ás especias e a outras mercancías que transportaban.

Palmira acadou o seu punto de maior importancia no terceiro século da nosa era, cunha poboación duns 200.000 habitantes. Foi entón cando a ambiciosa raíña Zenobia se enfrontou a Roma, aínda que foi derrotada no ano 272 da nosa era. Desta maneira, Zenobia cumpriu involuntariamente parte dunha profecía rexistrada polo profeta Daniel uns 800 anos antes (Daniel, capítulo 11). a A pesar daquela derrota, Palmira seguiu en pé e converteuse nun punto estratéxico do Imperio Romano, pero nunca recuperou o poder nin o esplendor que chegara a ter.

Cara ó Éufrates

A unhas tres horas en coche a través do deserto, en dirección norte, está a vila de Deir ez-Zor, onde se pode ver o impoñente río Éufrates. Este histórico curso fluvial nace nas montañas orientais de Anatolia —na parte asiática de Turquía—, entra en Siria pasando xusto ó norte de Kárkemix e continúa o seu percorrido cara ó sueste atravesando Siria e Iraq. Preto da fronteira iraquí atópanse os restos de dúas antigas cidades sirias.

Uns 100 quilómetros ó sueste, nun meandro do Éufrates, xacen os restos da antiga cidade fortificada de Dura Europos. E outros 25 quilómetros máis ó sueste están as ruínas de Mari, unha cidade que chegou a ter unha actividade comercial moi próspera antes de ser destruída no século XVIII antes da nosa era polo rei babilonio Hammurabi. Nos arquivos do palacio real descubríronse polo menos 15.000 táboas de barro con inscricións, uns documentos que resultaron fundamentais para reconstruír a vida e a historia daquela época.

Cando as tropas de Hammurabi destruíron a cidade, derrubaron a parte superior das murallas e os anacos de ladrillos e terra acabaron enchendo as estancias inferiores. Este feito axudou a protexer as pinturas murais, estatuas, cerámicas e gran cantidade doutros obxectos, que permaneceron intactos ata que un grupo de arqueólogos franceses descubriu o xacemento en 1933. Hoxe, moitas destas pezas poden verse nos museos de Damasco e Alepo, así como no Louvre en París.

Cidades antigas do noroeste de Siria

Se seguimos o curso do Éufrates cara ó norte, chegamos a Alepo (Halab). Ó igual que Damasco, presume de ser unha das cidades habitadas máis antigas do mundo. Os seus bazares cubertos son dos máis pintorescos e característicos de todo Oriente Próximo.

Xusto ó sur de Alepo está Tell Mardikh, o lugar onde estaba a antiga cidade de Ebla. Esta era unha poderosa cidade comercial que dominou o norte de Siria durante a segunda metade do terceiro milenio antes da nosa era. As escavacións sacaron á luz os restos dun templo dedicado á deusa babilonia Istar e dun palacio real, e nas súas salas de arquivos apareceron unhas 17.000 táboas de barro. Moitas destas pezas pódense ver no museo de Idlib, unha pequena vila que está a uns 25 quilómetros de distancia.

Ó sur de Damasco está Hamah, chamada Hamat na Biblia (Números 13:21). O serpeante río Orontes atravesa Hamah, converténdoa nunha das cidades máis agradables da zona. Despois atopamos Ras Samra, coñecida antigamente como Ugarit. Entre o terceiro e segundo milenio antes da nosa era, Ugarit foi un porto comercial moi próspero onde se adoraba a Baal e a Dagón. Dende 1929, arqueólogos franceses desenterraron numerosas táboas de barro e esculturas de bronce que revelan moita información sobre o noxento culto a Baal. Isto axúdanos a entender mellor por que Deus decidiu exterminar os cananeos, que tamén adoraban a Baal (Deuteronomio 7:1-4).

Está claro, en Siria aínda se pode escoitar unha interesante historia que segue moi viva.

[Nota]

a Mira o artigo “La ‘señora del desierto sirio’” en La Atalaya do 15 de xaneiro de 1999, editada polas Testemuñas de Xehová.

[Mapa]

(Para ver o texto no formato orixinal, mira a publicación en español)

MAR MEDITERRÁNEO

‐‐ Fronteiras en disputa

EXIPTO

ISRAEL

XORDANIA

O LÍBANO

SIRIA

DAMASCO

Barada

Orontes

Hamah (Hamat)

Ugarit (Ras Samra)

Ebla (Tell Mardikh)

Alepo (Halab)

Kárkemix (Ierablus)

Éufrates

Zenobia

Deir ez-Zor

Dura Europos

Mari

Palmira (Tamor)

IRAQ

TURQUÍA

[Imaxe]

Damasco (parte inferior) e a rúa Recta (parte superior)

[Imaxe]

Casas colmea

[Imaxe]

Ugarit

[Imaxe]

Hamah

[Imaxe]

Mari

[Imaxe]

Alepo

[Créditos]

© Jean-Leo Dugast/Panos Pictures

[Imaxe]

Palacio real, Ebla

[Imaxe]

Pastores en Zenobia

[Imaxe]

Palmira

[Imaxe]

O Éufrates en Dura Europos

[Créditos]

Children: © Jean-Leo Dugast/Panos Pictures; beehive homes: © Nik Wheeler