Ir ó contido

Ir ó índice

PREGUNTA 2

Hai formas de vida realmente simples?

Hai formas de vida realmente simples?

Poderían xurdir por casualidade os máis de 200 tipos de células diferentes que forman o teu corpo?

O corpo humano é unha das estruturas máis complexas do Universo. Está composto por aproximadamente cen billóns (1014) de diminutas células, entre as que hai células óseas, sanguíneas e cerebrais.7 De feito, hai máis de douscentos tipos distintos de células no noso corpo.8

A pesar da impresionante variedade de formas e funcións, as células constitúen unha rede integrada moi complexa. Nin sequera Internet, cos seus millóns de ordenadores e liñas de transmisión de datos de alta velocidade, se lle acerca. Ningún invento humano pode competir coa extraordinaria técnica que se ve ata nas células máis simples. Agora ben, como chegaron a existir as células humanas?

Que afirman moitos científicos? As células divídense en dous grandes grupos: as que teñen un núcleo diferenciado e as que non o teñen. As células humanas, animais e vexetais teñen núcleo; as bacterianas non. As primeiras chámanse eucariotas; as segundas, procariotas. Como as procariotas son relativamente menos complexas, moitos cren que as células animais e vexetais evolucionaron a partir de células bacterianas.

De feito, propoñen que durante millóns de anos, células procariotas “simples” enguliron outras pero non as dixeriron. Din que, a pesar de non ter intelixencia, a “natureza” atopou a forma de facer cambios moi radicais na función das células inxeridas. E que, aínda por riba, tamén puido manter estas células adaptadas no interior das células “hóspedes” no momento da reprodución. *9

Que di a Biblia? A Biblia di que a vida na Terra é obra dunha mente intelixente. Fíxate na súa lóxica indiscutible: “Porque toda casa ten un constructor, pero o que constrúe todo é Deus” (Hebreos 3:4). Outra cita da Biblia di: “¡Cantas son, Señor, as túas obras, todas feitas con saber! A terra está chea das túas creaturas. [...] Con reptís que non se contan, con animais pequenos e grandes” (Salmo 104:24, 25).

Podería incluso unha célula “simple” xurdir a partir de compoñentes químicos sen vida?

Que revelan as probas? Grazas ós avances en microbioloxía, púidose explorar o asombroso interior das células procariotas máis simples coñecidas. Os científicos evolucionistas manteñen que as primeiras células vivas deberon de parecerse algo a estas.10

Se a teoría da evolución é certa, ten que dar unha explicación convincente de como se formou por azar a primeira célula “simple”. Se, pola contra, a vida foi creada, ten que haber probas de deseño intelixente ata na criatura máis diminuta. Que che parece se imos de excursión ó interior dunha célula procariota? Polo camiño, pregúntate se unha estrutura coma esa puido xurdir por casualidade.

O MURO PROTECTOR

Para visitar unha célula procariota, teremos que facernos centos de veces máis pequenos que o punto que pecha esta oración. Unha membrana elástica e resistente sepáranos do interior e actúa como o muro que se constrúe arredor dunha fábrica. Farían falta 10.000 capas desta membrana para igualar o espesor dunha folla de papel. Pero a membrana celular é moito máis complexa ca un muro. En que sentido?

Igual que o muro que rodea unha fábrica, a membrana protexe o contido celular dun ambiente que moi probablemente lle faría dano. Pero esta membrana non é sólida, permite que a célula “respire” deixando que entren e saian pequenas moléculas, como as de osíxeno. Tamén bloquea o acceso non autorizado de moléculas máis complexas que poderían facer mal e retén no interior as que son útiles para a célula. Como consegue facer todo iso?

Nunha fábrica, seguramente hai gardas nas portas do muro que controlan a entrada e saída das mercancías. Do mesmo xeito, na membrana celular hai integradas unhas moléculas proteicas especiais que fan a función de portas e gardas.

A membrana celular conta con “gardas” que só permiten a entrada e a saída de certas substancias

Algunhas destas proteínas (1) teñen un conduto polo medio que só permite o paso de certas moléculas. Outras proteínas están abertas por un lado da membrana e pechadas polo outro (2) cun punto de acceso (3) que ten a forma adecuada para que encaixe unha substancia específica. Cando a proteína captura a carga, o lado que está pechado ábrese e déixaa pasar a través da membrana (4). Este proceso sucede en tódalas células, incluso nas máis simples.

O INTERIOR DA FÁBRICA

Supoñamos que o “garda” xa nos deixou pasar. O interior dunha célula procariota está cheo dun líquido acuoso con moitos nutrientes, sales e outras substancias. Todo iso compón a materia prima coa que a célula fabrica os produtos que necesita. Pero ese proceso non é aleatorio. Igual que unha fábrica ben organizada, a célula programa miles de reaccións químicas para que se produzan nunha orde e horario determinados.

A célula pasa moito tempo fabricando proteínas. Como o fai? Primeiro, produce uns vinte aminoácidos distintos (os bloques básicos das proteínas), que despois envía ós ribosomas (5). Os ribosomas son como máquinas automáticas. Unen os aminoácidos nunha orde moi concreta para fabricar unha proteína específica. Igual que os diferentes traballos que se fan nunha fábrica poden ser dirixidos por un programa informático central, moitas funcións da célula son dirixidas por un “programa informático”, ou código, coñecido como ADN (6). Os ribosomas reciben do ADN unha lista detallada de instrucións que lles indican que proteína construír e de que maneira (7).

O proceso é impresionante! Cada proteína vaise dobrando ata chegar a ter unha forma tridimensional única (8). Esa forma determina a función específica que vai ter a proteína. * Imaxina unha cadea de produción de motores, onde as pezas deben construírse á perfección para que os motores funcionen. Da mesma maneira, as proteínas deben construírse con total precisión e adoptar a forma exacta para que realicen adecuadamente a súa función. Se non fose así, ata poderían facerlle dano á célula.

A “fábrica” celular. A síntese de proteínas. Coma unha fábrica automatizada, a célula está chea de máquinas que montan e envían produtos complexos

Como chegan as proteínas dende o punto de fabricación ata o lugar onde se necesitan? Cada unha leva unha “etiqueta” que indica o lugar onde se ten que entregar. Así, aínda que se constrúen e envían miles por minuto, non se perde ningunha: todas chegan ó seu destino.

Que importancia teñen estes feitos? As complexas moléculas do ser vivo máis simple non poden reproducirse por si soas. Fóra da célula descompóñense, e dentro dela son incapaces de duplicarse sen a axuda doutras moléculas complexas. Por exemplo: para producir unha molécula especial de enerxía chamada trifosfato de adenosina (ATP) fan falta enzimas, pero para producir enzimas fai falta a enerxía do ATP. De maneira parecida, o ADN intervén na formación de enzimas, pero as enzimas interveñen na formación de ADN (o estudo desta molécula vaise tratar na sección 3). E outras proteínas só poden ser fabricadas pola célula, pero a célula só pode fabricarse con proteínas. *

O microbiólogo Radu Popa, que non acepta o relato bíblico da creación, preguntou en 2004: “Como pode a natureza crear vida cando nós, tendo tódalas condicións experimentais controladas, fracasamos?”.13 Tamén dixo: “A complexidade dos mecanismos necesarios para o funcionamento dunha célula viva é tan grande que a súa aparición simultánea por azar parece imposible”.14

Un edificio alto que non ten cimentos sólidos non se pode soster. Manterase en pé a teoría da evolución se non pode explicar a orixe da vida?

Que pensas? A teoría da evolución intenta explicar a orixe da vida na Terra descartando a intervención divina. Pero canto máis descobre a ciencia sobre a vida, menos probable é que esta aparecese de forma aleatoria. Para evitar este problema, algúns científicos queren distinguir entre a teoría evolucionista e a cuestión da orixe da vida. Paréceche razoable facer iso?

A teoría da evolución baséase na idea de que a vida empezou por casualidade debido a unha longa serie de coincidencias. Despois suxire que outra serie de sucesos aleatorios produciron a enorme variedade e complexidade de tódolos seres vivos. Agora ben, se esta teoría non ten fundamento, que pasará coas outras teorías que se apoian nela? Igual que un edificio moi alto sen cimentos non se pode soster, unha teoría evolucionista incapaz de explicar a orixe da vida tampouco pode manterse en pé.

Despois de analizar brevemente a estrutura e a función dunha célula “simple”, que notaches? Ves probas dunha serie de sucesos accidentais ou probas dun brillante deseño? Se aínda non estás seguro, imos ver máis de cerca o “programa central” que controla as funcións de tódalas células.

^ par.6 Non existen probas experimentais que confirmen que isto sexa posible.

^ par.18 As enzimas son un exemplo de proteínas producidas pola célula. Cada unha dóbrase dunha maneira especial para acelerar unha reacción química en particular. Centos delas cooperan para regular as actividades celulares.

^ par.20 Algunhas células humanas conteñen aproximadamente dez mil millóns de moléculas de proteína11 de centos de miles de tipos diferentes.12