Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Testemuñas de Xehová

Galego

Cal é a opinión actual da comunidade médica sobre as transfusións de sangue?

Cal é a opinión actual da comunidade médica sobre as transfusións de sangue?

As testemuñas de Xehová levan décadas sendo obxecto de críticas por non aceptar transfusións de sangue. Ás veces, a súa postura baseada no mandato da Biblia de absterse do sangue ten entrado en conflito co que os médicos consideraban mellor para o paciente (Feitos 15:29).

Non obstante, cada vez son máis os profesionais con experiencia no campo da medicina que aportan razóns médicas para recomendar o uso de tratamentos sen sangue.

O número de primavera de 2013 da publicación Stanford Medicine Magazine, editada pola Escola de Medicina da Universidade de Stanford, contiña unha reportaxe especial dedicada ó tema do sangue. Un dos artigos titulábase “Against the Flow—What’s Behind the Decline in Blood Transfusions?” (A Contracorrente. Que hai tras a negativa ás transfusións de sangue?). A súa autora, Sarah C. P. Williams, afirma: “Durante a pasada década, o crecente número de estudos revela que en hospitais de todo o mundo se usa sangue doado con máis frecuencia e en maior cantidade da que os pacientes precisan, tanto dentro coma fóra do quirófano”.

O artigo tamén cita a Patricia Ford, fundadora e directora do Centro de Medicina e Cirurxía sen Sangue do Hospital de Pensilvania: “No campo da medicina, está moi arraigada a idea de que non é posible que os pacientes sobrevivan sen certo volume sanguíneo, que o sangue salva vidas. [...] Se ben iso é certo nalgúns casos, non o é na maioría deles”. *

A Dra. Ford, que trata unhas setecentas testemuñas de Xehová ó ano, continúa: “Moitos dos médicos cos que falei, nun principio tiñan a idea de que un gran número de pacientes necesitan unha transfusión de sangue para sobrevivir [...]. E, ata certo punto, eu mesma tamén o pensaba. Pero enseguida puiden comprobar que se pode tratar a estes pacientes con tan só utilizar algunhas técnicas sinxelas”.

En agosto de 2012, a revista Archives of Internal Medicine publicou os resultados dun estudo realizado ó longo dun período de 28 anos con pacientes sometidos a cirurxía cardíaca. Os pacientes que eran testemuñas de Xehová recuperáronse máis rápido que aqueles de características semellantes que recibiran unha transfusión de sangue. Durante a súa estancia hospitalaria, os pacientes que eran testemuñas de Xehová sufriran menos complicacións. Trala operación a súa taxa de supervivencia era mellor, e vinte anos despois era moi semellante á dos pacientes que recibiran transfusións de sangue.

Un artigo publicado o 8 de abril de 2013 no xornal The Wall Street Journal facía a seguinte observación: “Hai anos que se realizan operacións de cirurxía sen utilizar sangue doado en pacientes que non aceptan transfusións de sangue por motivos relixiosos. Na actualidade, o uso desta técnica está máis xeneralizado [...]. Os profesionais que defenden a cirurxía sen sangue comentan que, ademais de reducir custos de compra, almacenaxe, procesamento, análise e transfusión, esta técnica reduce o risco de infeccións e complicacións aparelladas ás transfusións de sangue, que provocan unha maior duración da estancia hospitalaria”.

Non sorprende, polo tanto, que Joaquín Casanova, director cirúrxico do Hospital de Manises (Valencia, España), declarase recentemente: “As vantaxes [deste tipo de] cirurxía son evidentes. Por unha banda, o paciente mellora máis rapidamente grazas ó emprego de técnicas minimamente invasivas que favorecen a recuperación e [acurtan] o tempo de hospitalización e, pola outra, redúcense as posibles complicacións intrahospitalarias asociadas ás transfusións”. Pola súa parte, Robert Lorenz, director médico da Clínica Cleveland, afirma: “Cando realizamos unha transfusión de sangue a un paciente, pensamos que o estamos axudando. [...] Pero os datos indican que, no longo prazo, o estamos prexudicando”.

^ par.5 Se desexas máis información sobre a nosa postura con respecto a este tema, podes consultar o artigo “Por que as testemuñas de Xehová non aceptan transfusións de sangue?”, na sección Preguntas Frecuentes.