Ir ó contido

Testemuñas de Xehová

Selecciona un idioma Galego

Vídeos en centos de idiomas

Vídeos en centos de idiomas

As testemuñas de Xehová somos coñecidas polo noso labor de tradución. Para novembro de 2014, xa traduciramos a Biblia en 125 idiomas, e dispoñiamos de publicacións bíblicas en 742. Este labor tamén abrangue materiais audiovisuais. Para xaneiro de 2015, o vídeo Como son as nosas reunións? podía verse en 398 idiomas, e o vídeo Por que estudar a Biblia?, en 569. Por que traducimos as nosas publicacións a tantos idiomas? Como o conseguimos?

Para marzo de 2014, o Consello Reitor das Testemuñas de Xehová comunicou a súa decisión a tódalas sucursais do mundo de que debían gravar o audio dos vídeos no maior número posible de idiomas. O obxectivo era chegar a máis persoas cos nosos cursos da Biblia.

A produción destes vídeos require unha serie de pasos. Primeiro, o equipo de tradución local traduce o guión. A continuación, selecciónanse falantes nativos para cada unha das voces. Entón, os equipos de audiovisuais gravan o audio no idioma traducido, editan a gravación e traballan co texto que debe aparecer en pantalla. Finalmente, xúntase o audio, o vídeo e o texto para xerar un arquivo que pode ser subido á web.

Se ben algunhas sucursais dispoñían de estudios de gravación e persoal técnico, este non era o caso dalgúns centros de tradución. Como se levou a cabo nestes lugares a gravación de materiais audiovisuais?

Por todo o mundo, os nosos técnicos de son desprazáronse ata estas localidades con equipos portátiles que dispoñían dun micrófono, un ordenador e un programa de gravación de audio. Unha sala de reunións ou un fogar particular podía servir temporalmente de estudio de gravación. Os nativos traballaban como lectores, directores e revisores. Cando se remataba a gravación, o técnico de son recollía o equipo e desprazábase ata a seguinte localidade.

Grazas a este sistema, puideron producirse vídeos no triple de idiomas.

A resposta está sendo abraiante. Moitas persoas poden ver por primeira vez material audiovisual na súa propia lingua.

O pitjantjatjara foi un dos idiomas nos que se produciron vídeos. Conta con máis de 2500 falantes en Australia. A gravación realizouse en Alice Springs, no Territorio do Norte. “Os vídeos tiveron unha acollida excepcional”, comentou Callan Thomas, que colaborou neste proxecto. E engadiu: “Os nativos non quitaban a vista da tableta e preguntábannos onde podían conseguir máis. Como non hai moita información publicada no seu idioma, cando teñen a oportunidade de escoitala, e sobre todo de vela, quedan admirados”.

Dúas testemuñas de Xehová de Camerún viaxaban río arriba en canoa e pararon nunha vila de pigmeos. Alí falaron co xefe da vila, que traballaba de mestre nunha escola local. Cando se enteraron de que o bassa era a súa lingua materna, ensináronlle o vídeo Por que estudar a Biblia? nese idioma. O xefe quedou moi impresionado, e pediulles máis publicacións.

As testemuñas de Xehová dunha vila de Indonesia sufrían o acoso do líder da igrexa local, que prendía lume a tódalas publicacións que distribuían na zona. Ademais, recibiran ameazas de que lles queimarían a Sala de Reunións. Finalmente, catro policías presentáronse na casa dunha testemuña de Xehová para interrogar a toda a familia. Querían saber que pasaba nos nosos locais, así que ela lles ensinou o vídeo Como son as nosas reunións? en lingua indonesia.

Ó rematar de ver o vídeo, un dos policías comentou: “Agora decátome de que a xente está moi desinformada e de que en realidade non vos coñece”. Outro policía preguntou: “Onde podo conseguir este vídeo para ensinarllo a outras persoas? Contén información fiable sobre vós”. Agora a policía ten unha imaxe positiva das testemuñas de Xehová e garante a súa seguridade.

Se aínda non viches estes vídeos no teu idioma, por que non lles botas unha ollada?