As Testemuñas de Xehová traducimos publicacións baseadas na Biblia a máis de novecentos idiomas. Traducir un texto escrito do inglés a outro idioma é unha ardua tarefa, pero a tradución á linguaxe de signos presenta retos de seu. Moitas persoas xordas comunican as ideas dun xeito visual, usando as mans e as expresións faciais. Polo tanto, os tradutores de linguaxe de signos deben transformar o texto escrito en vídeo. Traducimos as nosas publicacións a máis de noventa linguaxes de signos.

Quen traduce as nosas publicacións?

Igual cas demais testemuñas de Xehová que traballan de tradutores, os que se dedican á tradución á linguaxe de signos coñecen ben a lingua á que traducen e son bos estudantes da Biblia. Moitos deles son xordos e creceron usando a linguaxe de signos. Outros son ouvintes pero criáronse nun fogar con familiares xordos.

Tódolos novos tradutores reciben unha ampla formación en técnicas de tradución. Por exemplo, Andrew di: “Aínda que asistín a unha escola para xordos e usaba a linguaxe de signos, a formación que recibín como tradutor axudoume a entender a estrutura gramatical do idioma. Os demais tradutores do equipo ensináronme a usar mellor os signos, as expresións faciais e a linguaxe corporal para transmitir as ideas con exactitude”.

Traballamos pola calidade

Os tradutores traballan en equipos. Cada membro ten asignado un papel específico: tradutor, revisor e corrector de estilo. Unha vez traducido o texto, sempre que é posible, un grupo variado de persoas xordas procedentes de distintas zonas revisa a tradución. Os tradutores usan os comentarios do grupo para introducir melloras. Este método serve para asegurarse de que os signos e expresións empregados son naturais, e de que as ideas do vídeo final son fáciles de entender e fieis ó orixinal.

O equipo de tradución á linguaxe de signos finesa comenta o texto orixinal

É habitual que os tradutores de linguaxe de signos asistan ás reunións que celebramos neste idioma. Moitos deles dan cursos da Biblia a persoas xordas que non son testemuñas de Xehová. Isto contribúe a que se manteñan ó día coa linguaxe.

Un tradutor do equipo de linguaxe de signos brasileira grava en vídeo unha tradución preliminar

Paga a pena o esforzo?

A Biblia explica que persoas de “tódalas nacións, tribos, pobos e linguas” aceptarían a súa mensaxe de consolo e esperanza (Apocalipse 7:9). Por suposto, isto tamén inclúe as persoas que se comunican mediante a linguaxe de signos.

Os tradutores están encantados de empregar o seu tempo e habilidades neste valioso labor. Tony, que traballa de tradutor, di: “Como son xordo, podo entender as dificultades ás que se enfrontan os xordos. O meu fondo desexo sempre foi compartir a mensaxe de esperanza da Biblia co maior número posible de persoas xordas”.

Amanda tamén traballa cun equipo de tradución á linguaxe de signos. Ela comenta: “Síntome moi útil traducindo publicacións que lles explican a mensaxe da Biblia ás persoas xordas. Moito máis que no meu anterior traballo”.

Queres ver vídeos na túa linguaxe de signos?

Podes ir á nosa páxina web jw.org e ver o titorial “Atopar contidos en linguaxe de signos”.