As testemuñas de Xehová estamos a facer un esforzo especial por chegar ós falantes das linguas nativas de Irlanda e Gran Bretaña. * Ademais do inglés, algunhas destas linguas son o irlandés, o gaélico escocés e mailo galés.

En setembro de 2012, a nosa nova páxina web estaba dispoñible en moitas linguas, entre elas o irlandés e o galés. A partir de agosto de 2014, tamén se podía ler en gaélico escocés. Ademais, editamos publicacións bíblicas nestes idiomas. Como están respondendo as persoas a esta iniciativa?

Un ministro relixioso quedou cunha folliña informativa baseada na Biblia, que fora traducida ó gaélico escocés. Nada máis lelo, comezaron a caerlle as bágoas. Que foi o que provocou esta reacción? Quedara abraiado da alta calidade da tradución, e dixo emocionado: “Quen traduciu isto? É moi bo!”.

Durante o seu primeiro mes de existencia, a páxina jw.org en gaélico escocés foi visitada por unhas 750 persoas.

Un profesor da Universidade Nacional de Irlanda, en Galway, díxolle a unha testemuña de Xehová que non estaba interesado na relixión. Non obstante, cando soubo que o folleto titulado La Biblia y su mensaje estaba traducido ó irlandés, solicitou un exemplar. Na súa opinión, tódalas persoas deberían ter acceso á mensaxe da Biblia na súa lingua materna, e felicitou as testemuñas de Xehová polo labor que realizan facilitando publicacións en irlandés ós falantes deste idioma.

Unha señora maior comentou o moito que lle gustara recibir un dos nosos folletos traducido ó galés. Dixo: “A dicir verdade, se mo ofrecesen en inglés, seguramente non o tería aceptado, pero encántame que estea no meu idioma”.

En agosto do 2014, incrementouse a información dispoñible en galés en jw.org. Durante ese mes, a cantidade de persoas que visitaron o noso sitio de Internet para ler as nosas publicacións neste idioma foi máis do dobre.

“Falamos o mesmo idioma”

Despois de que Xesús lles explicara parte das Escrituras a dous discípulos seus, estes dixeron emocionados: “¿Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándono-las Escrituras?” (Lucas 24:32). Cando ás persoas se lles explican as ensinanzas da Biblia na súa lingua materna, chégalles de tal xeito que lles cambia a vida.

Emyr é do País de Gales e está casado cunha testemuña de Xehová, pero nunca compartiu as crenzas da súa muller. Co tempo fíxose amigo de Russell, que tamén é testemuña de Xehová, e algo cambiou a súa actitude. El mesmo o explica: “Decidinme a estudar a Biblia en serio cando Russell me ofreceu o libro Que ensina realmente a Biblia?. * Deumo e díxome: ‘Este libro está en galés, e imos estudalo ti e mais eu dende xa’”. Por que aceptou Emyr a proposta de Russell? El di: “En fin, xa ves, falamos o mesmo idioma, temos a mesma cultura, e entendémonos ben”. O corazón de Emyr “ardía” cada vez que falaban da Biblia na súa lingua materna, o galés, porque entendía perfectamente o que lle explicaban.

As testemuñas de Xehová seguiremos axudando á xente a coñecer as ensinanzas da Biblia na súa lingua materna, a lingua que chega ó corazón.

^ par.2 Gran Bretaña refírese aquí a Inglaterra, Escocia e o País de Gales.

^ par.11 Un manual de estudo da Biblia publicado polas Testemuñas de Xehová.