Que hai detrás das imaxes que aparecen nas nosas publicacións? Vexamos o proceso de deseño e fotografía da portada do número de setembro de 2015 da revista ¡Despertad!. *

  • O deseño. Logo de ler o artigo de portada “¿Cuánto importa el dinero?”, os deseñadores do Departamento de Arte situado no Centro Educativo Watchtower (Patterson, Nova York) fixeron algúns bocetos para ilustrar o texto. Despois presentáronllos ó Comité de Redacción do Consello Reitor, que escolleu o que contiña a idea que se quería transmitir nas fotografías.

    Algunhas das portadas desbotadas polo Comité de Redacción

  • A localización. No canto de facer as fotografías nun banco real, o equipo de fotógrafos utilizou unha das recepcións do Centro Educativo Watchtower. *

  • Os modelos. Seleccionáronse modelos, todos testemuñas de Xehová, que representasen os clientes habituais dun banco dunha gran cidade. Lévase un rexistro dos modelos para que non aparezan sempre os mesmos nas publicacións.

  • A ambientación e o decorado. Para dar a impresión de que o banco non estaba nos Estados Unidos, o Departamento de Arte conseguiu moeda estranxeira. A ambientación e o decorado permite ó equipo de fotografía facer a escena o máis realista posible. “Non se improvisa nada”, di un fotógrafo chamado Craig.

  • A maquillaxe e o vestiario. Para esta sesión de fotos, os modelos puxeron a súa propia roupa. Porén, no caso de escenas históricas ou que requiren unha vestimenta específica, é posible que o Departamento de Arte teña que facer investigación e confeccionar o vestiario. Os modelos son maquillados de acordo co entorno, contexto ou período histórico que se queira representar. Craig di: “Como agora hai fotografías e pantallas de alta definición, debemos ter moito coidado con cada detalle. Ata o máis mínimo erro pode estragar a foto”.

  • A sesión fotográfica. O equipo de fotógrafos asegurouse de que a iluminación do banco parecese luz natural. En cada sesión deben comprobar que a iluminación é a correcta (diúrna, nocturna ou artificial), que encaixa coa luz do lugar onde se fai a foto, e que dá o ambiente axeitado á escena. “Na fotografía temos que crear o ambiente cunha única imaxe, por iso a iluminación é tan importante”, di Craig.

  • A edición. Após, os editores alteraron as imaxes dos billetes para que non fosen recoñecibles, e os lectores se fixasen na xente en vez de na orixe do diñeiro. Por outra banda, inda que os marcos das portas e das fiestras en realidade son vermellos, editáronos para que fosen de cor verde e encaixasen coa gama de cores da revista.

A maiores das fotografías que se fan en Patterson, varios fotógrafos de distintas sucursais do mundo (de lugares tan diferentes coma Alemaña, Australia, Brasil, Canadá, Corea, Malaui, México, Suráfrica e Xapón) colaboran enviando fotografías para as publicacións. Tódolos meses, o Departamento de Arte de Patterson engade unhas dúas mil cincocentas fotos á súa base de datos. Moitas delas publícanse nas revistas La Atalaya e ¡Despertad!, que en 2015 tiveron unha tirada conxunta de máis de cento quince millóns de exemplares de cada número. Se desexas máis información invitámoste a visitar as nosas instalacións de Patterson ou calquera das nosas sucursais arredor do mundo.

Predicando coa revista

^ par.2 Non se utilizan tódalas fotografías que se fan para unha portada. Moitas das tomas descartadas, gárdanse nun banco de imaxes e úsanse en proxectos posteriores.

^ par.4 Para facer fotografías en lugares públicos, o Departamento de Arte debe pedir ás autoridades municipais os debidos permisos, especificando cantas persoas participarán, que medios técnicos serán necesarios e que tipo de iluminación se utilizará.