Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Testemuñas de Xehová

Galego

Unha gravación da Biblia con centos de lectores

Unha gravación da Biblia con centos de lectores

“Atraente, suxestiva, dinámica.”

“Faime vivir a miña lectura da Biblia.”

“Engaiolante! Fai que teñan vida relatos que levo escoitando dende neno.”

Estes son algúns dos comentarios que fixeron persoas que tiveron a oportunidade de escoitar as gravacións en audio do Evanxeo de Mateo, de momento dispoñible en jw.org só en inglés.

En 1978, as Testemuñas de Xehová comezaron a producir as primeiras gravacións da lectura da Biblia. Co tempo, estas gravacións da Biblia, completa ou en parte, fixéronse dispoñibles en vinte idiomas.

A recente publicación en 2013 da edición revisada da Traducción del Nuevo Mundo (en inglés) fixo que fose necesario actualizar as gravacións. Estas non son coma as anteriores, nas que só había tres lectores. As novas gravacións teñen unha voz diferente para cada un dos máis de mil personaxes que aparecen na lectura.

Grazas á variedade de lectores, pódense visualizar mellor os acontecementos rexistrados nos relatos bíblicos. Non se trata de lecturas dramatizadas da Biblia con música e efectos de son; non obstante, teñen un alto nivel de realismo.

Un proxecto que conta con tantos lectores precisa dunha coidadosa planificación. Para iniciar o traballo, primeiro hai que saber quen é a persoa que fala en cada pasaxe, cal é o sentido do relato, e que emocións están envoltas. Por exemplo, cando se citan as palabras dun apóstolo pero non se di o seu nome, que voz se usará? Nun comentario que exprese dúbida podería usarse a voz de Tomás, mentres que noutro que amose impulsividade, a de Pedro.

Tamén se pensou na idade das persoas que falan nos relatos. Por exemplo, para a voz do apóstolo Xoán cando era xove precisouse a voz dun home novo; pero para a voz do apóstolo Xoán xa maior, precisouse a voz dun home máis vello.

Ademais, había que atopar bos lectores. Moitos escolléronse entre os voluntarios que traballan na sucursal das Testemuñas de Xehová dos Estados Unidos. A cada un dos posibles lectores indícaselle por adiantado que prepare a lectura dun parágrafo da revista ¡Despertad! e a continuación fáiselle unha proba de voz baseada nese mesmo parágrafo. Tamén se lles fai ler unha pasaxe bíblica que teña diálogo e que permita expresar diferentes emocións, tales coma rabia, tristura, alegría ou desánimo. Estas probas de voz permiten valorar a capacidade dos lectores e decidir a clase de lectura coa que encaixarían mellor.

Unha vez decidido que voces se usarán, os lectores teñen que ir gravar a un dos estudios de gravación situados en Brooklyn ou Patterson. Alí, o encargado de dirixir a gravación asegúrase de que o ton e a calidade da voz do lector sexa a axeitada. Tanto o director da gravación coma o lector usan un guión especial no que aparecen indicacións acerca das pausas e do énfase de cada pasaxe. Ademais, o director usa como guía as gravacións da edición anterior da Traducción del Nuevo Mundo.

Tamén é necesario facer traballos de edición cando se está a gravar no estudio. Co obxectivo de obter o mellor resultado, ás veces é necesario xuntar varios anacos de tomas diferentes.

Aínda non se sabe canto tempo levará a gravación completa da revisión de 2013 da Traducción del Nuevo Mundo (en inglés). Non obstante, cada libro da Biblia subirase a jw.org segundo se remate. Estas gravacións estarán dispoñibles na páxina “Libros de la Biblia”, sempre e cando apareza unha icona duns auriculares ó lado do nome do libro.