Calcúlase que hai aproximadamente un millón e medio de mariñeiros viaxando de porto en porto arredor do mundo. Que facemos as testemuñas de Xehová para achegar a mensaxe da Biblia a este sector? Cando un barco chega a porto, algunhas testemuñas de Xehová con formación específica para este labor piden permiso para subir a bordo e ofrecer cursos da Biblia e publicacións bíblicas ós oficiais e á tripulación no idioma que prefiran.

Que resultados obtivo esta iniciativa? Stefano, unha testemuña de Xehová que participa como voluntario no porto de Vancouver (Canadá), conta: “Hai quen pensa que os mariñeiros son rudos. E poida que algúns encaixen nesa descrición, pero a maioría son humildes e están desexando aprender. Case todos cren en Deus e queren ter a Súa bendición, así que somos ben recibidos”. Só en Vancouver, invitaron a subir a bordo ás testemuñas de Xehová máis de mil seiscentas veces entre setembro de 2015 e agosto de 2016. Os mariñeiros quedaron con miles de publicacións en moitos idiomas, e máis de mil cen comezaron un curso da Biblia.

Como continúan coas clases da Biblia?

Como hai testemuñas de Xehová en moitos portos arredor do mundo, se algún mariñeiro quere seguir co curso da Biblia, só ten que solicitar que o visiten no seguinte porto onde o barco faga escala. Por exemplo, en maio de 2016 as testemuñas de Xehová de Vancouver estiveron falando con Warlito, o xefe de cociña dun cargueiro. Ensináronlle o vídeo Por que estudar a Biblia? e comezaron un curso bíblico co folleto Deus ten boas noticias!. A Warlito gustoulle tanto que quería seguir estudando, pero o barco non volvería facer escala ata Paranaguá (Brasil).

Cando o barco chegou a Paranaguá máis dun mes despois, Warlito non podía crer que dúas testemuñas de Xehová locais subiran ó barco preguntando por el. Mesmo sabían como se chamaba! Explicáronlle que os seus compañeiros de Vancouver lles enviaran os seus datos porque el solicitara unha visita. Warlito alegrouse de encontrarse coas testemuñas de Xehová de Brasil e agradeceu moito que organizasen a visita. Aceptou con gusto seguir estudando a Biblia coas testemuñas de Xehová no seguinte porto.