Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Testemuñas de Xehová

Galego

Achegamos a mensaxe da Biblia a zonas afastadas do norte

Achegamos a mensaxe da Biblia a zonas afastadas do norte

En 2014, o Consello Reitor das testemuñas de Xehová aprobou un novo plan co obxectivo de achegar a mensaxe da Biblia a algunhas áreas afastadas do norte de Europa e de América do Norte (Feit. 1:8). Nun principio, as áreas seleccionadas foron Alaska (E.U.A.), Laponia (Finlandia), Nuvanut e os Territorios do Noroeste (ámbolos dous no Canadá).

As testemuñas de Xehová levabamos décadas visitando estas rexións. Non obstante, os voluntarios que as predicaban botaban pouco tempo e centrábanse principalmente na distribución de publicacións bíblicas.

Con este novo plan, as sucursais das Testemuñas de Xehová que supervisan estas rexións invitan a algúns evanxelizadores a predicar durante un mínimo de tres meses en zonas previamente seleccionadas. No caso de que varias persoas desexen estudar a Biblia, os evanxelizadores poden optar por quedar máis tempo aló, e mesmo celebrar reunións abertas ó público.

Sen dúbida, vivir nestas áreas setentrionais presenta algúns retos únicos. Dos dous evanxelizadores asignados a Barrow (Alaska), un vivía no sur de California e o outro en Georgia (E.U.A.). Durante o seu primeiro inverno en Barrow, tiveron que aturar temperaturas de ata -38 oC. Con todo, uns meses despois de chegar xa visitaran arredor do 95% dos fogares da vila e comezaran catro cursos da Biblia. Unha delas é un home chamado John. El maila súa noiva estudan a Biblia co libro Que ensina realmente a Biblia?. John fala do que vai aprendendo cos seus amigos e cos compañeiros de traballo. Ademais, le o folleto Examinando las Escrituras diariamente na aplicación para móbiles JW Library.

Como non hai estrada ata Rankin Inlet, na zona de Nunavut (Canadá), dous evanxelizadores tiveron que voar ata esa pequena vila, onde comezaron varios cursos da Biblia. Despois de ver o vídeo Como son as nosas reunións?, un home preguntoulles cando ían construír unha Sala de Reunións naquela zona. Dixo: “Se aínda estou por aquí cando o fagades, hei vir ás vosas reunións”.

“As temperaturas son moi baixas e hai moita neve”, informaron os evanxelizadores enviados ó concello de Savukoski (Finlandia), onde hai dez veces máis renos ca persoas. Aínda así, chegaron no momento xusto. Por que? “Demos predicado a conciencia toda a zona que temos asignada”, comentan. “As estradas que levan ás vilas están en bo estado e retiran a neve con regularidade. Debido ás baixas temperaturas, a xente pasa máis tempo na casa”.

Os nosos esforzos por levar a mensaxe da Biblia a estas áreas afastadas do norte chamou a atención dalgúns. Despois de recibir a visita de dous evanxelizadores enviados á zona, a alcaldesa dunha cidade de Alaska fixo un comentario positivo nunha rede social en relación á conversa que mantivera con eles, e adxuntou unha imaxe da folliña Que é o Reino de Deus?.

En Haines (Alaska), dous evanxelizadores organizaron reunións nunha biblioteca pública ás que asistiron ata oito persoas. O xornal local informou que dous homes, un de Texas e outro de Carolina do Norte (E.U.A.), estaban na vila para ofrecer cursos da Biblia a domicilio. A noticia concluía co seguinte anuncio: “Se desexa máis información pode visitar jw.org”.