Ir ó contido

Testemuñas de Xehová

Selecciona un idioma Galego

Graduación da clase 138 da Escola Bíblica Galaad

Graduación da clase 138 da Escola Bíblica Galaad

O 14 de marzo de 2015 tivo lugar a cerimonia de graduación da clase número 138 do Curso Bíblico Galaad no Centro Educativo das Testemuñas de Xehová de Patterson (Nova York). Presenciárona unhas catorce mil persoas, incluídas as que tiveron a oportunidade de vela en directo desde diferentes lugares. O programa comezou cunha sesión musical na que se puideron escoitar catro novas cancións de loanza a Xehová, que logo cantarían os asistentes. *

Geoffrey Jackson, membro do Consello Reitor das Testemuñas de Xehová, presidiu o evento. Comezou animando ós estudantes a non gardar para si os coñecementos adquiridos, senón a usar a súa formación en beneficio doutros (2Timoteo 2:2).

O irmán Jackson analizou o exemplo de Moisés. Explicou que, por algún tempo, a tenda na que Moisés vivía era tamén o centro de adoración da nación de Israel. Non obstante, cando se construíu o tabernáculo, este pasou a ser o novo centro de adoración para a nación. Semella que, a partir dese momento, Moisés tivo prohibido o acceso á área do tabernáculo coñecida como Santísimo, xa que tal privilexio estaba reservado para o sumo sacerdote. Aínda así, nada indica que se queixase desta nova situación; máis ben, el apoiou a seu irmán Aharón cando este asumiu as funcións de sumo sacerdote (Éxodo 33:7-11; 40:34, 35). Cal é a lección deste relato? O irmán Jackson comentou: “Valorade calquera responsabilidade que se vos dea, pero nunca vos aferredes a ela”.

“Vaivos asustar o ruído dunha folla?”. Este era o tema da conferencia de Kenneth Flodin, axudante do Comité de Ensino do Consello Reitor. Recoñeceu que posiblemente afrontarían situacións que poderían parecer intimidatorias, tales como o acoso polas súas crenzas, ou os retos aparellados a algunhas novas responsabilidades. Citando dunha expresión recollida en Levítico 26:36, animou ós estudantes a ver este tipo de situacións, non como algo imposible de superar, senón como unha simple folla seca. A continuación, o irmán Flodin destacou o exemplo do apóstolo Paulo, que puido superar moitas dificultades grazas á súa confianza en Xehová (2a Corintios 1:8, 10).

“Cales son os vosos obxectivos?”. A continuación, Mark Sanderson, membro do Consello Reitor, baseou a súa conferencia no principio rexistrado en Proverbios 13:12, que di: “Esperanza aprazada fai adoece-lo corazón”. É unha mágoa, pero moitas persoas pasan a vida frustradas porque perseguen obxectivos que quizais nunca acadarán, tales como facerse ricos ou famosos.

Nos días de Xesús, algunhas persoas tiñan expectativas erróneas sobre Xoán Bautista (Lucas 7:24-28). Por exemplo, algúns quizais esperaban que fose un pensador que os entretería con abstractas reflexións filosóficas. En tal caso, quedarían decepcionados, pois a mensaxe de Xoán acerca da verdade era concreta e carente de divagacións. Outros, se cadra, supoñían que sería un home con moita presenza, pero Xoán vestía coma os pobres. Non obstante, aqueles que andaban buscando un profeta non quedarían decepcionados, xa que Xoán non só era un profeta, senón o precursor do mesmo Mesías (Xoán 1:29).

Aplicando a lección extraída deste exemplo, o irmán Sanderson animou ós estudantes a perseguir os obxectivos axeitados. Explicoulles que non debían esperar recibir un trato especial, nin desexar prestixio para si mesmos ó asumir as súas novas responsabilidades; máis ben, debían utilizar a formación recibida en beneficio dos demais. Como poderían facelo? Mediante compartir todo o que aprenderon en Galaad, querendo ós irmáns e fortalecendo a súa fe. “Esforzádevos por ser os humildes servos dos vosos irmáns, e facede todo o que estea na vosa man por cumprir a vontade de Xehová”, díxolles, “e nunca vos sentiredes decepcionados”.

“Dádelles de comer ós famentos”. Este foi o título da conferencia do irmán James Cauthon, que traballa como formador no Departamento de Formación Bíblica. O irmán Cauthon sinalou que “todos temos fame, ou precisamos, de recoñecemento, así como de sentirnos queridos e valorados”. Mesmo Xesús o precisaba, e Xehová atendeu esta necesidade cando lle dirixiu palabras cheas de agarimo no momento de ser bautizado (Mateo 3:16, 17).

Xehová deunos a capacidade de animar e fortalecer a outros coas nosas palabras, e espera que a utilicemos (Proverbios 3:27). “Adestrádevos para ver as cousas boas que teñen os demais e non dubidedes en facérllelo saber”, engadiu. Cando eloxiamos os nosos irmáns de corazón, axudámoslles a ver que os seus esforzos pagan a pena.

“Dade o mellor de vós”. A seguinte conferencia foi presentada por Mark Noumair, axudante do Comité de Ensino. Utilizando o exemplo do apóstolo Paulo, o irmán Noumair animou ós estudantes a non conformarse con facer o mínimo. Máis ben, explicoulles que se, coma Paulo, se daban por completo ós demais, serían felices de verdade (Filipenses 2:17, 18).

Mesmo cando pasou por dificultades, Paulo nunca se rendeu. El sempre deu o máximo de si mesmo ata o final da súa vida. Por iso puido dicir: “Rematei a miña carreira” (2a Timoteo 4:6, 7). O irmán Noumair animou ós estudantes a imitar a Paulo mediante apoiar a obra do Reino nas súas futuras responsabilidades e tarefas.

Experiencias. Michael Burnett, outro dos formadores do curso, presentou a seguinte sección do programa, na que algúns estudantes recrearon diferentes situacións relacionadas coa obra de predicar, vividas durante a súa estadía en Patterson.

Vez tras vez, os estudantes obtiveron bos resultados por estar atentos ás oportunidades de predicar, así como por esforzarse en falar da mensaxe bíblica na “lingua do corazón” das persoas, é dicir, na súa lingua materna. Por exemplo, un dos estudantes estaba informado de que, na zona na que ía predicar, moitas persoas falaban castelán. Así que, antes de ir, aprendeu algunhas palabras neste idioma coa axuda da aplicación JW Language. Ese mesmo día atopou un home na rúa que falaba castelán. Usando o que aprendera, conseguiu empezar unha conversa que levou a comezar un curso bíblico con este home mais catro membros da súa familia.

Entrevistas. A continuación, William Turner, Jr., axudante do Comité de Servizo do Consello Reitor, entrevistou catro estudantes e preguntoulles acerca das súas experiencias persoais previas a asistir ó Curso Bíblico Galaad, e da formación recibida no mesmo.

Os estudantes comentaron algúns aspectos do temario que atoparon animadores. Por exemplo, un deles explicou o que aprendera do relato recollido no capítulo dez do Evanxeo de Lucas. Alí fálase de setenta discípulos de Xesús enviados a predicar que se alegraron moito dos bos resultados obtidos. Xesús tamén se alegrou, pero ensinoulles a basear a súa felicidade en saber que a Xehová lle compracían tódolos seus esforzos, e non nos resultados obtidos. Isto fainos pensar en que a verdadeira felicidade non depende das nosas circunstancias, senón de ter o favor de Deus.

Citando de Filipenses 1:6, o irmán Turner aseguroulles ós estudantes que Xehová empezara un bo traballo neles, e que o había de continuar.

“Non apartemos a mirada de Xehová”. Samuel Herd, membro do Consello Reitor, estivo a cargo da conferencia principal do evento. Comentou que non podemos ver literalmente a Xehová. Entón, como é posible que non apartemos a mirada del?

Unha das maneiras en que podemos ver a Xehová é pensando no que aprendemos da súa creación. Ademais, como di Efesios 1:18, Xehová mesmo ilumina os ollos do noso corazón; canto máis lemos a Biblia, máis aprendemos acerca del. E, canto mellor o coñecemos, máis preto nos sentimos del.

Para conseguilo, podemos centrarnos especialmente nos evanxeos, xa que nos proporcionan unha imaxe clara de Xehová a través das palabras e as accións do seu Fillo. De feito, Xesús reflectiu tan ben a personalidade do seu Pai que puido afirmar o seguinte: “Quen me viu a min, viu o Pai” (Xoán 14:9).

O irmán Herd tamén animou ós asistentes, non só a ver a Xehová reflectido no exemplo de Seu Fillo, senón tamén a imitar o que ven. Por exemplo, do mesmo xeito que Xesús se esforzou por dar de comer a outros, nós tamén queremos esforzarnos por compartir o alimento espiritual que temos ó noso alcance.

Se non apartamos a nosa mirada de Xehová, podemos sentir a mesma confianza que o salmista, que escribiu: “Teño ó Señor sempre diante; con El á dereita non caerei” (Salmo 16:8).

Conclusión. Trala entrega de diplomas, un dos estudantes leu unha emotiva carta de agradecemento en nome de toda a clase. A continuación, o irmán Jackson concluíu dicíndolles ós estudantes que non pensasen que a partir dese momento todo o que ensinasen debía ser algo novo ou profundo. A maior parte do tempo estarían simplemente recordándolles ós irmáns cousas que xa saben. Tamén lles recalcou a importancia de ser humildes. En lugar de chamar a atención sobre si mesmos, ou sobre a formación recibida no curso de Galaad, os graduados deberían poñer o foco na Biblia e nas nosas publicacións bíblicas. Así, en vez de desanimar ós irmáns que quizais nunca cheguen a ter a oportunidade de asistir a Galaad, estarán animándoos mediante axudalos a beneficiarse de toda a información bíblica á que si teñen acceso. Ó rematar o programa, os asistentes marcharon animados e decididos a servir ós seus irmáns e irmás.

^ par.2 As cancións novas estiveron dispoñibles para tódolos asistentes uns días antes da cerimonia de graduación.

^ par.32 Algúns países non aparecen no mapa.

^ par.34 Non constan os nomes de tódolos graduados.