Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Testemuñas de Xehová

Galego

Unha irmandade unida no congreso internacional de Frankfurt

Unha irmandade unida no congreso internacional de Frankfurt

“Case coma unha xuntanza familiar” foi o título dun artigo publicado no xornal Frankfurter Rundschau. Os que asistiron opinaron o mesmo.

“Fixéronme sentir coma na casa!”, comentou Carla, de Porto Rico.

“Parecíame que estaba visitando a miña propia familia, pero ó outro lado do mundo”, dixo Sara, que viaxou dende Australia.

Que foi o que provocou estes sentimentos? O congreso internacional das Testemuñas de Xehová celebrado na cidade alemaña de Frankurt do Meno. Tivo lugar do 18 ó 20 de xullo de 2014 no Commerzbank-Arena e acudiron case 37.000 persoas.

Os asistentes reuníronse para aprender da Palabra de Deus mediante un programa de ensinanza que incluía lecturas da Biblia, cancións, oracións, dúas obras de teatro e interesantes conferencias baseadas en temas bíblicos.

O auditorio estaba composto por testemuñas locais e máis de tres mil delegados internacionais procedentes de África do Sur, Australia, os Estados Unidos, Grecia, Líbano e Serbia. Ademais, asistiron unhas 234 testemuñas de Xehová de setenta diferentes países que teñen asignadas labores misionais e outras tarefas especiais.

Parte do congreso retransmitiuse en directo vía Internet a dezanove localidades de Alemaña, así como a algúns auditorios de Austria e Suíza. A asistencia total foi de 204.046.

Máis aló das fronteiras

En Frankfurt, o programa do congreso presentouse en alemán, grego e inglés. Nos demais auditorios, as conferencias foron traducidas simultaneamente a dezasete idiomas, incluído árabe, chinés, tamil e turco, e a dúas linguas de signos.

Aínda que as testemuñas de Xehová presentes falaban idiomas distintos e procedían de países e culturas diversas, non estaban divididos, senón unidos polo amor (Xoán 13:34, 35). Víanse e tratábanse coma irmáns.

“Puidemos experimentar por nós mesmos que a nosa irmandade internacional vai máis aló das fronteiras”, dixo Tobias, de Gran Bretaña.

“Coñecín irmáns de máis de vinte países. O que nos une é o noso amor a Deus e uns ós outros”, comentou Davianna, que viaxou dende Porto Rico.

“Fíxenme testemuña de Xehová nunha pequena vila rural”, dixo un delegado de Australia chamado Malcom. “Lera que a nosa irmandade internacional era única e mesmo vira vídeos sobre o tema. Pero vivilo persoalmente fíxome entender o que isto significa. Estar aquí fortalece moito a miña fe”.

Unha hospitalidade difícil de esquecer

Testemuñas de Xehová de 58 congregacións de Frankfurt e arredores prepararan agasallos e, ás tardiñas, actividades de lecer para os delegados.

“Tratáronnos cunha hospitalidade extraordinaria”, dixo Cynthia, que viaxara dende os Estados Unidos. “Nunca esquecerei o profundo amor, o cariño e a xenerosidade dos irmáns”.

“Vivíase un ambiente abraiante de amor, cariño fraternal e risos cheos de felicidade”, afirmou Simon, que vive en Alemaña.

“As actividades que nos prepararon, para min son proba de que as testemuñas de Xehová non levamos unha vida de fanática abnegación. Sabemos pasalo ben de verdade, pero con diversións sas”, comentou Amy, unha delegada de Australia.

Fermosas lembranzas

O de Frankfurt foi un dos nove congresos internacionais celebrados en nove diferentes países arredor do mundo.

Cando lle preguntaron acerca do congreso de Frankfurt a un dos delegados, el contestou: “Imaxina que te atopas cun parente próximo, por exemplo un irmán, pero que non sabías que o tiñas. Cando xa vos coñecedes, ábreche as portas do seu corazón e do seu fogar. Entón sentes unha felicidade indescriptible. Pois agora multiplica esa sensación por 37.000. Así foi estar aló”.