Ir ó contido

O proxecto de Warwick. Como é traballar coas testemuñas de Xehová

O proxecto de Warwick. Como é traballar coas testemuñas de Xehová

Moitos quedaron abraiados coa actitude dos voluntarios que colaboraron co proxecto de construción da sede das Testemuñas de Xehová en Warwick (Nova York). O director dunha empresa que instala ascensores díxolle a un dos voluntarios: “Estades conseguindo algo impresionante. A maioría da xente non adoita ofrecerse como voluntario”.

Cando el e outros escoitaron que a maioría da man de obra estaría formada por voluntarios, imaxinaron que só irían testemuñas de Xehová da zona as fins de semana. Por iso quedaron moi sorprendidos cando coñeceron algunhas persoas que deixaran os seus traballos e chegaran dende tódalas partes do país para traballar neste proxecto durante meses, ou mesmo anos.

A finais de 2015, unhas vinte e tres mil testemuñas de Xehová traballaran como voluntarios en Warwick xunto cos membros da familia Betel de Estados Unidos. Ademais, uns setecentos cincuenta traballadores do sector da construción que non son testemuñas de Xehová axudaron a cumprir os prazos do proxecto. Moitos deles quedaron encantados de traballar en estreita colaboración coas testemuñas de Xehová.

Un bo ambiente de traballo

O director dunha empresa que fabrica ventás e estruturas de cristal escribiu: “Todo o persoal implicado neste proxecto está impresionado coa actitude da xente coa que trata. Esta é a razón pola que moitos de nós queremos seguir colaborando”.

Tres traballadores dunha empresa contratada para construír as superestruturas dos edificios de vivendas querían seguir traballando en Warwick. Así que, cando a súa empresa rematou o contrato, deixaron os seus empregos e marcharon para outra empresa que seguía traballando no proxecto.

As calidades cristiás das testemuñas de Xehová tiveron un impacto positivo nalgúns dos traballadores. Un deles era empregado dunha empresa que preparou os cimentos do complexo de Warwick. Co paso dos meses, a súa muller notou un gran cambio no seu comportamento e na súa forma de falar. Estaba encantada e comentou: “Non recoñezo o meu home!”.

As mulleres tamén colaboran

Moitas das testemuñas de Xehová que colaboraron no proxecto eran mulleres. Traballaron moito. Conducían autobuses, limpaban habitacións e realizaban tarefas administrativas. Pero tamén dirixían o tráfico, manexaban maquinaria pesada, conectaban cable de fibra óptica, colocaban illamento térmico nos tubos da auga, instalaban a fontanaría, e botaban xeso e formigón.

A unha persoa que non era testemuña de Xehová contratada para o revestimento dos tellados chamoulle a atención ver que algúns dos matrimonios que baixaban do autobús ían collidos da man a traballar. Tamén se fixou no moito que traballaban as mulleres. Comentou: “Ó principio pensei que as mulleres só viñan a acompañar os seus homes, pero traballan tanto coma eles! Teño estado en moitas obras en Nova York, pero nunca tal cousa vira!”.

O inverno de 2014-2015 foi especialmente duro, e non era fácil traballar todo o día á intemperie coas baixas temperaturas. Jeremy, unha das testemuñas de Xehová que supervisaba a obra, lembra: “Nos días máis fríos, o capataz dunha das empresas contratadas para a cimentación adoitaba preguntarme: ‘Mañá van vir traballar as mulleres?’.

–Si.

–As que están fóra dirixindo o tráfico tamén?

–Tamén.

“Entón comentoume que lle dixera ós seus empregados que tiñan que vir traballar porque mesmo as mulleres ían vir”.

Os condutores de autobús encantados co seu traballo

Contratáronse máis de trinta e cinco condutores de autobús para o transporte dos voluntarios dende as vivendas ata a obra.

Nunha ocasión, un dos condutores levantouse do asento e díxolles ós pasaxeiros antes de arrancar: “Encántame levarvos. Por favor, falade co meu xefe para que non me cambie a ruta. Aprendín moito da Biblia grazas a vós. Antes de coñecervos non sabía cal era o nome de Deus, nin que habería un paraíso na terra. Agora xa non lle teño medo á morte. Esta foi unha experiencia inesquecible. En canto teña o día libre, vou ir a unha das vosas reunións”.

Damiana, unha testemuña de Xehová que traballou en Warwick, contou: “Un día, cando xa estabamos todos no autobús, o condutor díxonos que levara e trouxera unhas catro mil testemuñas de Xehová dende diferentes sitios de Nova York. Entón engadiu: ‘Todos temos as nosas rarezas, pero vós superades as vosas diferenzas e traballades man a man, e iso é moi bonito’. Tamén dixo que lle encantaba falar con nós. Cando rematou, unha das testemuñas de Xehová preguntoulle: ‘Gústanche as nosas cancións?’. Entón el botouse a rir e respondeu: ‘Si! Podemos comezar coa 134?’”. *

^ par.20 Podes atopar a canción 134, titulada “¿Te ves en el nuevo mundo?”, no libro Cantemos a Jehová. Esta canción describe a alegría que sentiremos cando esteamos no mundo novo.