No corazón da selva amazónica érguese unha nova Sala de Congresos das Testemuñas de Xehová. Esta propiedade, localizada ó norte da cidade brasileira de Manaus, ten a maioría das súas 52 hectáreas cubertas pola vexetación da zona. Nesta rexión é común escoitar o son dos tucáns e doutros paxaros cheos de cores dende a copa de árbores como as copoazú, as grandiosas noces de Brasil e as angelim pedra. Por que se elixiu este lugar para construír unha Sala de Congresos?

Na cidade de Manaus, a 1450 quilómetros da desembocadura do río Amazonas, viven cerca de dous millóns de persoas. A nova Sala de Congresos servirá para que se poidan reunir as sete mil testemuñas de Xehová que hai en Manaus e nos arredores, así como nas vilas existentes ó longo do río Amazonas e os seus afluentes. O pobo máis distante é São Gabriel da Cachoeira, situado a máis de oitocentos quilómetros ó oeste de Manaus. Para asistir ós congresos, algúns teñen que viaxar en barco durante tres días.

A construción desta Sala de Congresos no medio do Amazonas foi unha tarefa impresionante. Para levala a cabo fixo falta trasladar uns trece contedores cheos de materiais que saíron do porto de Santos (São Paulo), bordearon a costa de Brasil e foron río arriba ata o lugar da construción.

Con esta xa van 27 Salas de Congresos construídas en Brasil. O programa de dedicación, ó cal asistiron 1956 persoas, celebrouse o domingo 4 de maio de 2014. Moitos estaban realmente emocionados, pois nunca antes estiveran nunha Sala de Congresos.

Os presentes non só puideron escoitar o programa, senón tamén velo. Que tivo isto de especial? No pasado, os congresos celebrábanse en locais públicos onde moitos dos asistentes non podían ver nin a plataforma nin o orador. Unha testemuña dixo: “Levo asistindo ós congresos moitos anos, e nunca fun quen de ver as obras teatrais. Só as escoitaba”. Agora todo o mundo pode ver a plataforma.