Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Testemuñas de Xehová

Galego

Protexemos a natureza en Chelmsford

Protexemos a natureza en Chelmsford

As Testemuñas de Xehová de Gran Bretaña comezaron a construción da súa nova sucursal cerca de Chelmsford, no condado de Essex. Nesta fermosa zona viven varias especies que no Reino Unido están protexidas pola Lei de flora e fauna de 1981. Que medidas están tomando as testemuñas de Xehová durante as obras para cumprir coa lei e protexer estas especies?

Construíndo unha ponte para os leiróns

Coa madeira que reciclaron do complexo, as testemuñas de Xehová fixeron unhas caixas para que os leiróns castaños (muscardinus avellanarius) fagan os seus niños fóra da zona das obras. Tamén construíron unha ponte por riba da estrada que leva ó complexo para que os leiróns poidan seguir accedendo ó seu hábitat, formado por árbores e sebes. Ademais, as testemuñas de Xehová deseñaron un programa de mantemento dos arbustos pensado para minimizar o impacto nos leiróns. Cada ano, durante a tempada de hibernación, podan unha sección diferente para protexer o hábitat desta especie e asegurarse de que sempre teñan comida abondo.

Colocando caixas para que os leiróns fagan os niños

As testemuñas de Xehová tamén están tomando medidas para protexer outras especies como as cobras de colar, ou cobras de auga, os lagartos e os escánceres. Fixéronlles uns refuxios temporais cunhas tellas e uns ecoloxistas recolléronos e trasladáronos a unha zona afastada das obras. Este novo hábitat inclúe cámaras para hibernar e unha cerca para protexelos. As testemuñas de Xehová revisan a miúdo a cerca para asegurarse de que os réptiles non poidan acceder á zona das obras, onde poderían sufrir danos.

Leirón castaño

A fin de non alterar as actividades nocturnas dos morcegos vespertilionoídos, instaláronse unhas lámpadas LED que só se acenden cando detectan movemento. Desta maneira, a zona permanece en escuridade a maior parte do tempo. Xa que os morcegos adoitan buscar o seu alimento entre as sebes, conservaranse case tódalas sebes existentes e plantaranse máis de dous quilómetros e medio a maiores. Como houbo que cortar algunhas árbores, os voluntarios colocaron caixas para que os morcegos teñan onde durmir.

Colocando caixas para os morcegos

As testemuñas de Xehová protexen do tránsito das obras as raíces das árbores senlleiras, que polas súas características son consideradas de moito valor. Estas árbores proporcionan un hábitat para moitas especies de invertebrados, morcegos e paxaros. As testemuñas de Xehová están decididas a seguir protexendo a flora e a fauna de Chelmsford.