Ir ó contido

Galería de fotos de Warwick (de setembro de 2016 a febreiro de 2017)

Galería de fotos de Warwick (de setembro de 2016 a febreiro de 2017)

Nesta galería de imaxes poderás ver como marchan as obras da sede central das Testemuñas de Xehová, e o uso que os voluntarios comezaron a darlles ás instalacións rematadas de setembro de 2016 a febreiro de 2017.

Vista aérea do complexo de Warwick xa rematado, no sentido das agullas do reloxo:

  1. Taller mecánico

  2. Aparcadoiro para visitantes

  3. Edificio de mantemento e aparcadoiro para residentes

  4. Edificio de vivendas B

  5. Edificio de vivendas D

  6. Edificio de vivendas C

  7. Edificio de vivendas A

  8. Edificio de oficinas e servizos

 

8 de setembro de 2016. Warwick

Tódolos edificios do complexo están en uso. A principios de setembro, xa vivían aquí unhas cincocentas persoas entre voluntarios de construción e persoal procedente das antigas instalacións de Brooklyn.

20 de setembro de 2016. Edificio de oficinas e servizos

Un especialista revisa os azulexos que van colocados na entrada da exposición “Un pobo para o nome de Xehová”. Estes azulexos levan un tratamento especial para darlles un aspecto avellentado, en consonancia co tema histórico da exposición.

28 de setembro de 2016. Edificio de oficinas e servizos

Stephen Lett, membro do Consello Reitor das Testemuñas de Xehová, presidiu a primeira Adoración Matinal que se retransmitiu dende Warwick, e leu unha carta aberta de agradecemento dirixida ós máis de vinte e sete mil voluntarios que traballaron na construción do complexo, e a moitos outros que colaboraron co proxecto de diversos xeitos.

3 de outubro de 2016. Edificio de oficinas e servizos

Un carpinteiro coloca as letras do cartel situado á entrada da exposición auto-guiada “Un pobo para o nome de Xehová”, que fai un percorrido pola historia das testemuñas de Xehová dende a década de 1870 ata o presente.

5 de outubro de 2016. Edificio de oficinas e servizos

O Comité de Redacción reunido cos seus axudantes e con algúns membros do Departamento de Redacción. Nas pantallas aparecen propostas de portadas para futuras publicacións. Estas pantallas tamén se utilizan para realizar videoconferencias con departamentos do complexo durante as reunións do comité. A mesa, que foi doada hai varios anos, trasladouse a Warwick dende o complexo de Brooklyn.

20 de outubro de 2016. Edificio de oficinas e servizos

Un axudante do Comité de Coordinadores reunido con algúns dos colaboradores que ten este comité baixo a súa supervisión. Buscan a mellor forma de axudar os afectados polo súper tifón Haima, ou Lawin, que azoutou Filipinas o día anterior. Grazas ás videoconferencias, os departamentos da sede central poden atender temas urxentes con rapidez e comunicarse coas sucursais de calquera parte do mundo.

28 de outubro de 2016. Edificio de mantemento e aparcadoiro para residentes

Un estanque serve de barreira natural entre o edificio de mantemento e a entrada principal. Este e outros estanques situados en Warwick serven para reter e filtrar partículas e contaminantes da auga da chuvia. Este sistema aforra ata un 50% dos custos de instalación dun sistema de drenaxe convencional. Ademais, unha vez tratada, esta auga chega ata os regueiros da zona e contribúe a mellorar o hábitat da flora e a fauna locais.

4 de novembro de 2016. Edificio de oficinas e servizos

Un equipo de mudanzas descarga caixas no molle de carga. Uns oitenta traballadores colaboraron na mudanza do persoal de Brooklyn ó seu novo fogar en Warwick.

14 de decembro de 2016. Edificio de oficinas e servizos

Uns panadeiros colocan un enorme bolo de pan nunha mesa. Como pode chegar a pesar máis de 45 kg, empregan un mecanismo elevador para que a tarefa sexa máis fácil e segura de realizar. A panadería de Warwick conta cunha cámara de fermentación que acelera ou frea o proceso de fermentación mediante o regulamento da temperatura e da porcentaxe de humidade. Este equipamento reduce a carga de traballo necesario para enfornar centos de bolos de pan cada semana.

14 de decembro de 2016. Edificio de mantemento e aparcadoiro para residentes

Persoal de mantemento carretando o lixo para fóra do edificio de mantemento. A diferenza dos edificios de Brooklyn, a maioría dos edificios de Warwick están conectados entre si. Deste xeito precísanse menos traballadores e vehículos para transportar o lixo e os materiais que se reciclarán.

14 de decembro de 2016. Edificio de oficinas e servizos

Un voluntario pulveriza auga sobre unha camisa nun aparello de vapor para eliminar as engurras do tecido. Cada semana, pasan máis de 5000 kg de sabas e roupa polo departamento de lavandaría. Para que non se perda ningunha peza, o persoal de lavandaría etiquétaas cun código de barras. Varios escáneres len as etiquetas para garantir que tódalas pezas pasan polo proceso axeitado e se entregan no departamento ou habitación correspondentes.

20 de decembro de 2016. Edificio de mantemento e aparcadoiro para residentes

Un mecánico revisa unha plataforma elevadora que se usa na central eléctrica. Este mantemento alonga a vida do equipamento e contribúe a que sexa máis seguro para os operarios que o manexan.

10 de xaneiro de 2017. Edificio de oficinas e servizos

Un técnico elimina os erros dunha aplicación instalada na pantalla da exposición “Unha historia de fe en acción”.

11 de xaneiro de 2017. Edificio de oficinas e servizos

Os carpinteiros preparan unha bicicleta fabricada en 1903 para colocala na exposición “Un pobo para o nome de Xehová”. Esta bicicleta foi unha doazón. Algúns traballadores de Warwick encargáronse da súa restauración, e servirá como símbolo do espírito de sacrificio dos Estudantes da Biblia (posteriormente coñecidos como Testemuñas de Xehová), que empregaban este método de transporte para espallar a mensaxe bíblica.

12 de xaneiro de 2017. Edificio de oficinas e servizos

Uns carpinteiros instalan o cristal dun expositor que conterá obxectos relacionados co Foto-Drama de la Creación, un documental baseado na Biblia que combinaba diapositivas e imaxes en movemento. Estreouse en 1914 e, ese mesmo ano, foi visto por uns nove millóns de persoas.

12 de xaneiro de 2017. Edificio de oficinas e servizos

Membros do persoal de arquivo e unha especialista en artes gráficas preparan a edición de 1544 da Biblia de Zúric en latín para a exposición “A Biblia e o nome divino”. A frecha vermella que vemos en primeiro plano sinala o nome de Deus, Xehová. Os arquiveiros toman unha serie de precaucións para protexer as Biblias antigas. Por exemplo, suxeitan as páxinas con cinta de poliéster, regulan a temperatura e a porcentaxe de humidade da sala, e axustan a iluminación de fibra óptica para que as páxinas de papel non sufran danos.

16 de xaneiro de 2017. Edificio de oficinas e servizos

Uns visitantes acompañados por un guía desfrutan dunha fermosa vista do complexo de Warwick dende a torre, de 23 m de altura. As visitas guiadas e auto-guiadas con reserva previa comezaron o 3 de abril de 2017. Se queres visitar estas instalacións, vai a QUEN SOMOS > VISITA AS NOSAS SUCURSAIS e enche o formulario de reserva en liña.

19 de xaneiro de 2017. Edificio de oficinas e servizos

Un arquiveiro coloca un valioso exemplar da primeira edición publicada en 1611 da King James Version (Versión do Rei Xacobo) nunha vitrina. O persoal de Warwick encargouse de deseñar e fabricar os expositores.

19 de xaneiro de 2017. Edificio de oficinas e servizos

Unha especialista en artes gráficas coloca un sombreiro de copa nun expositor. Este sombreiro pertenceu a Joseph F. Rutherford, que estivo á fronte da organización das Testemuñas de Xehová hai un século. Esta parte da exposición “Un pobo para o nome de Xehová” mostra os primeiros pasos das testemuñas de Xehová na predicación das boas novas do Reino.

20 de xaneiro de 2017. Edificio de oficinas e servizos

O equipo de gravación traballa no estudio cun lector que poñerá voz á exposición auto-guiada “A Biblia e o nome divino”. Só unha semana despois do seu traslado de Brooklyn a Warwick, a cabina de gravación xa estaba operativa. Neste estudio (unha extensión dos estudios centrais situados no Centro Educativo Watchtower, en Patterson) tamén se gravan a Traducción del Nuevo Mundo, La Atalaya, ¡Despertad!, artigos de jw.org e outras publicacións.

27 de xaneiro de 2017. Edificio de oficinas e servizos

Unha axudante de carpintaría pinta os bordes dun expositor tridimensional de fotografías. Nesta parte da exposición “Un pobo para o nome de Xehová” pódense ver fotografías históricas dos Estudantes da Biblia de finais do século XIX.

15 de febreiro de 2017. Edificio de oficinas e servizos

Un artista pinta unha figura de Brais, personaxe da serie de animación Faite amigo de Xehová. Esta figura estará situada nunha zona dedicada ós distintos materiais didácticos que as Testemuñas de Xehová deseñaron pensando nos máis pequenos.

15 de febreiro de 2017. Edificio de oficinas e servizos

Un carpinteiro corta fotografías e carteis de vinilo para a exposición “Un pobo para o nome de Xehová”. En total, máis de duascentas cincuenta persoas, incluídos ebanistas, programadores informáticos, deseñadores, electricistas, albaneis, cámaras e redactores, traballaron na creación das tres exposicións.