Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Testemuñas de Xehová

Galego

Felicitan as Testemuñas de Xehová de Hungría pola súa axuda

Felicitan as Testemuñas de Xehová de Hungría pola súa axuda

Unhas chuvieiras pouco frecuentes fixeron que en xuño de 2013 se desbordasen algúns ríos do centro de Europa. En Hungría, case todo o río Danubio alcanzou un nivel de auga xamais rexistrado.

En vista da situación de emerxencia, o ministro húngaro de Recursos Humanos preguntou á sede das Testemuñas de Xehová en Hungría se poderían axudar ó goberno a poñer en marcha certas medidas para protexer a poboación. Respondendo a esta petición, a sucursal invitou as congregacións localizadas ó longo do río Danubio a que colaborasen nas tarefas de prevención organizadas polas autoridades locais.

A resposta das congregacións foi excepcional. Durante varios días, máis de novecentas testemuñas de Xehová de 72 congregacións diferentes participaron en traballos de contención do río. Pedíuselles que levasen unha tarxeta de identificación co seu nome, a súa localidade e as palabras “Testemuñas de Xehová”.

Nunha das cidades, un representante da Cruz Vermella de Hungría enviou a seguinte mensaxe a unha das congregacións: “Merecen o noso agradecemento e respecto. Poucas veces podemos ver a persoas tan unidas e tan dispostas a axudar coma vostedes, por non mencionar o esforzo que moitos tiveron que facer viaxando dende lonxe. É un pracer poñelos como exemplo na nosa cidade”.

A sucursal tamén recibiu unha carta do presidente dunha organización que axuda ós damnificados dos desastres, quen ademais é membro do Parlamento de Hungría, na que agradecía a excelente colaboración das Testemuñas de Xehová.