As testemuñas de Xehová guiámonos polos consellos da Biblia. Por iso non respondemos a tódalas acusacións ou burlas que nos fan. Por exemplo, un proverbio bíblico di: “Quen corrixe ó burlento, carga el coa aldraxe” (Proverbios 9:7, 8; 26:4). No canto de preocuparnos en exceso e rebater tódalas acusacións falsas, centrámonos en servir a Deus (Salmo 119:69).

Por suposto, hai “un tempo para calar e un tempo para falar” (Eclesiastés 3:7). As testemuñas de Xehová falamos con tódalas persoas que desexen saber a verdade sobre nós, pero evitamos entrar en polémicas. Deste xeito, seguimos o exemplo de Xesús e os primeiros cristiáns.

  • Xesús quedou calado cando o acusaron falsamente ante Pilato (Mateo 27:11-14; 1 Pedro 2:21-23). Tampouco se defendeu cando o acusaron de ser un borracho e un larpeiro. Pola contra, deixou que as súas accións falasen por si mesmas. Tal e como el dixo: “A sabedoría quedou acreditada polas súas obras” (Mateo 11:19). Non obstante, sempre que as circunstancias o requiriron, foi valente e respondeu ós que o calumniaron (Mateo 15:1-3; Marcos 3:22-30).

    Xesús ensinoulles ós seus seguidores que non debían permitir que as acusacións falsas os desanimasen. Díxolles: “Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa” (Mateo 5:11, 12). Xesús tamén lles dixo que, ás veces, estas acusacións daríanlles a oportunidade de defender as boas novas, e prometeulles “unha elocuencia e mais unha sabedoría” que ningún adversario podería replicar nin resistir (Lucas 21:12-15).

  • O apóstolo Paulo aconsellou os cristiáns que evitasen entrar en polémicas cos opositores, e cualificou estes debates de “inútiles e sen substancia” (Tito 3:9; Romanos 16:17, 18).

  • O apóstolo Pedro animou os cristiáns a defender as súas crenzas sempre que lles fose posible (1 Pedro 3:15). Non obstante, recoñeceu que os feitos falan máis que as palabras cando escribiu: “Porque isto é o que Deus quere: ‘que portándovos ben, lle tapéde-la boca á ignorancia’” (1 Pedro 2:12-15).