Ir ó contido

Testemuñas de Xehová

Selecciona un idioma Galego

Escolta policial para Joseph

Escolta policial para Joseph

Se es testemuña de Xehová, podes imaxinar que a policía che dá escolta namentres predicas a mensaxe da Biblia polas casas? Pois iso é o que lle pasou a Joseph en Micronesia no ano 2017. Estaba nunha campaña especial de predicación nas illas remotas cun irmán e dúas irmás.

Arredor do mediodía, os catro chegaron a un pequeno atol duns seiscentos habitantes, e recibiunos o alcalde da illa. Joseph explica o que aconteceu: “O alcalde díxonos que un camión da policía podería levarnos a cada unha das casas. A oferta sorprendeunos, pero rexeitámola con respecto. Preferiamos visitar as casas do xeito no que sempre o facemos”.

Así que, dispostos a falaren con cantas máis persoas mellor, botáronse a andar. “A xente era moi acolledora e escoitábanos con interese”, dixeron os predicadores. E engadiron: “Por iso botamos máis tempo en cada casa do que esperabamos”.

Máis tarde no día, os policías pasaron dúas veces por onda Joseph nun camión. A terceira vez que pasaron, os policías pararon e preguntáronlle se podían levalo ás casas que inda non visitara. Joseph lembra: “Díxenlles que non. Pero insistiron dicíndome: ‘Inda che quedan moitas casas por visitares e tes pouco tempo, así que ímoste levar ás casas que che faltan’. Esta vez xa non puiden desbotar o ofrecemento porque o certo é que me faltaba un lote de casas por visitar. Cando nos achegabamos a cada unha das casas, os policías dicíanme o nome da familia. Ademais, tamén me dixeron que, se ninguén viña á porta despois de eu petar nela, farían soar a bucina para avisaren ó dono da casa”.

“Coa súa axuda, puidemos visitar tódalas casas nese día. Deixámoslles moitas publicacións ás persoas e quedamos en volver falar coas que desexaban aprender máis da Biblia.”

Os policías dixéronlle a Joseph: “Encantounos colaborar convosco en espallar boas noticias.” Cando as testemuñas marcharon ó solpor, os policías despedíronos dende a praia dicíndolles adeus coas publicacións bíblicas nas mans e un sorriso na cara.