Ir ó contido

A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA

“Tiña máis preguntas ca respostas”

“Tiña máis preguntas ca respostas”
  • Ano de nacemento: 1976

  • País de orixe: Honduras

  • Outros datos: Foi pastor dunha igrexa

O MEU PASADO

Nacín en La Ceiba (Honduras) e son o máis novo de cinco irmáns. Era o único neno e tamén o único xordo da familia. Viviamos nun barrio perigoso e eramos moi pobres. Cando tiña 4 anos, meu pai morreu nun accidente de traballo e as cousas foron a peor.

Miña nai fixo canto puido por coidar de min e das miñas irmás, pero case nunca tiña cartos para mercarnos roupa. Cando chovía, adoitaba pasar frío porque non tiña con que abrigarme.

Segundo medraba, fun aprendendo a linguaxe de signos hondureña, o que me permitiu comunicarme con outros xordos. Pero miña nai e miñas irmás non sabían falar nesa linguaxe, así que só podían comunicarse comigo mediante uns poucos xestos e signos que inventaramos. Inda así, miña nai queríame moito e protexíame dos perigos. Cos poucos signos que sabía, advertiume de malos hábitos coma fumar e beber de máis. Estoulle moi agradecido porque así puiden medrar sen caer neses vicios.

Cando era novo, miña nai adoitaba levarme á igrexa católica, pero non entendía nada porque ninguén me traducía á linguaxe de signos o que alí se dicía. Aburríame tanto que cando tiña 10 anos deixei de ir. Con todo, aínda quería saber máis sobre Deus.

En 1999, cando tiña 23 anos, coñecín unha muller dos Estados Unidos que pertencía a unha igrexa evanxélica. Deume clases da Biblia e ensinoume linguaxe de signos americana. Gustábame tanto o que aprendía da Biblia que decidín facerme pastor evanxélico. Logo, mudeime a Porto Rico para asistir a un centro educativo para xordos. En 2002 volvín a La Ceiba e, coa axuda dunhas amigas, fundei unha igrexa para xordos. Co tempo casei con Patricia, unha das miñas amigas.

Como pastor da nosa igrexa, daba sermóns na linguaxe de signos hondureña, mostraba debuxos de historias da Biblia e representaba os relatos para axudarlles ós xordos a entendelos. Tamén visitaba os xordos dos arredores para animalos e axudalos cos seus problemas. Mesmo fixen unha viaxe misional ós Estados Unidos e a Zambia. Pero o certo era que non sabía tanto da Biblia. Tan só lles dicía ás persoas o que me dixeran a min e o que eu entendía dos debuxos. En realidade, tiña máis preguntas ca respostas.

Certo día, uns membros da miña igrexa comezaron a espallar mentiras sobre min. Ían dicindo por aí que era un borracho e que enganaba a miña muller. Enfadeime e decepcioneime moito. Pouco tempo despois, Patricia e mais eu deixamos a igrexa.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

Inda que as testemuñas de Xehová nos visitaran a miúdo, nunca quixeramos escoitalas. Pero, despois de deixarmos a nosa igrexa, Patricia aceptou estudar a Biblia cun matrimonio: Thomas e Liccy. Quedei abraiado porque, malia que non eran xordos, sabían linguaxe de signos. Así que non tardei moito en unirme eu tamén ó curso da Biblia.

Durante uns meses, estudamos cuns vídeos en linguaxe de signos americana. Pero interrompemos o curso da Biblia porque unhas amigas acusaron as testemuñas de Xehová de deixárense levar polo que dicían os homes. Inda que Thomas me demostrou que as testemuñas de Xehová non van tras líderes humanos, eu non o crin.

Uns meses despois, Patricia caeu nunha fonda depresión e pediulle a Deus que a volvesen visitar as testemuñas de Xehová. Pouco despois, unha veciña que era testemuña de Xehová falou con Patricia e ofreceuse para dicirlle a Liccy que a visitase. Liccy demostrou ser unha amiga de verdade. Viña tódalas semanas para animar a Patricia e para estudar a Biblia con ela. Pero eu aínda tiña as miñas dúbidas sobre as testemuñas de Xehová.

En 2012, as testemuñas de Xehová participaron nunha campaña especial para ofrecer o vídeo Buscas respostas? na linguaxe de signos hondureña. Liccy tróuxonos unha copia do vídeo. Cando o vin, aprendín que moitas das doutrinas que eu adoitaba ensinar, coma a existencia do inferno ou a crenza de que temos unha alma inmortal, non aparecen na Biblia. Iso impactoume.

A semana seguinte, fun á Sala de Reunións das testemuñas de Xehová e falei con Thomas. Díxenlle que quería ensinarlles ós xordos a verdade sobre a Biblia, pero sen ser testemuña de Xehová. A miña idea era formar unha igrexa aparte para os xordos. Thomas felicitoume polo meu entusiasmo pero entón amosoume o que di Efesios 4:5, onde se destaca que a congregación cristiá precisa estar unida.

Tamén me deu o vídeo Los testigos de Jehová: una historia de fe viva. Parte 1: Salen de la oscuridad en linguaxe de signos americana. Puiden ver como un grupo de homes analizara polo miúdo a Biblia para entender a verdade sobre as ensinanzas básicas. Mentres ía vendo o vídeo, identificábame con aqueles homes. Igual ca eles, eu tamén estivera buscando a verdade. Aquel vídeo convenceume de que as testemuñas de Xehová ensinan a verdade porque basean as súas ensinanzas só na Biblia. Así que retomei o meu curso bíblico. En 2014, Patricia e mais eu bautizámonos como testemuñas de Xehová.

OS BENEFICIOS

Gústame a congregación das testemuñas de Xehová pola súa limpeza moral, é dicir, porque seguen as normas morais de Deus. Os servos de Xehová respectan esas normas na súa fala e no seu trato cos demais. Son pacíficos e anímanse uns a outros. Están unidos e todos ensinan as mesmas verdades bíblicas, sen importar o país no que vivan ou o idioma que falen.

Desfrutei moito aprendendo o que ensina realmente a Biblia. Por exemplo, aprendín que Xehová é o Deus Todopoderoso, o Soberano de toda a terra. El quérenos por igual ós xordos e ós oíntes. Agradezo de corazón canto me quere Xehová. Tamén aprendín que a terra axiña se vai converter nun fermoso paraíso e que temos a oportunidade de vivir para sempre con saúde perfecta. Estou desexando ver o día no que todo iso se faga realidade.

A Patricia e mais a min encántanos falarlles da Biblia a outros xordos. Agora estudamos a Biblia con algúns membros da nosa antiga igrexa. Cando era pastor tiña dúbidas sobre o que ensinaba, pero arestora xa non. Ó estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová, por fin atopei as respostas ás miñas preguntas.