Benquerido irmán:

Como sabes, a Biblia está chea de relatos de homes e mulleres de fe que viviron situacións moi semellantes ás nosas. De feito, eran persoas “coma calquera de nós” (Santiago 5:17). Algúns sentíronse esmagados polo peso das preocupacións e dos problemas. Outros, feridos por compañeiros de crenza ou mesmo por alguén da súa familia. E tamén houbo quen tivo que cargar con sentimentos de culpa polos erros que cometeu.

Debido a estas vivencias, algúns deles apartáronse de Xehová. Significaba iso que o esqueceran para sempre? O certo é que non. Moitos compartían os sentimentos desta oración do salmista: “Ando errante coma ovella descarriada: terma ti do teu servo, pois eu non esquezo os teus mandatos” (Salmo 119:176). Ti tamén te sentes así?

Xehová nunca esquece ós que se afastan do seu rabaño. Máis ben, intenta achegarse a eles para axudalos, moitas veces mediante algún irmán na fe. Por exemplo, pensa en como axudou a Xob. Este servo de Deus pasou por moitas desgrazas, como graves problemas de saúde, a perda dos seus seres queridos, e reveses económicos. Ata tivo que aturar palabras moi duras de quen se supoñía que debía animalo. Aínda que nalgúns momentos se sentiu confudido e perdido, nunca lle virou as costas a Xehová (Xob 1:22; 2:10). Como lle axudou Xehová a recuperar o equilibrio?

Unha das maneiras foi mediante un compañeiro de crenza chamado Elihú. Mentres Xob contaba as súas mágoas, Elihú escoitouno ata que rematou; entón, sentiu a necesidade de falar con el. De que xeito o faría? Poñeríase a criticalo ou a facelo sentir culpable e avergoñado para que cambiase de parecer? Sentiríase superior a Xob? De ningunha maneira. Motivado polo espírito de Xehová, Elihú díxolle: “Velaí, para Deus son eu tanto coma ti, tamén eu fun formado da lama”. E tranquilizouno dicíndolle que non tivese medo porque a súa intención non era facelo sentir aínda peor (Xob 33:6, 7). En vez de engadirlle máis preocupacións, Elihú ofreceulle agarimosamente a Xob os consellos e o alento que tanto precisaba.

Con esa mesma intención preparamos esta publicación. Primeiro escoitamos, é dicir, parámonos a reflexionar nas circunstancias e comentarios de moitos irmáns que se foron apartando de Xehová (Proverbios 18:13). Despois, con oración, buscamos nas Escrituras de que xeito axudou Xehová ós seus servos cando pasaron por problemas semellantes. Este folleto é o resultado de combinar as experiencias dos nosos irmáns con estas pasaxes bíblicas. Animámoste a lelo con atención. Non dubides que te queremos de corazón.

Consello Reitor das Testemuñas de Xehová