Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Volve ó carón de Xehová

 SECCIÓN 3

Os sentimentos feridos. “Cando un teña queixa doutro”

Os sentimentos feridos. “Cando un teña queixa doutro”

“Unha irmá da miña congregación acusome falsamente de roubarlle cartos. Algúns irmáns souberon do tema e comezaron a tomar partido. Andando o tempo, a irmá díxome que lle chegara información que probaba a miña inocencia. A verdade é que se desculpou, pero eu sentín que nunca sería quen de perdoarlle todo o que me fixera pasar” (Linda).

A TI tamén che pasou algo así? Algún irmán feriu os teus sentimentos? É unha mágoa, pero hai quen chega a sentirse tan doído polas malas accións doutro irmán, que as súas actividades cristiás vense afectadas. É este o teu caso?

Poderánnos “afastar do amor que Deus nos ten”?

Cando é un irmán o que nos fai mal, pódesenos facer moi costa arriba perdoalo. Á fin e ó cabo, suponse que os cristiáns debemos querernos uns ós outros (Xoán 13:34, 35). Se foi un irmán quen nos tratou inxustamente, a decepción e a dor poden acabar con nós (Salmo 55:13 [55:12NM]).

Por suposto, a Biblia recoñece que algunhas veces os cristiáns poida que teñamos “queixa doutro” (Colosenses 3:13). Pero cando somos nós os afectados, quizais se nos faga difícil manexar a situación. Que podemos facer? Vexamos tres principios da Biblia que nos axudarán.

Xehová está ó tanto de todo. Xehová ve todo o que pasa, incluídas as inxustizas que sufrimos e o mal que estas nos causan (Hebreos 4:13). É máis, a Xehová dóelle vernos sufrir (Salmo 106:44). Por iso nunca vai deixar que “a tribulación, a angustia”, ou calquera outra cousa, nin sequera outro servo seu, nos afaste “do amor que Deus nos ten” (Romanos 8:35, 38, 39). E logo non deberiamos responderlle do mesmo xeito? Non permitamos que nada nin ninguén nos afaste de Xehová.

Perdoar un mal non significa aprobalo. O feito de que perdoemos a alguén que nos tratou inxustamente non significa que esteamos minimizando, xustificando, escusando ou aprobando as súas accións. Lembra que Xehová nunca aproba os pecados, pero si os perdoa sempre que ten motivos para facelo (Salmo 103:12, 13; Habacuc 1:13). Ó dicirnos que perdoemos ós demais en realidade nos está pedindo que sigamos o seu exemplo. Xehová non “se anoxa para sempre” (Salmo 103:9; Mateo 6:14).

Cando deixamos atrás o rancor, deixamos de facernos dano. De que xeito? Pensa neste exemplo. Imaxina que colles unha pedra e a sostés co brazo estirado. A pedra non pesa moito, se cadra un quilo. Tela un momento na man pouco custa. Pero canto aguantarías se tiveses que termar dela máis tempo? Uns minutos? Unha hora? Máis? Antes ou despois, non poderías co brazo! O caso é que a pedra segue pesando o mesmo, pero canto máis tempo a sostés, máis che pesa. Isto é exactamente o que pasa co rancor. Canto máis tempo cargamos con el, por pouco que sexa, máis dano nos  fai. Por iso Xehová nos di que nos desfagamos del. Sen dúbida, deixalo ir é o mellor para nós (Proverbios 11:17).

Cando deixamos atrás o rancor, deixamos de facernos dano

“Foi coma se Xehová me estivese falando”

Que foi o que axudou a Linda a deixar de sentir rancor polo que a irmá da congregación lle fixera? Entre outras cousas, meditou nas razóns que dá a Biblia para que perdoemos a outros (Salmo 103:3, 4). Algo que a axudou especialmente foi saber que cando nós perdoamos, Xehová tamén nos perdoa a nós (Efesios 4:32–5:2). Con respecto a como se sentiu cando o comprendeu, ela comenta: “Foi coma se Xehová me estivese falando”.

Co tempo conseguiu deixar atrás o rancor e perdoou de verdade á súa irmá. Agora son boas amigas e Linda segue servindo a Xehová. Non dubides que Xehová quere axudarche a conseguir o mesmo.