Ir ó contido

Ir ó menú secundario

Ir ó índice

Testemuñas de Xehová

Galego

Volve ó carón de Xehová

 SECCIÓN 2

As preocupacións. “Aprétannos por todas partes”

As preocupacións. “Aprétannos por todas partes”

“O meu home e mais eu levabamos 25 anos casados cando nos divorciamos. Os meus fillos deixaron a congregación, e eu comecei a ter graves problemas de saúde. Entón, afundinme na depresión. Caeume o mundo enriba e xa non puiden máis. Deixei de ir ás reunións e abandonei as actividades cristiás” (June).

TODOS temos preocupacións. Ata os servos de Deus poden sentirse coma o salmista: “Medran as coitas no meu peito” (Salmo 94:19). Ademais, Xesús dixo que no tempo da fin podería ser especialmente difícil servir a Xehová debido ás “preocupacións da vida” (Lucas 21:34). E ti, sénteste superado polos problemas económicos, familiares ou de saúde? Como nos axuda Xehová a seguir adiante?

“Esa forza tan extraordinaria”

Todos precisamos axuda para loitar coas nosas preocupacións. O apóstolo Paulo escribiu: “aprétannos por todas partes”, “andamos en apuros” e “derrúbannos”. Pero tamén dixo que “non nos esmagan”, que non andamos “desesperados” e que “non nos rematan”. Entón, que nos axudará a aguantar? “Esa forza tan extraordinaria” que provén de Xehová, o Todopoderoso (2Corintios 4:7-9).

Pensa un momentiño nalgunha ocasión na que recibises esa “forza tan extraordinaria”. Lembras agunha conferencia que te fixese valorar o amor que Xehová sente por ti? E cando falabas con outros sobre o novo mundo, verdade que medraba a túa fe nas promesas de Xehová? Sen dúbida, cando asistimos ás reunións cristiás e compartimos a nosa fe con outros, obtemos forzas e paz mental. Isto axúdanos a seguir adiante a pesar das preocupacións da vida, e a servir felices a Xehová.

“Gustade e vede que bo é o Señor”

O certo é que quizais non saibas por onde tirar. Por exemplo, Xehová dinos que busquemos primeiro o Reino e levemos unha rutina de actividades cristiás (Mateo 6:33; Lucas 13:24). Pero, e se a túa xente se opón ás túas crenzas, ou a saúde ou os problemas familiares te deixan sen folgos? E se o teu traballo reclama o tempo e as forzas que doutro xeito invertirías na congregación? Sonche tantas cousas pero tan pouco tempo e forzas para chegar a todo, que ás veces quizais sintas que non podes máis. Ou mesmo chegues a preguntarte se Xehová non esperará demasiado de ti.

Xehová é moi comprensivo. Nunca nos pide máis do que lle podemos dar. El entende que precisamos tempo para recuperar as forzas en sentido físico e emocional (Salmo 103:13, 14).

Por exemplo, pensa en como Xehová coidou do profeta Elías. Nunha ocasión, Elías sentiuse tan deprimido e asustado que deixou todo e fuxiu ó deserto. Chamaríalle Xehová a atención por marchar así? Faríao volver á forza para que seguise co seu traballo? Non fixo tal. Mandoulle un anxo dúas veces que, agarimosamente, o espertou e lle deu de comer. Con todo, corenta  días despois, Elías seguía deprimido e asustado. Como o axudaría Xehová? Primeiro demostroulle que podía protexelo. Despois calmouno cunha voz que era coma “o murmurio dunha airexadiña suave”. E por último explicoulle que aínda quedaban miles de fieis servos Seus, así que non estaba só. Elías logo se recuperou e axiña seguiu traballando como incansable profeta (1Reis 19:1-19). Que aprendemos deste relato? Cando as preocupacións puideron con Elías, Xehová foi paciente e comprensivo con el. Xehová non cambiou: coida de nós do mesmo xeito.

Á hora de pensar no que lle podes dar a Xehová o mellor é ser realista. Non te centres no que podías facer no pasado, senón no que podes facer agora. Por exemplo, cando un corredor non entrena durante varios meses ou anos, non pode recuperar a súa rutina dun día para outro; empeza amodiño co obxectivo de gañar forza e resistencia. Os cristiáns somos coma os corredores: entrenamos cun obxectivo (1Corintios 9:24-27). Por que non empezas por algo que te vexas capaz de facer? Por exemplo, poderías propoñerte ir a unha reunión. Pídelle a Xehová que che axude a conseguilo. Segundo a túa espiritualidade vaia sendo máis forte, comprobarás o certas que son estas palabras: “Gustade e vede que bo é o Señor” (Salmo 34:9 [34:8NM]). Lembra que, por pouco que a ti che pareza, Xehová valora moito todo o que fagas para demostrarlle canto lle queres (Lucas 21:1-4).

Xehová nunca nos pide máis do que lle podemos dar

“Foi xustiño o que precisaba”

Que fixo Xehová para darlle a June as forzas para volver? Ela conta: “Non facía máis que orarlle a Xehová pedíndolle axuda. Entón, a miña nora díxome que ía haber un congreso na miña zona. Así que decidín asistir a un dos días. E que ben me sentín outra vez entre os irmáns! Aquel congreso foi xustiño o que precisaba. Agora son moi feliz servindo a Xehová de novo, e a miña vida ten moito máis sentido. Nunca fun tan consciente de canto necesito ós meus irmáns e o seu apoio. Síntome moi agradecida de que aínda houbese tempo para volver”.