POR QUE É IMPORTANTE

As túas decisións ó respecto afectarán moito ó teu futuro.

TI QUE FARÍAS?

Imaxina a seguinte situación. Iria só leva saíndo dous meses con Rodrigo, pero é como se o coñecese dende sempre. Mándanse mensaxes todo o tempo, falan por teléfono durante horas, e mesmo saben o que vai dicir o outro antes de que remate a frase! Pero Rodrigo quere facer algo máis que falar.

Ata agora, Iria e mais Rodrigo só se collen da man e se dan algún que outro bico. Iria non quere ir máis lonxe. Pero, por outro lado, non quere que Rodrigo a deixe. Ninguén a fai sentir tan guapa, tan especial. “Ademais... é que estamos namorados”, pensa Iria.

Se xa tes idade para saír con alguén e estiveses no lugar de Iria, ti que farías?

PÁRATE A PENSAR

O sexo é un regalo de Xehová reservado ás persoas casadas. As relacións sexuais fóra do matrimonio supoñen un mal uso deste regalo. É como se alguén che regalase unha camisa moi bonita e ti a usases como pano de limpeza.

Se pasas por alto unha lei física, como por exemplo a da gravidade, vas sufrir as consecuencias. Pois sucede o mesmo se pasas por alto unha lei moral, como a que prohíbe as relacións sexuais fóra do matrimonio (1 Tesalonicenses 4:3).

Cales son as consecuencias de desobedecer esta norma? A propia Biblia tamén o explica ó dicir que os que o fan pecan contra si mesmos (1 Corintios 6:18). Que significa isto?

 Segundo algúns estudos, polo xeral moitos dos rapaces que tiveron unha ou máis experiencias sexuais antes do matrimonio sofren algunha das seguintes consecuencias:

  • REMORDEMENTOS. Moitos dos rapaces que mantiveron relacións sexuais antes de casar din que despois se arrepentiron.

  • DESCONFIANZA. Despois de manter relacións sexuais, algúns comezan a preguntarse: “Con quen máis se terá deitado?”.

  • DESILUSIÓN. No fondo, moitas rapazas preferirían estar con alguén co que se sintan seguras, e non con alguén que se aproveite delas. E moitos rapaces deixan de sentirse atraídos por rapazas que cederon.

  • Conclusión. Se mantiveses relacións sexuais antes do matrimonio, estarías desprezando algo de moito valor: a túa dignidade (Romanos 1:24). O teu corpo é demasiado valioso. Non o regales!

Demostra que tes personalidade e non manteñas relacións sexuais antes de casar (1 Tesalonicenses 4:3). Se esperas a estar casado, poderás desfrutar de relacións sexuais sen experimentar a desconfianza, os remordementos e as inseguridades que moitas veces acompañan as relacións sexuais fóra do matrimonio (Proverbios 7:22, 23; 1 Corintios 7:3).

 QUE OPINAS?

  • Se de verdade te quere, poñería en perigo o teu benestar físico ou emocional?

  • Se de verdade lle importas, poñería en perigo a túa relación persoal con Deus? (Hebreos 13:4).